Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O historiador da nación

Sampedro, Pilar - jueves, 01 de agosto de 2024
Definírono como galego por elección... Tamén falaron do Museo do Pobo Galego como o seu terceiro fillo, coma a súa segunda casa e... de todo había.

Un científico das Ciencias Sociais que enceta o relato da historia nacional de Galicia ao que definiu con obxectividade o máis vello dos seus fillos (Pablo Beramendi, o académico de fóra, como seica lle chamaba) cando dou tres características que O historiador da naciónidentificaban a seu pai: independente, xeneroso e tenro. Non podiamos estar máis de acordo.

Unha independencia que lle valeu non estar onde igual lle correspondía e podemos ler RAG, Consello da Cultura Galega, fundacións do país... Valeulle para non estar nos altares do país, valeulle non ser un mito na USC (máis que para os que realmente ven máis alá das gafas de grupo), nin en ningunha outra banda das que entronizan. Independente ata a medula, incapaz de calar a verdade ou de dar a razón a quen non a tiña. Todos o escoitamos aseverar cos datos da ciencia, pesase a quen pesase, e algunha vez ata nos daba pena o que estaba enfronte e non lle daba a talla. Tamén o vimos situarse sempre do lado da esquerda, porque viña de aí, dende o principio dos tempos, e non era dos que cambian de chaqueta nin de opción política en base a prebendas ou posibilidades de ascenso, ben se veu. A independencia é como a verdadeira liberdade, non é que che coloque estraños compañeiros de viaxe senón que che fai morder a soidade. A pertenza ao grupo é unha garantía, sempre; entregas a túa independencia a cambio do apoio, a compañía, a negociación das certezas. A independencia é a opción máis dura, só apta para valentes, para os que van dereitiños ao horizonte sen xogar con tácticas e estratexias.

A xenerosidade do que dá o que ten; o máis valioso: o seu tempo, entregándoo a unha misión, a un estudio, a unha idea. Traballar para un museo de socios sen cobrar nada ao longo de medio século; estar aí, dende que se forxa o proxecto pasando por todas as etapas e responsabilidades e deixalo coa humildade de quen considera que o seu tempo está no desconto. Cofundador do MPG, secretario e presidente da Xunta Rectora sucedendo a Díaz Pardo e cun papel fundamental no Instituto de Estudos das Identidades. No seu labor de creador tamén axudou a fundar a Fundación Castelao ou a sección de pensamento político da fundación Vicente Risco, así como no nacemento das revistas Negaciones (Madrid, 1977), A Trabe de Ouro (Santiago, 1990) e Tempos Novos (Santiago, 1997). Editor das obras de Losada Diéguez, Vilar Ponte, Peña Novo, Castelao e Vicente Risco coeditando, tamén, actas de múltiples congresos nos que participa na organización.

A tenrura era outra das notas de identidade que adiviñábamos detrás dunha traza severa. Esa máscara construída con empeño pretendía distanciar aos interlocutores e manter esa independencia afastada de compromisos nos que os afectos nos enredan. É certo que non era demasiado entendida pero tamén o é que moitas persoas poderán dar fe da estima que sentía por xentes diversas e o agradecemento case infantil polas atencións que se podían ter con el. Non agardaba nada, como historiador coñecía o medio no que se movía e sabía que a mellor maneira de coidarse era non mostrar o lado máis emotivo. E, como bo intelectual de esquerdas e sensible, escribía poesía... moita xente non o agardaba e debuxouse a sorpresa na cara.

Eu, engadiría: o compromiso que o levaba a pagar cotas de asociacións ás que non tiña tempo de asistir (polo simple feito de que se mantivesen e puidesen continuar a deriva) ou a ironía dos intelixentes que a adoptan cando saben que os demais non están preparados para coñecer o que el ten descuberto, e así suaviza a dureza da verdade.

Cando entramos na rede e vemos s distincións que recibiu confirmamos que a sociedade é inxusta cos que non buscan os recoñecementos, cos que non se presentan aos premios e só poden recibir aqueles que os outros conceden e, non acostuman facelo cos que deixan a túa valía en mal lugar na comparanza. Sexa como for, neste país din que enterramos ben os nosos mortos, non o podo asegurar porque diso tamén se encargan as familias, pero si certifico que sufrimos grandes perdas e esta é unha delas. Imos quedando sen referentes mentres as buscamos polas zonas de luz e sombra, porque non podemos deixar de crer nese himno que escoita a natureza e fai preguntas, dende os tempos estudados por Beramendi.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES