Sobre ecuacións e misterios
Apuntei ó centro do albo e... disparei. Nin tan sequera fixen diana en todo o obxecto. Son malo resolvendo ecuacións, como tamén o son xunguindo palabras de orballo. Intento atar a S de seca coa CH de chuvia e queda algo así coma schweppes, unha cousa rara. Son malo resolvendo a ecuación de por que súo nesta tarde de canícula cando estou á sombra? Hai ecuacións que en vez de resolverse, forman un misterio.

Como hai misterios que se tarda moito en resolver... ata que se chama a un especialista. O outro día chamáronme para que resolvese o caso dunha muller que, tras varias horas, non chegaba a unha cita. Nin tan sequera fixo falta que a buscase; souben ó momento que engarrara nunha silva. Tamén quixeron que investigase a un home que, despois dunha carreira, nin suaba nin abafaba. Mirándolle o sorriso adiviñei que lle acababa de ganar a un sapoconcho.
Si que hai misterios que non se resolven nunca. Ou case nunca. Que significa unha tatuaxe sobre un cacho de pel? Por que tales tatuaxes se realizan en zonas medio prohibidas? Por que logo de tropezar, afociñar centos de veces, nunca caes? Ou case nunca. Por que a tea de araña aguanta o peso de media ducia de elefantes? Por que o ruído sobresae sobre o silencio e, este, se acovarda ante aquel?
Collín a esgalla certas ecuacións e intentei resolvelas. Pasoume coma cos pementos de Padrón, que uns picas e outros non. As que aínda non resolvín sigo dálle que dálle ata que o silencio impere sobre o ruído. De algo me vale ser especialista. Aínda que sexa malo.
Licenza para soñar
Pedín licenza para soñar. Concedéronma. Así é que soñei que o ceo era azul e que logo do lóstrego, do alustro, da chispa chega o trono. Soñei que soñar esperto é bonito. E que un piollo facía unha viaxe en tren deica o Polo Norte. Soñei que cando un fala, onde hai moito silencio, molesta, xiringa, amola. Tamén soñei co "home lobo en París" de La Unión e cos óboes de Morricone de "A misión".

Concedida a licenza, a autorización, o permiso de soñar, seguín soñando co bambán dun berro cando sae seco e con forza e co can-can dunha bailarina cunha tatuaxe no peito esquerdo. Na realidade, ó mellor era no dereito. Soñei que soñaba un soño doce e agradable, limpo e claro, silandeiro e romántico. Soñei unha batería de preguntas que se quedaron sen resposta. Porque no silencio estaba o baleiro, ou no baleiro había tan só silencio. Máis ou menos é igual.
Soñar mentres un está sentado, ou na cama, ou no sofá, ou no lombo dun cabalo é coma soñar un desexo real que se cumpre, aínda que a propia realidade se poña costa arriba. Soñei catro pingas de orballo sobre un papel cuadriculado e dous retrousos dunha canción que se me pegaron desde a mañá cedo. Ás veces un esperta como esperta e anda practicamente somnámbulo todo o día. As cousas, ás veces, en vez de clarexar, escurecen.
Pedín licenza para soñar. E levo un bo cacho soñando. Cos tronos de son de fondo, co decorado das luces dos relampos e coas pingas de auga que caen sobre o asfalto. Soñei que soñaba desde o pretérito perfecto ata o imperfecto. Soño que a realidade está no presente.