
A parroquia de Santa María de Vilalba, posuía no ano 2021 unha poboación de 5997 habitantes. Forma parte do municipio de Vilalba, composto por 802 entidades de poboación, que están distribuídas en trinta parroquias (2). Ten unha superficie de 379, 36 km2 e unha poboación de 13881 habitantes (3). Ademaís, pertence á comarca da Terra Chá (4) que está integrada tamén polos concellos de Abadín, Begonte, Castro de Rei, Cospeito, Guitiriz, Muras, A Pastoriza, e Xermade.
II.2. ORGANIZACIÓN E ITINERARIO.
Neste artigo, pretendo analizar distintos pormenores deste ritual referente aos anos 2003 ao 2006 inclusive, cando aínda se celebraba o "Enterro da Sardiña" logo dun xuizo que tiña lugar no palco da música, situado na praza da Constitución, dun xeito tradicional (5).
Ata o ano 2007, o "Enterro da Sardiña" foi organizado pola Concellería de Cultura do Concello vilalbés. A partir desta data encargouse desta tarefa a Escola Municipal de Teatro.
Nestes anos, o "mércores de cinza" -segundo a liturxía eclesial- celebrouse este ritual. Por tal motivo, dende primeiras horas da tarde colocábase na Praza da Constitución unha mesa fúnebre cun libro de firmas pra que as persoas, que quixesen puidesen manifestar as súas condolencias, seguindo o arquetipo dun enterro normal. Ademaís, poñíase unha folla adherida á mesa na que figuraban unha serie de observacións ligadas co evento funerario, como lugar do finamento da sardiña; data e lugar do enterro; e outros detalles. A folla estaba presidida polo símbolo da Cruz; logo, o lugar do finamento así como as bendicións respectivas. "Finou en Vilalba, logo de recibir os Seus Sacramnentos / e a bendición da sua Santidade / D.E.P.". A continuación, viña unha lembranza dos seus amigos. "Os seus amigos: o choco, a lamprea, o bacallau, a xouba, o ollomol e a nécora". Posteriormente, adoitaba poñerse o rogo, día, lugar, e hora de enterro. "Pregan unha oración pola súa alma e a asistencia ó funeral / de enterro que terá lugar o vindeiro mércores, 5 de marzo ás oito e media do serán na praza da Constitución de Vilalba". Seguianlle, os favores, transporte, e outros desexos da familia.

"Favores polos que anticipan as máis expresivas gracias"/ "Haberá servicio de ómnibus do sangai e máis o pullman"/ NOTA: "Por desexo da finada non se admiten frores, pero prégase que acodan de loito riguroso". Finalmente, o nome do finado /a. "DONA SARDIÑA DE AUGA SALGADA".
Ás oito e media da noite, tal como sinala a folla situada na mesa fúnebre, sae a procesión do "Enterro da Sardiña" da Praza da Constitución e percorre as rúas de Basanta Silva e da Pravia, para retornar a Praza da Constitución, onde se vai celebrar o "Xuizo á Sardiña".
No ano 2006 (6) a estructura da procesión estivo composta dos seguintes elementos:
1. Un mozo da vila levaba o estandarte da sardiña. Ía acompañado doutros dous rapaces, situados ao seu carón, que portaban nas súas mans dúas cintas que penduraban da parte superior do estandantes.
2. A continuación, oito rapaces colocados en dúas ringleiras, que levaban nas súas mans uns aparellos, que imitaban a "velóns de cor branco".
3. Logo, catro mozos que portaban nas súas andas un cadaleito coa sardiña no seu interior.
4. Detrás do ataúde ía un home, de idade, que levaba na súa esquerda un ouriñal e na dereita un asperxilo. Ía imitando o efecto de asperxión de "auga bendita" sobre o cadaleito.
5. Logo, ían os integrantes da Consello Xudicial, que estaba composto dun xuiz; dun fiscal; e dun avogado defensor. A súa función vai ser a de xulgar e defender no posible á sardiña.
6. Posteriormente, acompañan ao enterro as famosas choronas, que van queixándose da perda dos praceres carnais encarnaqdos pola sardiña.
7. Finalmente, outras persoas da vila, algúns deles portando nas súas mans "velóns acesos" de cor vermello.
Case todos os integrantes da procesión levaban unha vestimenta de cor negro.
NOTAS:
1. FIGUEROA PAZ, Antonio.: Experto en Sistemas de Información Xeográfica (Six). Autor do mapa de localización.
2. Parroquias de: Alba (San Xoán). Árbol (San Lourenzo). Belesar (San Martiño). Boizán (Santiago). Carballido (Santa María), Codesido (San Martiño). Corvelle (San Bartolomeu). Distriz (San Martiño). Goiriz (Santiago). Gondaisque (Santa María). Insua (San Bartolomeu). Ladra (San Salvador). Lanzós (San Martiño). Lanzós (San Salvador). Mourence (San Xiao). Nete (San Cosme). Noche ( San Martiño). Oleiros (San Mamede). Rioaveso (San Xurxo). Román (Santalla). Samarugo (Santiago). San Simon da Costa (San Simón). Sancovade (Santiago). Santaballa (San Pedro). Soexo (Santa María). Tardade (Santa María). A Torre (Santa María). Vilalba (Santa María). Vilapedre (San Mamede). Xoibán (San Salvador).
3. Segundo o I.G.E. do ano 2023. Fonte: INE-www.epdata.es. Datos actualizados: 21-VI-2023.
4. Esta comarca amosa unha extensión de 1822,75 km2 na que vivía no ano 2022 unha poboación de 39.047 habitantes.
5. Os textos deste xuizos foron doados pola profesora vilalbesa Carmen Pernas Bermúdez e polo fotógrafo vilalbés Amador.
6. Este ano serve como modelo prós demaís anos (2003-2005).