Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Patriotismo económico de adegueiros e consumidores

martes, 05 de mayo de 2009
A comezos do ano 1936 formalizouse na comarca do Ribeiro a creación da UCRA (Unión de Colleiteiros do Ribeiro do Avia). A sublevación militar de 1936 cortou de raíz un proxecto que prevía modernizar a produción vinícola. Para acadar este obxectivo consideraban imprescindible a Estación Enolóxica do Ribeiro, que xa fora solicitada polos expertos reunidos no Congreso Galego de Economía celebrado en Lugo en 1925. A mellora da calidade dos viños, e a súa comercialización, que tiñan acadado un mercado considerable non se podían estragar polas malas artes dalgúns que daban en elaborar viño adulterado, máis coñecido por “matute”. Tamén lles preocupaba aos dirixentes da UCRA a imaxe da denominación de oríxe, que debe estar vencellada á cultura e lingua galega, como unha maneira de distinguiren o seu produto.

Aquela visión tan innovadora de incorporaren ás etiquetas nomes comerciais vencellados á cultura tradicional denotaba unha mentalidade intelixente. A UCRA foi a precursora deste movemento actual de innovación que están a promover os adegueiros galegos a través de investimentos en I+D+i, ecuación aritmética imprescindible para sermos máis competitivos nos mercados mundiais; fórmula á que nós, desde hai tempo, vimos propoñendo que se lle engada un novo sumando, o “G” de galeguismo, como elemento singularizador no medio da inmensidade de ofertas comerciais. Do que se trata é de estar no mundo da economía con calidade e personalidade propia, para destacarmos.

Esta visión intelixente váise extendendo, e hoxe xa son moitísimos os adegueiros que etiquetan os seus envases na nosa lingua, e que nela publicitan os seus viños. Ese movemento galeguizador principiado hai seis anos pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística e o Foro E. Peinador foi ben recibido polo sector vinícola. No 2003 non eran máis quince as adegas que etiquetaban as súas marcas en galego; hoxe, son preto decento cincuenta, podéndose afirmar que unha gran parte da produción que está nos mercados internacionais etiquétase en galego.

A Asociación Álvaro das Casas vén estimulando tamén desde hai tempo este proceso galeguizador coa convocatoria dos premios “BACELOS DE PRATA”, que este ano fóronlles concedidos ás adegas “Quinta de Couselo, S.L.”, e “O Casal, S.A.T”, das denominacións de oríxe Rías Baixas e Valdeorras, respectivamente, precisamente pola decisión empresarial de identificaren as calidades contrastadas dos seus viños coa lingua galega, no acto que se celebrará o próximo día 9 en Esposende (Ribadavia). Dúas marcas prestixiosas, recoñecidas pola fidelización dos consumidores de mercados alén das nosas fronteiras.

En tempos de críse adóitase receitar o antídoto do patriotismo económico como unha das moitas medidas para saír dela. Nos debates sobre as solucións da crise fanse apelos á cidadanía para que consuman produtos elaborados ou manufacturados por nós. Os consumidores galegos deben repensar esa mensaxe en clave galega e galeguizadora, preferindo aqueles viños que estean etiquetados na nosa lingua, que é a mellor maneira de garantírmoslles ao noso idioma mil primaveras máis. Galeguizar Galicia, velaí a mensaxe, e a obriga de todos aqueles consumidores conscientes da nosa identidade, por veces ameazada.


Xosé González Martínez é o Presidente do Foro E. Peinador.

González Martínez, Xosé
González Martínez, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES