Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A frustración Suiza

Ríos, Xulio - miércoles, 17 de julio de 2024
O "Cumio pola Paz" que acolleu Suiza o mes pasado deixou un regueiro de leccións importantes. Había unha intención de facer taboa rasa e impoñer unha solución de parte co aval dunha maioría de países. Pero non funcionou. A seguir, a UE anunciou o 14º paquete de sancións contra Rusia. Previsiblemente, tampouco funcionará. Mentres a economía europea segue estancada, a rusa mostra unha vitalidade inagardada. A dinámica de substitución das importacións que promoven esas sancións e as demandas do complexo militar-industrial favorecen o emprego e o consumo. Moscova está lonxe aínda de mostrar unha febleza que a conduza á mesa de negociacións coa cabeza gacha.
A frustración Suiza
Zelenski fixo canto puido para garantir o éxito da convocatoria. Mesmo recabou o apoio dos países asiáticos no cumio de Shangri-La en Singapur. Premonitoriamente, fóra da órbita de Washington, apenas conseguiu o de Timor Leste. Houbo mesmo escasas condenas da invasión rusa e cero entusiasmo polas sancións.

O loable obxectivo do cumio de Suiza consistía en avanzar cara o final da guerra. Non obstante, resultou na morte fáctica dos dez puntos de Zelenski, apoiados pola UE e os EUA. O acontecido en Locarno evidenciou que a OTAN non está en condicións tampouco de impoñer a súa visión de modo excluínte, obviando os acordos previos de Minsk I, Minsk II ou de Estambul, ou os 12 puntos suxeridos pola China ou a proposta de Brasil e a sua formulación dun grupo mediador de países neutrais. Todo foi ignorado polo clube hexemónico.

O goberno suizo convidou a unhas 160 delegacións. Entre elas, non estaba Rusia. Tampouco asistiron estados de grande peso económico e demográfico ou non asinaron a declaración final. Casos de India, China, Indonesia, Pakistán, Sudáfrica, Arabia Saudita, México, Brasil, entre outros. O que quedou foi o escenario dunha declaración auspiciada pola OTAN e o seu circulo de aliados no resto do mundo.

En paralelo, Putin presentou ao corpo diplomático a súa visión do remate da guerra. Poucos signos de desgaste económico e militar por parte de Rusia fronte a un coro de voces comprometidas co mantemento do apoio a Kiev ata o conxelamento do conflito e o seu peche.

A dobre vara de medir de Occidente é un poderoso argumento para xustificar o distanciamento do Sur Global, que xa non suma automaticamente cos EUA. A fin de contas, por que prestar apoio se todo se resume en intereses sen principios. Basta ver o diferente trato dispensado a Rusia e Israel. A hipocresía imponse sobre a maniquea presentación do conflito como un enfrontamento entre democracias e autocracias. O Sur Global simpatiza cos plans chineses e brasileiros que buscan a resolución pacífica do conflito por vías que reflictan os intereses de seguridade de Rusia e de Ucraína.

A frustación de Zelenski derivou en acusacións de boicot e denuncias de presunta presión sen atender á viga no propio. Foi incapaz de concretar detalles. Aínda así, xa se anunciaron máis sancións contra empresas chinesas que manteñen o comercio normal con Rusia. Segundo a OTAN, esa neutralidade de Beijing alivia o impacto económico das sancións occidentais. Non poden demostrar que estea armando directamente ao seu veciño pero o secretario de Estado estadounidense, Antony Blinken, afirmou que máis de 100 entidades chinesas xa se enfrontaron a reprimendas por eludir as sancións estadounidenses á industria de defensa de Rusia e apoiar as súas capacidades militares.

Non obstante, as sancións estadounidenses non cambiarán a decisión de China, nin probablemente alterarán as estreitas relacións políticas e económicas entre China e Rusia. Cando o presidente Vladimir Putin visitou China en maio, chegaron a acordos sobre unha serie de colaboracións importantes, incluíndo a ampliación das exportacións de enerxía de Rusia a China, o desenvolvemento conxunto da illa Bolshoy Ussuriysky ou a illa Heixiazi, consultas con Corea do Norte para permitir a entrada de barcos chineses ao Mar de Xapón a través do río Tumen, así como a apertura da Ruta do Mar do Norte, todas elas condicións moi favorables para China.

China insiste en que unha conferencia de paz só pode ser efectiva se conta coa participación igualitaria de todas as partes, incluida Rusia. Ucraína require un debate sobre todos os plans de paz que hai sobre a mesa. China e Brasil subscribiron uns "Entendementos Comúns" sobre a solución política da crise que reflicten a preocupación do que tamén é "comunidade internacional", especialmente os países en desenvolvemento.

Unha vez que as dúas partes cheguen a ese punto no que xa dificilmente poden ganar loitando, ese documento conxunto sobre a solución política da crise ucraína, pode referenciarse como fundamento dunha conferencia internacional de paz na que participen Rusia e Ucraína.
Ríos, Xulio
Ríos, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES