Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A estrela maldita do Mariscal

Meilán García, Antón X. - viernes, 19 de julio de 2024
¡Ai, dos que levan na frente unha estrela!, escribiu Curros apalpando a súa alma, e chorando por Rosalía: ¡Ai, dos que levan no bico un cantar! E Pardo de Cela tamén naceu cunha estrela, pois nada máis chegar a Mondoñedo fanno Encomendeiro do Bispado. Casa coa prima irmá do bispo D. Enrique de Castro, dona Isabel de Castro, filla de dona Beatriz de Castro, muller do conde de Lemos. Dalle en dote de voda «a renta do seo Obispado... salvo un tanto que tomou pra seo sustento», mais ao pouco morre o bispo, seu protector, e marcha para Viveiro. Casa as suas fillas co máis do avoengo do Reino e emparenta cos Saavedra e os Bolaño Ribadeneira. Chega a «gran señor», fano alcalde da vila do Landro e o rei Enrique iv noméao mariscal. Suben ao trono os Reis Católicos e levan a termo a «pacificación» do noso Reino, que dirixe don Fernando de Acuña, como Xustiza Maior, o licenciado López de Chinchilla e o capitán Luis de Mudarra, acompañados de 300 xinetes. E O Mariscal, como bo señor feudal, retírase cos seus criados á fortaleza da Frouseira a defenderse deles, e durante case tres anos móstrase invencíbel. Non había quen a derrotalo. E esa estrela, que o alumou ata este momento, comezou a apagarse. Sofre dúas traizóns por homes da casa e amigos: unha na Frouseira polos seus escudeiros e a outra, por Afonso Yáñez, secretario do seu parente bispal. Collérono. Cortáronlle a cabeza, morreu Pardo de Cela, mais non O Mariscal, pois coa estrela na cova, seguiu alumando ao Mito, que creceu e creceu, mais non así a honra da súa memoria. El, que foi unha das figuras máis importantes daquela Galiza que ficou a finais do xv, rebelde e loitador na Frouseira e degolado por tal en Mondoñedo, nin no concello de Alfoz, onde están tres dos lugares míticos do Mariscal: A Frouseira, o castelo de Castrodouro e a casa de Afonso Yáñez; nin en Mondoñedo, onde foi Encomendeiro do Bispado e onde deixou imborrábeis os tres últimos días da súa vida e nin en Viveiro, onde foi alcalde da vila, non o lembran como se merece. En ditos concellos, pideuse, máis dunha vez, erixirlle unha estatua na súa lembranza. Nada. No concello de Alfoz, andan tras un «Centro de Interpretación de Pardo de Cela» no castelo de Castrodouro, mais aí está invernando, en Viveiro nin unha rúa, e en Mondoñedo, apenas un solitario monolito lembra a súa degolación. E na catedral, os seus restos nun sitio e a lápida noutro sen ningunha sinal que os identifique, e aínda máis, nin unha palabra nas autoguías que mostran a Sé. Ata cando? ¡Ai, dos que levan na frente unha estrela!, deixou escrito aquel poeta de Celanova.
Meilán García, Antón X.
Meilán García, Antón X.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES