Carta aberta e agradecida para Iago Santalla: 'E a palabra fíxose carne'
Campo Freire, Xaquín - viernes, 16 de agosto de 2024
Festival de Pardiñas- Guitiriz, 04-08-2024.
Que grande es, amigo Iago!. Que grandes son os teus escritos, breves, pero densos de vida e experiencia, de pensamento profundo e corazón infinito. E sobre todo pola esperanza.
Esa tarde foi un aplauso continuo en todo o ben espazoso terreiro de Pardiñas, ateigado de toda clase de público: nenos e grandes, homes e mulleres, veciños e residentes, visitantes e forasteiros. Unha atención sen pestanexar. Seguiamos fundamentalmente a túa expresión corporal total, incluída a verbal que tanto esforzo che custaba, para chegar con cada verba a todos nós. Sabiamos ben a materialidade de cada verba que pronunciabas? Certamente que non. E ti ben te decatabas. Pero o que a ti non che dixemos foi a cantidade de significados e significatividades e de leccións de vida coas que todos e todas de alí saímos. Foi das mellores conferencias que escoitei na vida. Falo sinceramente desde o corazón e con autenticidade.
"Xesús estaba no templo, e veu como algúns ricos poñían diñeiro nas caixas das ofrendas. Tamén chegou unha viúva que botou dúas moedas de cincuenta céntimos. Pouco valor. Entón Xesús díxolle aos seus discípulos: "Asegúrovos que esta viúva pobre deu para a caixa dos pobres máis do que todos os ricos. Porque todos eles deron do que lles sobraba; pero ela, que é tan pobre, deu para os demais todo canto tiña para vivir". (Lc 21). A túa palabra, feita carne e vida, resoou en nós como a esmola daquela viúva do Evanxeo.
Querido Iago. A mellor conferencia que escoitei en público na miña vida. Porque este día "a túa palabra fíxose carne". (Xn, 14). Nas outras, moitas delas moi boas e eruditas, foron discursos lóxicos e razoamentos densos. Moita doutrina, certamente. Pero nelas as persoas ao falaren e falarmos non puxeron e non poñemos a vida total en cada palabra. Esa ficaba fóra das verbas. No teu caso a PALABRA FAISE CARNE.
Houbo en Ferrol polos anos sesenta un sacerdote moi douto e moi santo: D. Eliseo Ruíz de Cortázar, familiarmente para todos, D. Cuco, como lle chamaban de neno. (Ten dedicada unha rúa en Caranza). Foi moi dos pobres, das mulleres viúvas e dos orfos e da xente que lle custaba moito vivir e que eran maltratadas, bébedos, sen fogar, e forasteiros sen acubillo, dos pescadores, etc. Como dicimos entre nós: "xente de mal vivir". Cando realmente e de verdade esas son xente que vive mal e malamente vive pero son de corazón grande e alma bondadosa que son os auténticos valores do Reino de Deus a súa xustiza. O resto é trampa.
Era moi asmático, e máis que pronunciar farfallaba sons non intelixíbeis ao oído, e afogábase por falta de respiro. - "Que dixo hoxe D. Cuco, na rúa, na igrexa, no bus, na reunións, etc." Que avisos deu? - Non o sei. Pero falou moi ben. Falou para os pobres e entendéuselle todo. Que ben fala!, non si?
E o raposiño dixo: - Adeus! Velaquí o meu secreto, que non pode ser máis simple: Só se pode ver ben co corazón; o esencial é invisíbel para os ollos. E repetiu o Principiño para acordarse. - O esencial é invisíbel para os ollos.
Querido Iago: veño seguindo os teus escritos curtos e profundos. Estou engaiolado deles e con eles.
O libro de Xobe, na Biblia remata dunha forma impresionante despois de tanto drama. "Antes coñecíate de oídas. Agora víronte os meu ollos, Señor".
En Pardiñas, no Pregón do Festival, a min pasoume iso contigo. E como eu estaba a ver a multitude desde o palco, tamén percibín as bágoas e o entusiasmo, a admiración e os aplausos, o respecto e a bondade. Non foi un "espectáculo". Só foi o que tiña que ser: descubrir que "a palabra fíxose carne", nun home de ben, que loitou e loita por redimir a humanidade para a humanidade. Que ben se entende a humanidade desde ti! Moitos outros falamos de memoria!
Graciñas, meu ben. Non canses. Bicos. E grazas a cantos e cantas andan ao teu arredor creando e axudando suplencias.
E de paso, non quero esquecelo. Teño recordos para ti de Bernardo García Cendán.
Parabéns tamén para Alfonso Blanco Torrado e para cantos andan nas contornas desta festa e da Universidade universal de Xermolos. Que nunca deixemos morrer este movemento nin o espírito de autenticidade que hai na utopía profunda que aí latexa e a fai posíbel.
Vémonos na vida, amigo. Sempre teu.

Campo Freire, Xaquín