Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Un moi merecido recoñecemento para o doutor Sixto Seco

Suárez Suárez, Manuel - miércoles, 24 de julio de 2024
A Irmandade da Sanidade Galega homenaxeou ao doutor Sixto Seco coa colocación dunha placa conmemorativa na esquina compostelá das rúas Ourense e Antonio Casares que era onde tiña a súa vivenda o moi coñecido médico traumatólogo nacido en Mugardos. Son moitos os merecementos de don Agustín e van máis alá do que lle recoñece a Irmandade que son o seu humanismo e uso cotiá do galego cos seus pacientes na clínica A Rosaleda da que foi fundador xunto ao doutor Fernández Albor.

Eu quero lembrar o seu moi fraternal achegamento aos emigrantes riopratenses en tempos nos que a Xunta ía poñendo os primeiros chanzos no camiño da dignificación do esforzo emigrante. Hai que agradecerlle a súa xestión para que o busto de Castelao chegase a Rianxo para ser instalado na fronte do mar nun emotivo acto coa presencia de Otero Pedrayo. Sen o bo facer do fillo dun carpinteiro da Bazán (estaba orgulloso da súa orixe e sempre a tiña presente) non sería posible que a doazón do Patronato da Cultura Galega de Montevideo fose a primeira homenaxe, autorizada polas autoridades franquistas, a Castelao.

Era o ano 1975 e eu aínda vivía na capital da República Oriental do Uruguai e formaba parte da xunta directiva do Patronato da que era o máis novo dos seus integrantes. Alí foi onde escoitei falar por boca do secretario que era Fernando Pereira Caamaño (logo alcalde electo de Soutomaior nas primeiras municipais do 3/IV/1979) dun médico que era moi galeguista e admirador de Castelao e que se movía moi ben dentro dos ámbitos administrativos. Anos despois souben que foi don Agustín quen falou co presidente Fernández Albor para que lle outorgasen a Medalla Castelao a don Xesús Canabal Fuentes e pouco despois, fun eu, quen lle pediu que o meu querido Meilán (Manuel Meilán Martínez) fose tamén homenaxeado coa mesma distinción.

E xa que estou falando das medallas Castelao debo de suliñar que don Agustín era unha persoa chea de gratitude sincera para os galeguistas riopratenses e por iso quedou moi doído e entristecido cando fixo a petición das medallas para Maruxa Villanueva e Fernando Iglesias (Tacholas) e só lle foi concedida a dona Maruxa. No seu despacho da Rosaleda e case con bágoas nos ollos díxome algo así como que "Tacholas é moi republicano para Fraga". Pero como era un home de sentimento verdadeiro non esqueceu o desprezo a Tacholas e organizou unha viaxe do "Patronato Rosalía de Castro" a Bos Aires para levar a dona Maruxa a reunirse co seu compañeiro de escenario. O acto no Centro Galego de Bos Aires foi moi emotivo xa que era a despedida entre dúas persoas valentes que mantiveron aceso o lume da identidade propia no seo da colectivade emigrada.

Hai moito que agradecerlle ao bo e xeneroso doutor Sixto Seco e son moitas as persoas que recibiron a súa axuda ou o seu empurre ou o seu consello en calquera actividade cultural de sementeira de galeguidade. Graciñas, don Agustín.
Suárez Suárez, Manuel
Suárez Suárez, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES