Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Mariscal cuestionado e silenciado, e o Mito silencioso

Meilán García, Antón X. - martes, 13 de agosto de 2024
Grazas á Relazon da Carta Xecutoria, escrita por un Saavedra, soubemos aspectos da vida do Mariscal que senón nunca coñeceríamos, acontecementos que, por certo, se van confirmando pola Historia. Mais aqueles acontecementos que o converteron nun héroe aos ollos do seu pobo, véñense cuestionando por investigadores e autoridades civís i eclesiásticas e se poden, incluso, tratan de silencialos. A propia Relazon foi cuestionada aducindo que non se consideraba documento histórico. Cuestionouse a traizón da Frouseira, cando xa se sabía o nome dos 23 traidores, e algún deles documentado, dicindo que fora «entregada» con «ciertas condicións» cando todos coñecíamos ademais «O pranto da Frouseira»: «que xamais se veu vencida». Séguese cuestionando a traizón na casa de Afonso Yáñez en Castrodouro, secretario do Bispo, sabendo que os cóengos adoecían por recuperar os bens que lles levaba. Cuestionouse o degolamento e díxose que fora morto a garrote. Cuestionouse o dote de boda e vese nas últimas vontades esa chea de terras que tiña do Bispado, e que ademais os cóengos os tres últimos días da súa vida obligáronlle a facer e asinar un testamento para recuperalas, e non moveron un dedo por salvalo, cando tiñan poder para iso. Os Andrade pediron por Fernán Ares de Saavedra en Caldaloba, e salváronlle a vida. En Mondoñedo, calaron. Entérrano no presbiterio, no lugar máis «sacro» da catedral; onde a documentación? Desapareceu? Póñenlle un entarimado ao chan do presbiterio tapando a sepultura e ata o século xx non se descubriu e como consecuencia, silenciado, durante séculos. Aparece a tumba e os restos, e malia que os expertos da exhumación certifican que se trata do Mariscal e fillo, algúns aínda os seguen cuestionando. Entrementres, o Mito, que agromou nada máis cortarlle a cabeza, e aquel Pardo de Cela, de forca e coitelo «que de Lugo a Rivadeo todos me tiñan temor», desapareceu, mais no seu lugar, o Mito, silencioso, comezou a crecer e espallarse por esta Terra en obras literarias: Lamas Carvajal, Cabanillas, Pardo Bazán, Manuel María, Manuel Lourenzo, Juan Manuel Pardo Gayoso, Luis Enrique Cabanela,… e sen naide pedilo, nas catro provincias galegas e algúns dos pobos da Mariña lucense, honran a súa memoria poñendo o seu nome á ruas, privilexios estes, literarios e populares, que só están reservados a aquelas persoas que nalgún momento da súa vida viviron ao rente dos deuses.
Meilán García, Antón X.
Meilán García, Antón X.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES