Podemos coñecer moitas imaxes bonitas e representativas. Os escultores de santos foron grandes autores de imaxes cun contido emocional para os fieis e non fieis e de imaxes cun contido impresionista dos que podemos gozar en todo o país.
Sen ir máis lonxe, coido que una das imaxes máis representativas que se coñecen, é a

imaxe da virxe do Carme de Foz, imaxe que por certo, goza da veneración, adoración e admiración de focegos e foráneos, pero dáse a casualidade de que a nosa imaxe non é única no seu estilo, a Virxe do Carme de Foz ten irmáns xemelgas como por exemplo a de Laxe ou as da igrexa parroquial de Candúas (San Martiño de Candúas) e a da capela local de Neaño (Santo Estevo de Cesullas) ámbalas dúas pertencen a Cabana de Bergantiños (A Coruña). Outros lugares onde hai réplicas desta imaxe son en Fisterra e Cedeira (A Coruña), Paixón - Nigrán (Pontevedra).
Esta imaxe foi esculpida nos talleres Rivas de Santiago de Compostela e apúntase como autor desta marabillosa obra ao propio José Rivas Rodríguez aínda que pode que el non fose o escultor directo que como consta no libro "Arredor da imaxe da Virxe do Carme" de Antón Niñe, José Rivas Rodríguez morreu en 1950 catro anos antes da estrea en Foz da nosa imaxe.
José Rivas Rodríguez foi o creador do tipo iconográfico que nos ocupa: María co Meniño no colo -elevado a altura da súa cabeza- efectuando no medio dunha violenta tempestade un dramático salvamento de tres náufragos mariñeiros. Pertence ao estilo ecléctico e xunta tódalas características máis repetidas do imaxineiro compostelán: canón esvelto das figuras, face ovalada, facción idealizadas, vestidos con panos brancos e amplos, moi axeitados, dando lugar a múltiples efectos lumínicos.
Nunha palabra, José Rivas Rodríguez creou este modelo e fixeron no seu taller diferentes réplicas da imaxe que venderon por diferentes parroquias de Galicia.
Destacar que as outras imaxes non teñen coroa e a de Foz si, pero debo engadir que a coroa púxoselle tempo despois da súa estrea no 16 de xullo de 1954.
Os cartos para mercar unha imaxe da Virxe do Carme, fíxose por recadación popular, ou sexa, que todo veciño que quixera aportar cartos, segundo a súa economía llo permitía, só tiña que ingresalos nunha conta que a Confraría de Pescadores tiña nas súas oficinas para tal efecto, dita conta popular quen a abriu foi o secretario da Confraría, Ursinio del Riego.
A recadación popular chegou ao límite máximo de 7.232 pesetas (43,46 euros). Con esa cifra no peto se foi o presidente da Confraría de Pescadores Antonio Fernández (Balboa) a Santiago de Compostela aos talleres Rivas para contratar unha imaxe da Virxe.
Cando Antonio de Balboa viu varios bosquexos de distintas imaxes que se lle podían aplicar á Virxe do Carme, Balboa quedou abraiado dun dos bosquexos, pero
o peor era que a imaxe que lle gustaba a Balboa custaba 6.000 pesetas máis (44 euros) das que se recadaran.
Despois dun tempo de meditación, aqueles cartos eran moitos, pois eran case a metade e había que recoñecer que para aqueles tempos eran moitos, moitos cartos.
Balboa fixo as súas contas mentais e ao mesmo tempo, ollando para o bosquexo daquela preciosa imaxe e parece que a Virxe do Carme lle deu unha palmadiña nas costas, e Balboa decidiu prestar do seu peto as 6.000 pesetas que máis tarde e pouco á pouco a Confraría de Pescadores lle iría devolvendo para saldar a débeda restante das 13.232 pesetas do custe total da obra (79,52 euros).
Grazas a ese golpe máxico e espontáneo de Antonio Fernández (Balboa), temos na igrexa de Foz unha imaxe das mais emotivas e carismáticas de toda Galicia.
Chegou a Foz a imaxe, na baca dun autobús da Empresa Ribadeo e de aí, baixouse para a os locais da Confraría, pero era tan voluminosa para un local tan pequeno, que a directiva decidiu traela para a Igrexa Parroquial e fixeron moi ben, porque aquí está para goce e desfrute de todos.
A imaxe que había anteriormente na igrexa parroquial e que agora e dende 1964, se venera na capela do cemiterio, é a clásica imaxe popular: Vestido de cor marrón con bordados en ouro, túnica branca con bordados en amarelo; o Neno Xesús no colo esquerdo e o escapulario na man dereita.