Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Asorey no Día das Artes Galegas

Sampedro, Pilar - jueves, 25 de julio de 2024
No 2024 dedícaselle o día (por que non dicir o ano?... igual polas connotacións que ten o día D) ao escultor Asorey. El represéntanos dentro dos volumes, porque foi o que soubo ler a alma galega e transmitila a quen vexa as súas obras pero tamén contaxiou ese saber aos seus alumnos, de forma que se recoñece a súa pegada na man deles. Así a atopamos en Cao Lata, Acuña, Cástor Lata ou Joaquín Gil Armada. Unha escola que Asorey no Día das Artes Galegasestivo activo mentres eles crearon e que por augas subterráneas chegan a Leiro, Remiseiro ou Seira.

Escribe Quintana Martelo (presidente da Real Academia de Belas Artes) que el é un renovador da Historia da Arte Universal con esa achega do "espírito galego." Certamente!

Podemos percorrer a xeografía mirando as súas obras: o monumento a San Francisco diante do seu mosteiro en Santiago, con ese xogo de texturas na pedra con esa base rotunda que se asenta na rocha para erguerse buscando as alturas nesa cruz que remata en triángulo facendo estrela e coroando ao santo de Asís cos brazos abertos; o resto das figuras, en varios planos, falan da historia da relixión; os relevos vexetais que se ven completos con esa roseira viva que o rodea e trae as flores brancas na primavera, porque ás veces a natureza acompaña á arte, sábese parte dela e abrázaa. Desta obra di Felipe Senén que está proxectada como un vía crucis que do caos terreal se ergue cara á perfección cósmica, do megalitismo ao firmamento. Na mesma capital o capitel (representando un banquete no que seica se pode recoñecer a persoeiros como Castelao ou Valle Inclán) e o escudo -en esquina- do hotel Compostela; e, moi cerca, o petador do pazo Vaamonde, sede do Consorcio da cidade. En Cambados atoparíamos a Naiciña en pedra realizada polo discípulo Cao Lata seguindo a imaxe que el fixo en madeira e o monumento a Cabanillas. En Lalín os monumentos a Loriga e Aller, na Coruña o de Curros e poderiamos continuar por outras cidades que lle encargaron obras para honrar aos seus próceres ou soldados, figuras relixiosas ou monumentos funerarios.

Coma moitos outros artistas, é un antes e outro despois do golpe de estado. Antes do 36, pasa por Madrid coincidindo con Risco, Valle Inclán, Palacios ou Lloréns. Instálase en Santiago, co taller en Caramoniña e traballando na praza de escultor de anatomía na Facultade de Medicina. Asume encargos, obras públicas (monumento a Loriga ou a Curros, a Virxe de Tanxil en Rianxo...) ou as colaboracións coa cerámica celta en Pontecesures. Daquela foi cualificado como escultor da raza. Pero, máis alá das peripecias vitais que colocamos ao lado de datas biográficas está a maneira de pensar e encarar os tempos. Nun principio, asume unha ideoloxía que o conduce ao galeguismo pois é dende a lectura amorosa do cerne do país como crea; mais, cando chega o vendaval dos militares coa guerra e a represión hai un cambio: sobrevivir é a imperiosa necesidade.

De que sentimos que nos falan as obras de Asorey? En primeira persoa diría que da Prehistoria e o seu megalitismo, das raíces que prenden nas penas para facerse figuras, das diversas pedras e texturas que estas teñen ou que o artista lle dá para poder falar de actualidade e estilo propio, da natureza inmersa nun panteísmo que a valora e redime introducíndoa nas pezas (tanto viva como tallada), das liñas rectas do racionalismo mesturadas coas curvas do barroco e o modernismo, do expresionismo contido que se fai escorzo, da simpleza e a decoración profusa, do cubismo e os pregues, do baseamento informe ou xeométrico á ascensión a un ceo tal como fan os cruceiros, do clasicismo á estilización alegórica, do caos do magma á xeometría máis racional, da simplicidade á mestura de materiais dende diferentes tipos de pedra e a unión desta e o metal, do "brutalismo" á figura anatómica en alabastro, do enmarque xeométrico aos pregues, do esquemático ao "decó", dos brincos reais en latón á representación da figura en madeira coloreada... porque o escultor é anatomista pero adora os temas vexetais da natureza que nace dunha terra vizosa, a súa sensibilidade non pode esquecer o país que late na vangarda e vemos agromar a figura dende o caos ou o cubismo, nesa madeira policromada (dun xeito sorprendente como nunca antes atoparamos) nesas mulleres rotundas que crían, coidan e traballan, mulleres de roupas vistosas (que poden lembrar a Soutomayor), neses trazos que nos representan, na maneira na que entende o país cando titula "Santa" a unha muller encoira que leva o xugo das vacas ao lombo, "Tesouro" a outra na que a muller leva un xato no colo... porque as súas figuras son símbolos que nos interpretan e interpelen. Esa é a arte, a reinterpretación da realidade que nace dunha lectura profunda pasada pola criba do oficio, a sensibilidade e a reflexión. Sentimos latexar a Galicia nas súas obras e niso consiste a arte, en renovar a tradición dende o interior da lava sen perder de vista o ceo que nos cubre.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES