Correspondencia entre Eduardo Blanco Amor e Ramón Otero Pedrayo (1959-1973)
lunes, 05 de agosto de 2024
O intercambio epistolar entre os dous intelectuais, neste período de catorce anos, seguiu coa mesma tendencia da dos anos anteriores, fortalecendo os vínculos da amizade, agradecemento, respecto e admiración. A súa lectura sosegada, esperta os sentidos e lévanos ao goce dese galego saboroso, que tanto me lembra aos falares da miña adolescencia.
Contamos con cinco comunicacións, por o contexto, deducimos que debeu de haber algunha máis das que temos constancia neste momento.
A primeira carta, está escrita a máquina, nun folio por unha cara en papel timbrado, co nome de Eduardo Blanco-Amor na parte superior esquerda. A sinatura é autógrafa.
Leva a data do día 6 de xuño de 1959, emitida desde Bos Aires e dirixida ao domicilio de Trasalba. Este documento forma parte do arquivo Eduardo Blanco-Amor, da deputación de Ourense (EBA 601-0622).
Eduardo escrebe como Asesor Cultural do Centro Galego, o motivo central da carta, é a invitación para participar nas xornadas do Centro Galego de Bos Aires, que se celebraban nas datas previas e posteriores ao día 25 de xullo, nese ano comezaban o domingo día 19 e remataban o venres día 31. Don Ramón ía ser o protagonista, desde a súa apertura ata o peche das mesmas.
Blanco-Amor envíalle unha especie de guión, cos temas a tratar, datas, escenarios e tempos de intervención, ven a ser unha proposta aberta, na que Otero Pedrayo, ten a total liberdade para recortar, emendar ou engadir canto considere oportuno, "hasta que quede cinguida ós seus propósitos".
Na parte inferior esquerda, a bolígrafo, aparece un breve texto, que transmite información interesante, na que aflora a xenerosidade de Blanco-Amor. Invita a Silvio Santiago, (Vilardevós, 1903-Santiago de Compostela, 1974). Descubrimos que Otero Pedrayo, ía acompañado de Fita, a súa muller.
"Saúdos a Silvio Santiago. Dígalle que se veña con vostedes a pasar eiquí uns días connosco".
Na parte dereita hai unhas anotacións de don Ramón, que deben referirse aos temas e os tempos das mesmas.
A segunda carta, é autógrafa, en folio por unha cara, emitida desde Ourense 1 dos Santos 59, con destino a Bos Aires, está depositada no arquivo da fundación Eduardo Blanco-Amor, da deputación de Ourense (EBA 821).
Ao estar en Santos, lémbrase dos seus pais e os seus amigos, que descansan no campo santo de San Francisco:
"Baixo do S. Francisco. Moitos amigos. "Os meus pais".
Pasa a describir o espazo, o tempo e o modo de vida da cidade, que non é do seu agrado:
"Un sol brilante, fino, recender perguiceiro dos alcipreses e dos pinos do Montealegre..."
"Iste Ourense moi branco, moi soante, moi barulleiro, cheo de tropas de pequenos comerciantes sadisfeitos, non é o meu. Houbo sempre un sarcasmo particular de Ourense, dos graxos das Burgas. Habería que estudalo. Xa nin iso fica eiquí. Eu case sospiro por Vigo. E dende logo por Sant Iago. Máis soio curtas tempadiñas podemos parar alí. Turra e suga moito a raís de Trasalba..."
A continuación, de forma confidencial, relata a situación de desinterese, soidade e de silencio, que sofre na súa cidade.
"Entre nós pódese dicir: levo dezaseis días na miña cidade. Soio fun unha tarde a Trasalba. Non saio dende a hora de xantar. Remexo libros, fago algunha cousa. Véume a visitar un amigo, un só... Non conto o Risco, que tamén veu unha soia vez. Ninguén pergunta por ninguén. Dígollo soio a Vde. Non fale de isto. De outras terras galegas chegan cartas, perguntas, hai intrés..."
Séntese vello en idade e pide desculpas:
" Os vellos falamos de máis de nós"
Informa do pedrazo que deu cabo das colleitas é o agarimo que sente por Trasalba:
"Hai de querer a Trasalba máis que dinantes, sen colleitas, sin froitas. Todo arroinadiño cos pedrazos do vrau...
Desanda o tempo, volve mentalmente, e soña coa estancia en Bos Aires, que lle trae gratas lembranzas e algún remordemento, por pensar que as expectativas superaron as realidades:
"Cada día enxergando o case mes e meio meu con Vdes., sinto e dóeme mais a falla de "adequatio", como diría un escolástico, entre as espranzas postas en min e o froito do meu traballo. Ás veces paresme moi lonxe. Si esperto pola noite, maxino lixeiros tecidos de conferenzas e penso: "¿Cómo non fixen isto!" E deseguida, gracias a Deus, polo de agora volto a durmire..."
Cerra a carta falando do tempo ao outro lado do Atlántico, da súa actividade intelectual e do desexo de voltar a Santiago:
"Temos un levián e fino outono. Vdes. han estare co pensamento na folganza do vrau, do mar (...)"
"Pasarei con algunhas conferencias e intervenciós catro ou cinco días en Braga co gallo de un Congreso de Historia. Van outros amigos de eiquí. E despois uns días en Saint Iago. Xa me tarda voltare á sociedade dos mozos, ó circo de Piñeiro e G. Sabell"
Descubre as virtudes da soedade:
"Mais tamén ista soedade ourensán ten suas ventaxes: obriga a debullar libros novos e vellos como nos bos tempos".
O terceiro comunicado, é un telegrama enviado por Eduardo Blanco-Amor desde Barcelona, o día 3 de Marzo de 1968, con destino ao Hostal dos Reis Católicos, para a homenaxe de Otero Pedrayo, cun un breve e cálido texto: "ENTRAÑABLEMENTE ADHIROME HOMENAJE MAESTRO DE TODOS NOSOTROS EDUARDO BLANCO AMOR". Este documento está depositada no arquivo da fundación Eduardo Blanco-Amor, da deputación de Ourense (EBA 601-0628 e 601-0629).
Así recollía a noticia "La Voz de Galicia", de forma retrospectiva, cincuenta anos despois, o día 5 dr marzo do ano 2018.
"Santiago acogía hace medio siglo un homenaje a Ramón Otero Pedrayo con motivo de sus 80 años. Asistieron más de quinientas personas, a los que se habían sumado infinidad de adhesiones de toda España y de entidades regionales de América. Los actos habían comenzado con una misa en la Catedral. Otero Pedrayo fue el encargado de leer en gallego la epístola. Posteriormente, se celebró una comida en el Hostal dos Reis Católicos, en el que fueron utilizados el salón real y dos más. Hubo varios discursos, entre ellos, el del propio homenajeado, que ofreció una «memorable lección de galleguidad», según recogía la información publicada por La Voz de Galicia publicada el 5 de marzo de 1968".
A cuarta entrega, é unha carta autógrafa, nun folio por unha cara, emitida desde Ourense o día 25 de marzal do ano 1968, con destino a Barcelona, está depositada no arquivo da fundación Eduardo Blanco-Amor da deputación de Ourense (EBA 822).
Otero Pedrayo agradece e informa brevemente, debido ao seu delicado estado de saúde.
"Infindas graciñas. Escríbolle en má disposición No leito. Todo Ourense está enzarzallado de grippe. Saí[n] grave, con ledicia cuase relixiosa á Festa do 3 en Santiago como adicada á xeneración da que eu son o soio vivente.
Apertas ós amigos atal agasalleiros comigo. Os azules de Barcelona han tremare como un peito mozo do gozo dos días. Que disfroite moito.
Sempre vello amigo e ademirador, con abrazos
Ramón Otero Pedrayo".
A quinta, é unha carta autógrafa, nun folio por unha cara, emitida desde Vigo o día 1 de Agosto do ano 1973, destinada a dona de Otero Pedrayo (Fita), está depositada no arquivo da fundación Eduardo Blanco-Amor, da deputación de Ourense (EBA 601-0626).
É a última correspondencia que se intercambiaron os dous vellos amigos. Dous anos despois falecía dona Fita, (9 abril 1975), e tres máis tarde, falecía don Ramón (10 de abril 1976).
Esta última carta confirma eses vínculos de amizade, case fraternais. Blanco-Amor é invitado a un rito de paso moi importante como é a celebración das Bodas de Ouro, que agradecido e honrado, confirma a súa asistencia.
"Alédame e hónrame moito o convite que vostedes me fan chegar para acompañalos na celebración das Bodas de Ouro que, por certo cadran tamén, cos meus cincoenta anos de escritor en língoa galega.
Estarei, por, bondade de vostedes, que non por outros méritos, cos amigos que nisa data, que marca tan longa e merecida felicidade,cinguirán sobre o meio século dos Otero Pedrayo a coroa do seu agarimo, o día 4 do presente mes".
Rivero, Manuel