Por esmadroarse... Perdín moito nela
Un día catro pola mañá de hai agora uns setenta e cinco anos, era feira en Friol onde merquei unha vaca que en principio parecía normal, máis ben guapeteira, que fea non era. A min gustábame moito que as vacas tivesen a cabeza ben posta e a feitura dos cornos fose elegante. Chamoume a atención a vaca, fun a por ela e merqueina, mais en chegando á casa, ao día seguinte, vin o que pasaba coa devandita vaca, esmadroábase.
A vaca estaba preñada de sete meses e botaba a vaxina de fóra porque a matriz non a podía botar por estar preñada. Cando isto facía, collía un balde de auga fría e laváballa moi ben nesa auga arrefriada, porque a tiña inflamada e era unha matriz moi grande, así que sacaba de xenio e íalla lavando para que se fose sumindo e dilatando; despois levantaba a vaca e íalla metendo dentro cos dous brazos. Levantábaa porque estando deitada era moi mala de meter; ademais na corte había todo tipo de contaxios e por máis aínda estaban os toxos que podían picala e infectala.
Enchinme de coidala e de lavala e non a podía devolver, aínda que o feito de esmadroarse era motivo suficiente para facelo, pero merqueilla a un descoñecido que veu a esa feira de Friol e nunca máis volveu. Xa o fixo adrede porque ben sabía o que tiña.
Despois vendinlla a un tratante que a mercaba para morrer, vendinlla sen esperar pola cría e por iso perdín moito nela, tiña que esperar uns dous meses e pico para que parira e non esperei.
Se lle pasase algo na vaxina había que inxectala con antibióticos para que non morrera.
Tiven outras que se esmadroaban a rente de parir. Algunhas fano xa aos seis meses de preñadas e outras a rentes de parir, aínda que outras tamén o fan sen estar preñadas.
Algunhas botan fóra a vaxina e a matriz, cando iso ocorre é moi malo de recollérllelas.
Hai que ter en conta que as vacas paren aos nove ou dez meses e poden tardar en empreñar dous, catro, oito ou dez meses, o que cadre, se é que empreña, porque as hai que non o fan e logo quédanse sen dar gota de leite. O que é moi curioso é o feito de que unha vaca se non pariu nunca, tampouco nunca bota a vaxina, é dicir, nunca se esmadroa.
Texto: Xosé Otero Canto
Ilustracións: María Guerrero