Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Sobre as últimas palabras do Mariscal: ¡credo, credo, credo!

Meilán García, Antón X. - martes, 06 de agosto de 2024
Contan as Historias e repítese na tradición popular que ao cortarlle a cabeza ao Mariscal, caeu do cadafalso e foi roulando ata meterse na catedral farfallando: ¡credo, credo, credo! Os máis, atribúenllo ao Mito, mais en Mondoñedo aseguran que foi así. Moitas das historias que se lle achacan a un Mito teñen a súa orixe en feitos reais. O que sucede é que ao longo dos anos e séculos, vaise desfigurando ese feito ata ser case irrecoñecíbel. Poño por caso a lenda da «Ponte do Pasatempo» en Mondoñedo, na que se di que dona Isabel, a dona do Mariscal, viña co indulto de Valladolid e que uns cóengos a entretiveron na ponte de Ruzos ata ouguir o tanguido a morte das campás, e a partir de entón, pasouse a chamar a «Ponte do Pasatempo». É históricamente certo que dona Isabel foi a Valladolid a pedirlle á súa prima, a raíña Isabel, que lle devolveran os bens que lle pertencían por herdanza, e que Acuña llos incautara nada máis degolar a seu home. Sen ningunha dúbida, desta viaxe, naceu a lenda da Ponte do Pasatempo, que o tempo e os trobadores foron deturpando. Algo parecido ocorreu coas últimas palabras que pronunciou O Mariscal. Está históricamente comprobado que os tres últimos días, Pardo de Cela estivo preso nunha «cámara» da casa do cóengo Fernán Balea facendo o testamento no que certifica que «temiendome de la muerte... creo firmemente aquellas palabras que se contenen en el Credo yn Deo, por la qual creençia son çierto que la mi anima sera salva ante la faz de mi sennor Jhesu Chisto», e nada máis asinar isto, saiu para o cadafalso, onde estaba o verdugo co coitelo e un crego revestido con bonete, roquete i estola, e co crucifixo na man para darlle a última absolución, e el marmularía ese credo en Deus, que acababa de asinar. Nese mesmo momento, o verdugo cortoulle a cabeza, que caeu roulando ata meterse na catedral ao tempo que pronunciaba: ¡credo, credo, credo! É certo que científicamente a morte cerebral tarda un pouco máis que a corporal, por tanto puido ser que así fora. E algo máis. En Mondoñedo aínda se di que ese día, 3 de outubro, facía o vento tolo do outono, que axudou á cabeza a entrar na catedral, e que nada máis cruzar a porta, o organista tocou as primeiras notas dun «Requiem», que despois tocaría solemnemente no seu enterro, o famoso «Requiem por un Mariscal». Mais o vendaval non só empuxou a cabeza até a sé, senón que espallou o seu sangue a todos os puntos cardinais e rincóns do noso Reino, e aínda é o día de hoxe que no seu ventear resoan aquelas palabras ¡credo, credo, credo!, que lle abriron as portas do ceo, mais se entrou ou non, non o sabemos porque levaba un cabreo de «carajo» cos cóengos mindonienses.
Meilán García, Antón X.
Meilán García, Antón X.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES