Alixeirando peso para mellor subir
Cabada Castro, Manuel - miércoles, 14 de agosto de 2024
Adoito dicir que todos (sexamos ou non suficientemente conscientes diso) queremos vivir plenamente e sempre. Isto lévanos a querermos ser os meirandes, os máis intelixentes, os máis ricos, os máis poderosos, os máis xenerosos etc. Recoñezámolo ou non, algo diso agáchase sempre no noso interior, no noso corazón. En principio tampouco ten que ser considerado iso como algo "malo". Pois en realidade con esa tendencia cara ao máis alto non facemos senón manifestar a nosa semellanza con Deus e a nosa procedencia de quen o é todo, de quen ten todo o poder e mais tódalas perfeccións que podemos maxinar, en grao infinito ademais.
Sen eses desexos a humanidade deixaría de ser o que é. Se non tivésemos desexos de vivirmos sempre e, polo tanto, se deixásemos de querer progresar e mellorar as cousas, deixariamos en definitiva de sermos humanos. Mais sabemos tamén que para iso, para ese progreso e para esas melloras na realidade humana, fai falla termos moi en conta os demais: as persoas que conviven connosco e que precisan da nosa axuda, como tamén nós precisamos continuamente a axuda deles. Eles queren tamén ser persoas de valía, queren progresar e ascender, aspiran tamén a vivir sempre etc. Por iso ou colaboramos todos mutuamente respectando esa nosa común tendencia ou, se nos enfrontamos uns contra outros, iremos conxuntamente á ruína. É evidente que este tipo de consideracións teñen, por moi abstractas que parezan, unha gran relevancia política e social.
Pois ben, a festividade da Asunción de María, que celebramos sempre en tempos de verán e de vacacións, pode axudarnos en relación co que acabo de comentar. Só un par de reflexións.
Normalmente tendemos a imaxinar Xesús e maila súa nai, María, como realidades "celestiais", pouco relacionadas coa nosa vida corrente e normal. Algo así como tendemos a considerar o papa como algo case celestial, resultándonos estraño que se comporte ou queira comportarse como unha persoa sinxela e normal. De aquí proveñen, no que se refire a María, tantas celestiais imaxes que temos dela. Isto pode levarnos a pasar por alto que María, na súa vida real, tivo que ser moi distinta daquela muller "celestial" creada ou imaxinada por pintores ou escultores. Pois ela sería efectivamente unha muller máis do pobo, polo tanto pobre, traballadora, identificada coas persoas coas que convivía e participando da súa común cultura e relixión. Iso si, bondadosa, amante de familiares e veciños, entregada e servizal con cantos solicitasen calquera tipo de axuda. Seguramente podería dicir sobre si mesma o que o seu fillo dicía de si: "Non vin ser servido, senón servir". Sabemos ademais, polos relatos evanxélicos, que María se consideraba a si mesma como "escrava" de Deus e, polo tanto, escrava tamén dos fillos de Deus, dos demais. Dicía sobre si mesma que Deus "reparara na humillación da súa escrava". E como tal "escraviña", alá se irá, por exemplo, a toda présa (tal como nos di Lucas), acompañar a súa curmá Isabel, que estaba á espera do nacemento do seu fillo Xoán o Bautista.
Deste xeito, María espallaba a graza de Deus, é dicir, a presenza bondadosa e misericordiosa de Deus, por onde queira que estivese. Dísenos no texto de Lucas que Isabel quedou así "chea de Espírito Santo" grazas a María, que pola súa parte se sentía tamén fondamente alegre nesa visita familiar: "alégraseme o espírito proclama alí María- en Deus, o meu Salvador". Unha ledicia contaxiosa, porque lles vai afectar tanto a Isabel coma ao seu fillo, próximo a nacer. Isabel sentirase por iso igualmente "alegre" ao se sentir chea tamén do "Espírito Santo". Igual ca o neno, que pola súa parte "brinca de alegría nas súas entrañas".
Amor, espírito de servizo e alegría van sempre xuntos. Mais todo isto de maneira moi concreta e achegada á terra. A "humildade" de María hai que vela así no seu sentido etimolóxico orixinal de proximidade á "terra".
Xustamente por estar María moi achegada á terra, ou sexa, por ela ser moi "humilde", polo que hoxe celebramos a súa "Asunción" ao máis alto dos ceos. Ela segue polo camiño que antes dela andou o seu Fillo Xesús e que concluíu coa súa Ascensión aos ceos. Terra e ceo están así e para sempre, trala Ascensión do Señor e a Asunción de María, estreitamente unidos para todos nós. Podemos dicir que se un non se apoia ben na terra non poderá tampouco ascender ao ceo. Dito coas palabras de Xesús: "Todo o que se humilla será enxalzado, e todo o que se enxalza será humillado" (Lc, 18, 14).
A nai de Xesús meditaría moitísimo na grandeza de Deus e sentiríase por iso moi achegada á terra. Coméntao ela mesma no comezo daquel fermoso himno seu, o "Magnificat", no que enxalza o poder e as marabillas de Deus: "Proclama a miña alma a grandeza do Señor". Mais hai tamén neste himno unha clara referencia á insensatez e ilusión dos chamados "poderosos", que se cren máis importantes e dignos de atención e respecto cós demais. Para ela, en cambio, só Deus é o único que pode ser proclamado poderoso e grande. Fóra del ninguén. Canta esperanza e ilusión poden suscitar aínda hoxe en moitas persoas e países estas palabras de María no seu grandioso himno!: "Manifestou [o Señor] o poder do seu brazo, dispersou os soberbios de corazón; derrubou os poderosos dos seus tronos e elevou os humildes; os famentos encheunos de bens e os ricos despediunos baleiros".
En calquera caso, está moi claro que o Deus de Xesús e de María non está cos que se consideran a si mesmos "poderosos", senón cos que se abaixan e dispoñen a servir os demais. Só estes quere Deus enxalzar e encher dos seus bens e da súa ledicia. Así o fixo con María.

Cabada Castro, Manuel