SOStibilidade
Santalla, Iago - miércoles, 24 de julio de 2024
De novo encarreirámonos cara unha noite ben especial. Unha noite poliédrica que, para min, trae en cada estrela un nome cunha ética que sigo como un compás vital. Unha noite descrita en perennidade absoluta na "Alba de groria" de Castelao e, por iso, tamén unha noite de denuncia sen renuncia, de falar ceibe sen medo nin ousadía e de ledicia en fraternidade.
Nesta noite pido, nun SOS, sostibilidade. Que a avaricia non nos prive do pan de mañá e que os remedios e as esperanzas de fora non nos rouben o ar e auga pura (ese cordel invisible que xungue terra e xeracións). Contra a avaricia o amor de avoas e avós que sementaron sabendo que ían ser outras as mans da colleita...
Creamos en nós, na nosa terra, no noso medio. En versos SOS de Celso Emilio berremos que "nunca virá de fora remedio ou esperanza" e no mesmo SOS demandemos a necesidade de aproveitar o noso para nós no amor propio.
Neste 25 temos que elevar unha pregaria de SOStibilidade e berrar que non precisamos mesías porque ningún mesías ten a forza dun pobo que quere seguir vivindo en ar limpo e auga pura.

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora