Na homenaxe que Xermolos lle rendeu en Vilalba a Antía Cal, comenteille o máxico que

para min era o lugar de Muras ao que estaba vencellada -casa dos seus avós maternos-, que hoxe proclama "Aquí criouse unha mociña que veu da Habana para coñecer a terra onde naceron os seus pais, os seus avós, e todas as súas xentes". Era o "Mesón de Vázquez", onde paraba o coche dos Veiga que desde Vilalba me levaba cara a Ambosores nos meus veráns infantís. O mundo habitado remataba alí, e alí comezaba o misterio.
A maxia que para min tivo aquel lugar, volve con especial simbolismo coa exposición de Antón Beiras "A malla de Pascual, 1957", montada nunha palleira fronte ao antigo Mesón, coa que a familia Beiras-Cal recupera un importante anaco da historia visual.

As fotos lembran tempos idos, persoas e labores que xa son historia, perfecta crónica redactada polo galeguista e oftalmólogo de referencia, que con Antía -mestra e pedagoga- formou un binomio querido e respectado por todos.
Hai que ir a Muras para ver a exposición, e vale a pena, especialmente para os que lembren os tempos da vella estrada que pasaba polo "cruce" e polo Mesón que desde tempo inmemorial era parada dos viaxeiros.
É unha sorpresa moi grata ir pola vella estrada e de súpeto atopar unha palleira restaurada, con vistosa rotulación exterior, e pisar as vellas taboas do interior mentras contemplamos imaxes irrepetibles que seguen vivas no máis profundo de nós, e nos dan a mellor imaxe do que se pode facer para que a memoria -dos feitos e das persoas - siga viva, e o rural non morra de todo. En Muras: Sinal de Vida..
(Na primeira foto, edificio do MESÓN DE VÁZQUEZ. Na segunda, Palleira fronte ao Mesón coa exposición Beiras-Cal).>