Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Necesitamos crer na bondade

Sampedro, Pilar - jueves, 08 de agosto de 2024
Moita información equivale a desinformación, da mesma maneira un exceso de democratización (no sentido de consultar calquera decisión a tomar) vaise corresponder con non resolver, con non actuar, con quedar como estabamos.

Un exemplo que é o que me leva a este artigo. Propónselle a un centro de ensino que se subscriba á Revista Galega de Educación (a única pedagóxica, en galego e impresa); Necesitamos crer na bondadeson tres números ao ano e o prezo son 34 euros en total. É unha revista dirixida a profesorado (non abundan) e unha ferramenta de normalización lingüística. Dentro do orzamento do centro poderíase pagar co correspondente ao Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística ou a biblioteca. Con trinta e catro euros anuais non se poden mercar máis de dous libros, tres serían case un milagre. Pois ben, a quen se lle ocorrería preguntar ao claustro ou reunir un destes equipos (biblioteca ou ENDL) para poder mercalos ou o que é o mesmo subscribirse a esta revista? Lembremos que a subscrición é anual, polo tanto non obriga a permanecer varios anos.

Éncheselle a boca de democracia cando alguén responsable che responde que o vai consultar e a ti éncheseche a cabeza de certezas acerca do mal funcionamento ou da desculpa que alguén está inventando para dicir claramente que non, sen ter que ser sincero.

O que me preocupa non é tanto que non se subscriban (algunha razón oculta debe haber para non facelo) pero si a maneira de contestar: esa pseudo democracia participativa pola que un equipo (ou o claustro) se debe reunir para realizar un gasto de 34€, o feito de que non caian na conta de que están dicindo unha barbaridade (e se o fan, moito máis grande aínda). En que mundo vivimos?

Igual no mesmo que eliminou os exames de setembro e obriga ao alumnado a recuperar a materia suspensa ao cabo duns días. O mesmo que sementou de facultades que se repiten polo país adiante como se isto en lugar de Galicia fose Brasil. O mesmo que non fai máis que crear novas figuras no organigrama do centro educativo para facilitar que ninguén sexa responsable no día a día do alumnado (da súa educación, da súa seguridade, da súa saúde...). O mesmo que asiste impasible á convocatoria de oposicións que semellan unha fábrica de cartos para as persoas que forman parte dos tribunais (que se repiten de tal maneira que crea moitísimas dúbidas) e das academias e "preparadores" que é posible que sigan a cobrar o complemento de exclusividade no ensino público. O mesmo que permite que non sexa recomendable ou xustificado reclamar ante un exame nesa oposición ou confrontar dúas programacións, os que deixan aos opositores sen ningún dereito ante as "manías" ou "preferencias" de cada tribunal. En que mundo vivimos?

Non coñezo a ninguén que reclamase nunha oposicións e si coñezo moita xente que non quedou satisfeita co resultado. Moitas veces isto último seguramente se resolvía mostrándolle cun rotulador vermello onde estivera o fallo e disipábanse as dúbidas, críamos todos no sistema, melloraba moito a percepción que temos do mesmo e todos amigos que a quen Deus non llo dá san Pedro non llo bendí. Pero, como en Dinamarca, "algo cheira mal" e o vento non é quen de limpar o ambiente, semella que se acabou a "meritocracia" e volvemos aos tempos nos que había que ter un amigo, ser familiar ou militante en determinado partido para acadar a meta.

Nunha ocasión o presidente do goberno galego chegou a dicir que certamente os fillos de determinadas familias estaban máis preparados e aceptámolo sempre que eles non teñan acceso ás probas con anterioridade (ou estas non se preparen tendo en conta o seu currículum vítae) e o público si poda comprobar as respostas.

Necesitamos crer na bondade. Queremos deixar de desconfiar e mostrarnos conformes coa realidade, por iso pedimos un pouco de cabeciña por parte de todos e todas, sentidiño no mellor sentido da palabra.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES