O peite de ouro
Dicíase que, nas madrugadas de San Xoán, víase á beira do mar e sobre das rochas, a unha fermosa muller, totalmente espida e o pelo moi longo que case lle arrastraba polas rochas, e con algo na cabeza, que resplandecía moito, era un peite de ouro.

Contaban os máis vellos, que nunha ocasión, ía unha nena paseando á beira do mar preto dunhas rochas chamadas Penas da Salsa en Fazouro - Foz. A nena chamábase Xosefa e tiña doce anos. Xosefa contaba que, aquela rapaza estaba totalmente espida e o cabelo era tan longo que lle arrastraba polas rochas e peiteábase con un peite que resplandecía moito, era un peite de ouro. Xosefa, quixo amablemente saudar á rapaza e díxolle "bo día, señora". A rapaza non lle respondeu. Xosefa pensando que a rapaza non a ouvira polo balbordo do mar e repetiu o saúdo, pero berrando máis "bo día, señora". Xosefa queda pasmada ao ver que a rapaza desaparece de diante dos seus allos como por arte de maxia.
Cando Xosefa chegou á casa e contou o acontecido, a súa familia dixéronlle "non volvas nunca máis por ese lugar, pois está encantado e ten encantamentos".
A fonte do San Campío
(Esta outra versión da lenda do PEITE DE OURO).
Unha noite, entre lusco e fusco, unha muller do barrio da Ponte Vella, tivo que ir á fonte de San Campio a coller auga en Fazouro.
Ao chegar á fonte, observou a unha rapaza que se lavaba na fonte e se dispoñía a peitearse cun peite que brillaba moito.

A medida que a muller se aproximaba á fonte, parece ser que foi observada por aquela estraña rapaza cando de súpeto e misteriosamente, a rapaza desapareceu de diante dos seus allos como se fose fume.
A muller da Ponte Vella, ao ver que lle quedou o peite no selleiro da fonte, recolleuno e observou que era de ouro e levouno para a súa casa.
A partir dese día, á muller da Ponte Vella comezou morréndolle o gato, logo despois morreulle un cocho, despois morreulle unha vaca, varias galiñas e coellos, pero despois enfermoulle o fillo moi gravemente e os médicos que o atendían non sabían de que enfermidade se trataba.
A muller desesperada, foillo contar ao cura da parroquia todo o acontecido, ao que o cura lle aconsellou que marchara de novo á fonte de San Campio entre lusco e fusco e que deixara de novo quedar o peite de ouro no selleiro da fonte.
A muller así o fixo, deixou o peite no selleiro da fonte e ao pouco o peite desapareceu e con el, os meigallos que pasaban na súa casa.