No 2025 vaise facer recoñecemento do cancioneiro popular, da poesía oral que crearon, conservaron, coidaron, transmitiron, recolleron... maioritariamente as mulleres.
A parte anónima da humanidade custodiando esa parte case invisible da literatura que se mantén ao longo dos séculos, dende as idades máis afastadas, pasando de boca en boca e mantendo a tradición. As voces baixas da Historia, dicía alguén, as que alegran o tempo de traballo e gozan cando este remata, nos seráns.
Cantareiras e pandereteiras, mulleres que mantiveron o legado para traérnolo, tamén, grazas ás persoas que botaron man desa riqueza de beleza e arte, recolléndoo en

recompilacións como as dos mestres e os músicos (Mini e Mero que están no MPG, as de Fuxan os ventos e esa recua de músicos do folk como Mercedes Peón, Xabier Díaz, Ses, Leilía, Milladoiro, Faia Díaz...) que actualizaron temas e maneiras. Mercedes coa súa melena de nena tenra naqueles Luares nos que semellaba unha elfa perdida nun mundo de trolls. Aí, a señora Josefa acompañando a Manu Chao que veu buscala a Bastabales ou os que as recolleron nos discos que varias editoriais publicaron para que se mantivesen. Aí, Dorotea Shubert con Antón Santamarina, e con eles os mestres que deron acobillo e foron trasladando a unha moza suíza que percorreu Galicia.
Traballos en man común para mostrarnos quen fomos, quen somos e quen queremos ser. A RAG seguindo unha norma, personaliza estas cantareiras baixo determinados nomes que se sitúan en certas zonas, pero as Letras deste ano van máis alá, van a cada recuncho no que houbo ou hai cantareiras e pandereteiras, onde houbo quen recolleu e quen gardou e publicou en papel ou dixital.
Toda Galicia está de festa!
Non hai recuncho que non teña que celebrar. A RAG vaise ter que dividir para enviar un académico ou académica a cada recanto a facer os honores, cada concello vai ter que traballar coa súa xente, cada escola co máis próximo (como sempre debe ser) e todos celebrando Galicia.
Iso si, hai que ter tino porque os sacaúntos aparecen no lugar menos pensado e do xeito máis perverso. Hai quen canta as nosas cantigas populares en castelán porque seica así o fixo e fai o pobo, querendo convencernos de que esa é a verdadeira tradición. A ver, se me rachou a camiseta lévoa rachada ata que non a dou cambiado, pero esa rachadura non é o seu ser, é unha circunstancia que se amaña cando chego á casa. O mesmo pasa co folclore, cantábano en castelán e cantábano mal porque pensaban que era así coma o deberían facer porque tiñan unha lingua que seica non valía para nada e elas non querían pasar por xente que non sabe falar. Da mesma maneira, hai cantigas que reproducen uns valores absolutamente negativos en relación á igualdade de xéneros ou ao idadismo, porque tamén teremos que ver a maneira de amañalas, o que non quere dicir que para os documentalistas non as gardemos tal como as recollemos. O baile, tamén ten o seu 'aquel': a estas alturas todos e todas sabemos que cada un e cada unha baila como quere: cos brazos en alto ou polo baixo, abertos ou máis ben pechados, dando brincos ou non, pero non obedecendo a determinadas maneiras tal como nos obrigaba a facer a Sección Feminina nos tempos do franquismo cando nos poñía a bailar para distraer e facer bonito. A tradición é o que ten, podemos actualizala, non é un corsé que nos obrigue a manternos dentro dunha armadura inaceptable.
Vai ser o ano de cantar a literatura, de dicir en verso os textos, de escoitar máis ca ver, de bailar acompañándoas. Agardamos non perder esta oportunidade que a Academia nos entrega para pornos a ben coas mulleres que de verdade estiveron aí ao longo do tempo, para equilibrar un alguiño a fenda de xénero e para pór en valor o máis próximo dentro da Academia, no día a día. Que ano de festa!!!!