Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os restos de Pardo de Cela na catedral mindoniense

Meilán García, Antón X. - martes, 30 de julio de 2024
Pardo de Cela tivo mala sorte en vida e aínda máis, despois de morto. En vida, cando se mostraba invencíbel na Frouseira e Acuña recoñecera que «arto tenía que haçer, porque tenía çercado a Pedro Pardo en pena Frouseira» porque non a daba conquistada, e os seus criados traizoárono e entregaron a fortaleza; en vida, o secretario do bispo, Afonso Yáñez, con quen O Mariscal despachara tantas veces sobre conflitos dos arrendos do Bispado, tendeulle unha trampa na súa casa de Castrodouro para que Acuña, por fin, o collera xunto co fillo. En vida, xa preso, en Mondoñedo, non houbo nin perdón nin piedade: nin perdón, porque o Cabido quería recuperar un montón de terras por riba da súa vida, e nin piedade, porque Acuña, cuñado dos Pérez de Viveiro, verteu toda a xenreira no fío do coitelo do verdugo, que lle segou a cabeza dunha tallada; e por se non lles chegaba con acabar con el, foron tamén polo fillo. Gañaron os Pérez de Viveiro da man do Gobernador de Galiza, e o Bispado librouse do Mariscal e do fillo. Como era Encomendeiro do Bispado, os cóengos fixéronlle un enterro «con grande autoridade» e soterráronos no lugar máis privilexiado da catedral: no presbiterio. En morte, aí, soterrados, xuntiños, estiveron ocultos por un tarimado ata que en marzo do 1965 quedou a tumba ao descuberto. Moitos séculos de silencio, tantos que deo pé para que os estudosos do Mariscal desconfiaran do soterramento. En morte, unha vez exhumados os restos e comprobado que eran do Mariscal e fillo, D. Enrique Cal Pardo, que actuou como notario do acto, escribiu con man de Deán e Arquiveiro catedralicio que «A lápida en cuestión foi trasladada de lugar; pero os restos mortais quedaron no mesmo sitio e foron recubertos coas pedras graníticas sobre as que se instalou o actual altar maior da catedral». En morte, a lápida nun lado e os restos, noutro. En morte, nin o Bispado de hoxe nin o de onte, foron quen a poñerlle unha placa identificando a lápida. Mais en morte, aínda máis segue a mala sorte, pois fai pouco un profesor da Universidade da Coruña, Alexandre Peres Vigo, acaba de publicar un traballo sobre Pardo de Cela e dinos: « […] hoxe por hoxe o paradoiro dos restos mortais do Marechal continúa a ser un enigma». Non son un enigma, seguen no mesmo sitio que o Cabido do século xv elixiu para soterralos, e mans anónimas, de cando en vez, deixan sobre a lápida flores, que arrecenden a aquel sangue que trascendeu e trascende a todos os rincóns verdecentes deste noso Reino.
Meilán García, Antón X.
Meilán García, Antón X.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES