Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A Formación Profesional en Monforte e Sobre desde a inauguración da Escola de Mestría Industrial de Monforte ata a fin do século XX.*

Gómez, Pedro - jueves, 18 de julio de 2024
A Escola de Mestría Industrial.
O Decreto 2380/1964 confirmou a declaración de urxencia para a expropiación forzosa de terreos que se destinarían á construción da nova Escola de Aprendizaxe Industrial de Monforte. Despois da oferta do solar polo Concello, o Ministerio aprobou en 1964 a adxudicación definitiva das obras de construción da Escola, con cargo ao orzamento da Xunta Central de Formación Profesional Industrial e un importe próximo aos vinte e seis millóns de pesetas.
En 1967 a Corporación municipal, ante a previsión do remate da construción do edificio para Escola de Mestría, acordou que o Alcalde solicitara que a Escola de Aprendizaxe Industrial, dada a súa importancia e número de alumnos, se elevara á categoría de Escola de Mestría.
O singular edificio da Escola de Mestría de Monforte inaugurouse o 9/8/1968 na visita que fixo o Ministro de Educación Villar Palasí a Monforte. En consecuencia, comezaron a funcionar as clases nesta Escola o curso 1968-69 co Grao de Mestría da Rama Metal e máis a Rama Electricidade-Electrónica, non así os talleres, que permaneceron un curso máis no edificio de Calvo Sotelo. Os alumnos eran todos varóns e as mulleres non terían acceso ata a década dos setenta, coa posta en funcionamento da Rama Administrativa, que implicou adaptar determinados elementos do edificio, como os aseos, pois o deseño e construción do Centro realizouse como masculino.
Por outra parte, procede comentar que nos anos cincuenta na cidade de Monforte e durante sete anos funcionou ademais da Escola Elemental de Traballo unha Escola de Aprendices de RENFE.

Modificacións do ensino a partir dos anos setenta.
Na Formación Profesional (FP) o proceso foi moi relevante, pois da FP de 1º e 2º grao pasouse ao sistema de ciclos formativos, con módulos teórico-prácticos. Así, o Instituto de FP Daviña Rey, que funcionaba en 1970 coas ramas de Metal e Electricidade-Electrónica, nesta etapa incrementouse coas ramas Administrativa, Automoción e Sanitaria, e coa Lei Orgánica de Ordenación Xeral do Sistema Educativo autorizouse a implantación anticipada de varios ciclos das familias de Electricidade-Electrónica, Sanitaria e Electromecánica de vehículos. Ademais, en 1983 este ensino complementouse coa creación do Instituto de FP A Pinguela, coas ramas Administrativa (trasladada do IFP Daviña Rey), Perruquería e Estética, logo Informática e máis tarde a autorización para implantar de xeito anticipado varios ciclos da familia de Administración e Perruquería. Por outro lado, este nivel de ensino completouse con dous centros específicos, o Centro de Capacitación Agraria de Monforte, rama Agraria, e o Centro Belarmino Fernández Iglesias de Rosende (Sober), familia de Hostalería.

De Instituto de FP a Instituto de Educación Secundaria Francisco Daviña Rey.
As actividades lectivas no novo edificio iniciáronse no curso 1968-69 e os talleres no curso 1969-70; se ben, a obra do Centro non se recibiu ata 1970. Impartía as especialidades de Axuste, Torno, Fresa, Instaladores, Bobinadores, Radiotécnicos e Ebanistas carpinteiros, e solicitaba as de Mecánica e electricidade do automóbil e Maquinaria agrícola. Posteriormente, incorporou a rama Administrativa.
En 1974 o Xefe da División de Planificación informou sobre a transformación da Escola de Mestría Industrial en Centro de FP de 1º e 2º Grao, dado que o ano seguinte esperaba unha poboación de 14 a 17 anos na comarca de 2782 alumnos, dos que estimaba se inclinarían por FP de 1º e 2º grao un máximo de 801.
A Formación Profesional en Monforte e Sobre desde a inauguración da Escola de Mestría Industrial de Monforte ata a fin do século XX.* En 1981 a Corporación municipal deu conta do escrito do Director do Instituto de FP da cidade, que solicitaba informe do Concello sobre proposta para dar o nome de Francisco Daviña Rey ao centro, que se aceptou por unanimidade.
Un momento de crecemento da FP en Monforte foi o curso 1983-84, no que se produciu unha segregación de ensinanzas, que deu lugar ao Instituto de FP nº 2, máis adiante Instituto de FP A Pinguela. Nese mesmo curso no Instituto de FP Daviña Rey implantouse a rama Electrónica e en 1988-89 comezou 1º de FP de 1º Grao de Auxiliar de clínica (rama Sanitaria).
No curso 1992-93 comezou a implantación anticipada da Educación Secundaria Obrigatoria (ESO), cursos 3º e 4º, e no curso 1995-96 comezou con carácter experimental o bacharelato da Lei Orgánica de Ordenación Xeral do Sistema Educativo (LOXSE) en tres modalidades: Ciencias da natureza e da saúde, Humanidades e ciencias sociais e Tecnoloxía. Das ramas de FP, mentres Metal ou Mecánica e Automoción seguiron co plan antigo, as demais iniciaron de xeito anticipado a reforma. Así, no curso 1995-96 autorizouse a implantación de módulos profesionais e ciclos formativos de xeito experimental, en concreto o Ciclo Medio (CM) Equipos electrónicos de consumo e o CM Equipos e instalacións electrotécnicas. No curso 1996-97 aprobouse o CM Coidados auxiliares de enfermería e o Ciclo Superior (CS) Desenvolvemento de produtos electrónicos. No curso 1998-99 o CM Electromecánica de vehículos. No ano 1998 foi cando tivo a denominación de Instituto de Educación Secundaria (IES).
Unha das novidades que se introduciron nas ensinanzas de FP foi a posibilidade de realizar prácticas en empresas durante o tempo escolar. Este proceso para mellorar a formación dos estudantes de FP de 2º grao iniciouse ao redor de 1985, mediante o Programa de Formación en Alternancia. Este plan de prácticas formativas en empresas tiña carácter voluntario para os alumnos, que realizaban unha media de 250 horas/ano de prácticas en empresas, horas que se computaban coas realizadas no centro docente. Para desenvolver estas actividades, os centros establecían un convenio coas empresas do seu entorno, fixaban un programa formativo e determinaban un procedemento de seguimento e avaliación polos titores do centro educativo e da empresa. Algún tempo despois, os alumnos deste programa percibían unha pequena axuda monetaria para transporte e manutención, e máis tarde as empresas recibiron tamén unha cantidade económica por alumno en concepto de compensación de gastos derivados das prácticas dos alumnos, contías cofinanciadas polo Fondo Social Europeo. Desta experiencia derivaría o sistema obrigatorio de Formación en Centros de Traballo implantado pola LOXSE.
Este Instituto tivo adscrito, a efectos administrativos, desde 1978 a 1987 o Centro de Capacitación Agraria (CECA) como Centro de FP de 1º grao, Agraria. E de novo, a partir de 1995, volveu a ter asignado o CECA, ao impartir módulos profesionais, ciclos formativos e programas de garantía social. En relación coa ESO en 1998 adscribíronse a este Instituto os Colexios de Bóveda e A Pobra do Brollón.
Un aspecto destacable foi a implantación de xeito experimental no curso 1999-2000 dun plan de xestión da calidade baseado na norma ISO 9001:2000, patrocinado pola Dirección Xeral de Formación Profesional da Consellería de Educación.

De Instituto de FP a Instituto de Educación Secundaria A Pinguela.
En 1971 a Corporación municipal sinalaba que Monforte, como capital dunha ampla comarca, cun número aproximado de 80.000 habitantes, como nó ferroviario e centro de comunicación tamén por estrada, cunha poboación estudantil que superaba os 6000 alumnos, necesitaba unha nova Escola de FP, para cuxa finalidade o Concello ofrecía con carácter gratuíto un solar en A Pinguela. Ao efecto, facultou ao Alcalde para outorgar escritura gratuíta dos terreos. En 1973, o Concello seguía coa pretensión de centralizar todas as construcións escolares de Monforte en A Pinguela.
En 1979 en Monforte era patente a necesidade dun centro que completara a Escola de Mestría Industrial, dado o avultado da súa matrícula. Por fin, a Dirección Xeral de Programación e Inversións do Ministerio de Educación e Ciencia (MEC) comunicou a aprobación das obras do Instituto de A Pinguela. En 1980 a Corporación municipal debateu sobre a programación de centros escolares para o Concello por parte do MEC e acordou poñer a disposición do Ministerio un terreo de 10.000 m2, sito en A Pinguela, con destino á construción dunha Escola de FP.
En 1983 creouse, por desdobre do Instituto de FP Francisco Daviña Rey, o Instituto de FP nº 2, con capacidade para 420 postos escolares. O curso 1983-84 este Instituto de FP impartía as ramas Administrativa (diúrno e nocturno), Perruquería e Estética.
En 1985 a Corporación municipal acordou a concesión dunha subvención ao Instituto de FP nº 2 para a adquisición dun ordenador, previa autorización da Consellería de Educación. En 1988 o Claustro de profesores propuxo como nome do Instituto, A Pinguela, o que a Corporación informou de xeito favorable.
En 1989 tivo lugar unha ampliación das ensinanzas de FP de 2º Grao, rama Administrativa, especialidade Informática de empresas. No curso 1995-96 autorizouse a implantación experimental de módulos profesionais e ciclos formativos, o CM Xestión administrativa e o CS Administración e finanzas. No curso 1998-99, autorizouse o CM Perruquería.
En relación coa ESO, en 1998 adscribíronse a este Instituto os alumnos dos Colexios de Pantón e Sober. E dende 1997 adscribíuselle, a efectos administrativos, o Centro de FP de Hostalería e Turismo Belarmino Fernández Iglesias.
En 1998 na oferta inicial da rede de centros o IES A Pinguela tiña adxudicadas 8 unidades de ESO, 4 de Bacharelato LOXSE, coas modalidades de Ciencias da natureza e da saúde e Humanidades e ciencias sociais e, en FP os seguintes ciclos: CM Xestión administrativa, CM Estética persoal decorativa, CM Perruquería, CS Administración e finanzas e CS Administración de sistemas informáticos.

Centro de Capacitación Agraria de Monforte.
En 1968 a Corporación municipal manifestou que as características agrarias da comarca motivaran as obras do Regadío do Val de Lemos, de modo que o Concello interesou do Ministerio de Agricultura a creación e construción en Monforte dunha Escola de Capacitación Agraria. Ao efecto, acordou ofrecerlle a finca As Lamas; se ben, este non sería o solar definitivo, posto que a Escola instalouse nunha parcela próxima á estrada de Castro Caldelas, pero a obra tardaría en realizarse algún tempo.
Esta Escola comezou a funcionar no curso 1974-75 como Centro de FP de 1º Grao, rama agraria, unha vez que o titular do Centro de Capacitación Agraria de Monforte, solicitou esta clasificación. De seguido, o Xefe da División de Planificación informou sobre a transformación do CECA nun Centro de FP de 1º grao, rama agraria, en función de que no Concello de Monforte non existía ningún outro centro desta modalidade. En 1978 o Centro quedou adscrito, a efectos administrativos, ao IFP Francisco Daviña Rey. Estas ensinanzas funcionaron ata 1987. Ademais, dende o curso 1975-76 o Centro realizou cursos de Capataz agrario e de Xefe de Explotación.
Os alumnos realizaban as actividades de grupo nas instalacións da Escola de Capataces, mentres as prácticas individuais tiñan lugar nas explotacións familiares dos propios alumnos. Esta Escola contaba cunha moderna explotación agraria, instalacións agropecuarias, así como espazos completos para a ensinanza (aulas, talleres, laboratorio, biblioteca, salón de actos, instalacións deportivas e residencia de profesores e alumnos).
No curso 1991-92, baixo o paraugas da LOXSE, este Centro iniciou un novo período co Módulo agrario nivel 2, Explotacións agropecuarias. Tamén, no curso 1994-95 deu inicio ao curso de capacitación, Incorporación á empresa agraria, de 200 horas. E desde o curso 1997-98 pasou a impartir o CM Explotacións agrarias extensivas, coa adscrición de novo ao IES Daviña Rey. Así mesmo, a partir do curso 1997-98 autorizouse o Programa de Garantía Social Operario de explotacións agropecuarias.

Centro de Formación Profesional Belarmino Fernández Iglesias de Rosende (Sober).
En 1996 no Concello de Sober constituíuse a Fundación Belarmino Fernández Iglesias, que se clasificou como benéfico docente e se adscribiu á Consellería de Educación. Segundo consta nos seus estatutos, o obxecto e finalidade da fundación é a formación cultural dos veciños de Rosende e comarca, e ten por actividade principal e prioritaria a formación profesional nas actividades de hostalería e turismo.
En 1997, mediante decreto, autorizouse e declarouse o centro de FP de Hostalería e Turismo Belarmino Fernández Iglesias de Sober como centro singular experimental de innovación no eido da FP. De seguido, mediante orde, autorizouse a este centro privado para impartir ensinanzas de ciclos formativos, en concreto o CM Servizos de restaurante e bar e o CM Cociña, cun total de catro unidades e 120 postos escolares. O Centro, a efectos administrativos, quedou adscrito ao IES A Pinguela de Monforte de Lemos. A continuación, a Delegación aprobou a relación de persoal que impartiría docencia no centro.
O Centro privado de Hostalería e Turismo Belarmino Fernández Iglesias no curso 1999-2000 tiña 39 alumnos de Ciclo Medio, organizados en tres grupos e sete profesores. Este Centro tivo concerto dende a súa posta en funcionamento.

*Este texto é un resumo do recollido no libro "O ensino na Terra de Lemos nos séculos XIX e XX".
Gómez, Pedro
Gómez, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES