Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A actualidade de Neira Vilas

Sampedro, Pilar - jueves, 15 de agosto de 2024
Hai autores que xa eran clásicos antes do seu pasamento. Non son moitos, pero Neira Vilas está nese Olimpo.

Recoñecíao o profesorado cando tiña a oportunidade de poñer as súas obras nas mans do alumnado ou cando podía realizar un encontro con el. Sabíao GALIX cando o fixo socio de honra, CLIJ cando lle facía chegar a súa revista polo simple feito de ser un A actualidade de Neira Vilasgran autor recoñecido no ámbito infantil. Os críticos cando lle concederon os dous premios da Crítica (a Española en galego e a de Galicia). A Fundación Pedrón de Ouro cando lle concedeu o pedrón de honra, a Federación de librarías, a AGE, a AELG... as diferentes fundacións e concellos que o recoñeceron. Sabíao a Xunta de Galicia cando lle concedeu a medalla Castelao e a medalla de Ouro de Galicia. Sabíano as universidades cando o declararon honoris causa (na UdC, a USC e a da Habana).

Poderiamos continuar este listado de recoñecementos pero hai algúns que deben destacar sobre os demais. Por exemplo, o feito de que Galaxia, a editora gardiá das grandes autorías galegas, teña creado a Biblioteca Neira Vilas, a única dedicada a un autor vivo. O feito de que se teña realizado a exposición 50 anos de Memorias dun neno labrego que percorreu o país levando ao autor por toda a xeografía. Non é alleo á recepción desta obra (best e long seller da literatura galega) contar cunha canción ou unha peza teatral (Memoria das memorias dun neno labrego) e varios intentos de audiovisual. Varios centros de ensino, bibliotecas e rúas levan o seu nome para honrarse e honralo.

O morte de Neira Vilas doeulle ao mundo da cultura pero tamén ao dos lectores e lectoras que pasaron por Bonaval ou acudiron a Gres onde un bispo actuou de axudante dun crego para honralo, así de humilde e grande era o noso creador! Eu penso que ata o choraron (con bágoas de verdade, das que mollan) os personaxes por el creados, porque el escribía para vivir e o universo desexaba que seguira facéndoo. Era tan querido que na presentación dos seus libros sabíamos que había un momento no que a xente se achegaba a pedirlle consello; a súa acompañante neses días, Chus, non deixará que eu minta.

Despois desa data a Fundación Neira Vilas coidou do seu legado mantendo a súa presenza, dedicándolle días e actos, creando o premio que leva o seu nome...

O apoio que supuxo que a consellería de educación e cultura introducise o Día da lectura (do lector e da lectora) na data do seu nacemento, a proposta da Fundación, foi moi grande porque está no calendario do Libro e da Lectura para sempre.

Outro apoio ao que se lle debe grande agradecemento é o feito de que Galaxia vaia actualizando a súa biblioteca de autor, reeditando os seus libros e sosténdoos na actualidade, con plena vixencia. Un a un foron saíndo do prelo De cando Suso foi carteiro, Camiño bretemoso, Remuíño de sombras, Historia de emigrantes e Galegos no Golfo de México, Aqueles anos do Moncho, Pai... Ademais, publicou na colección de Lectura fácil para promover a inclusión as obras Memorias dun neno labrego e Espantallo amigo.

Por se fose pouco, hai un par de meses saía á luz a banda deseñada de Iria Aldegunde sobre a novela Memorias dun nenos labrego. Un cómic feito ao estilo dos vellos tempos atendendo ás cores, o deseño ou a distribución de viñetas, unha homenaxe ao libro que nos representa ata o punto de que o seu comezo funciona coma un mantra: "Eu son Balbino. Un rapaz de aldea, coma quen di un ninguén. E ademais, pobre", que se repite unha e outra vez nas bocas da cidadanía e aparece inscrito no auditorio da Biblioteca de Galicia que leva o nome do seu autor.

Longa vida a Balbino e ao seu creador!
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES