Morto o Bispo San Gonzalo (Bispo Santo), o pobo de San Martiño de Mondoñedo Foz, mandou facer unha imaxe do prelado, para así ter presente o seu físico, porque cando se ve a imaxe que representa a un santo, parece que os rezos nos chegan mellor a el.
Do Bispo Santo, non só se fala dos milagres da Fonte da Zapata ou de Navíos

Normandos, pois tamén se di que curou enfermos, fixo camiñar a coxos, deu vista a cegos, etc., etc.
Un día, chegou a San Martiño de visita, o bispo Frei Sebastián Arévalo Torres (que rexeu a diocese de Mondoñedo dende 1672 a 1682). Cando viu a imaxe do Bispo Santo, preguntou, a quen representa esta imaxe?. Os fregueses contestáronlle, que era a do Bispo San Gonzalo
Frei Sebastián, ó ver que tal santo non estaba nin beatificado nin recoñecido polo Vaticano, prohibiulles o culto da imaxe como a de San Gonzalo, pero si que á imaxe a intitulasen San Nicolás ou San Rosendo, ou sexa, cambiarlle o nome á imaxe polo doutro bispo tamén santo.
O bispo Frei Sebastián quixo proseguir a súa visita, o cal se desprazaba sobre dunha mula que ó parecer era moi mansa, pero cando o prelado quixo subir de novo ó animal, este enfurruñouse de tal xeito que o bispo non puido montar de novo. Cheo de admiración pola reacción da súa mula, considerou o feito como un aviso Divino, polo que deu orde ó Lectoral Antonio Nievares para que convocase ós pobos comarcais e facer público o novo milagre do Bispo Santo e non só devolverlle o culto que lle correspondía á imaxe se non de ordenar a súa festa con data concreta. O luns de Pentecostes.
Texto extraído do libro "La Antigua Catedral de San Martín de Mondoñedo" de Santos San Cristóbal Sebastián, cóengo e fundador do Museo Catedralicio e Diocesano de Mondoñedo.