Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Lembrando Justo Beramendi

Cabada Castro, Manuel - jueves, 18 de julio de 2024
Tralo recente pasamento de J. Beramendi, co que nos derradeiros anos da súa vida tiven unha certa relación persoal, bruscamente interrompida coa súa repentinamente morte, e polo posible interese que as breves informacións das que seguidamente darei conta poidan suscitar no lector destas liñas, velaquí van elas. Son só breves respostas dixitais pola súa parte a previos contactos meus con el. Sen que aquí obviamente poida eu estenderme a comentar a axuda que me proporcionou a súa senlleira obra "De provincia a nación. Historia do galeguismo político" (Vigo 2007) en determinadas cuestións do meu posterior e extenso estudo Galicia. Raíces e compromiso (Vigo 2015)

Así pois, no dia 18 de abril do 2020 remítolle copia do artigo co título de "Galiza 'Missing'" (da autoría do historiador Francisco Rodríguez) por se puidera ser do seu interese. Nel puña Rodríguez de relevo a importancia cultural e política da catedral románica de Compostela, aludindo -entre outras consideracións- á importante recreación da súa imaxe por parte de Anxo Miján.
No mesmo día respóndeme Beramendi en relación co escrito de F. Rodriguez:

"Ten razón pero é o mesmo que vén dicindo nos últimos corenta anos. Porén, resulta curioso que nin el nin o tal Miján saiban (ou non digan) que xa nos anos vinte do século pasado o hstoriador americano Conant veu a Santiago a reconstruír planimetricamente a catedral románica de Santiago, deixara feita unha preciosa maqueta que doou ao Seminario de Estudos Galegos e que se conserva no Instituto Padre Sarmiento, e publicou daquela un libro en inglés con todo o seu traballo, libro que o Colexio de Arquitectos de Galicia, con tradución miña e introdución de Serafín Moralejo, publicou a principios dos oitenta. A única novidade de agora é o uso das novas tecnoloxías. O demais estaba feito... e tamén ignorado. Como ves, o descoñecemento do propio non é exclusivo dos de fóra. Saúdos. Justo Beramendi."

O 20 de decembro de 2022 remítolle copia dun artigo de Martín Pallín que leva como título "El Tribunal Constitucional ha prevaricado". No día seguinte respóndeme deste xeito:

"Grazas polo envío. Martín Pallín sempre acertado. O que está a acontecer é moi grave porque temos a dereita botada ao monte. Esperemos que se resolva todo dalgunha maneira.
                Unha forte aperta e feliz Nadal. Justo".

O 2 de xullo do ano seguinte, 2023, remítolle o texto dunha entrevista a Xosé Manuel Beiras, respondéndome no día seguinte con estas palabras:
"Moitas grazas polo envío. Non coñecía esta entrevista de Xosé Manuel, refrescante e incendiaria como todo o seu ultimamente. Segue en forma, combinando ideas moi lúcidas con outras algo resesas, que ás veces rozan o delirante. Unha forte aperta. Justo".

O día 17 do mes seguinte infórmolle:

"Por se fose do teu interese, remítoche este artigo (publicado antonte en "Religión Digital") que me envía José Ignacio González Faus, compañeiro meu de estudos en Innsbruck, sobre un artigo contra o papa publicado en ABC que posibelmente xa coñeces."
Respóndeme no día seguinte:

"Non coñecía o artigo de ABC (non leo ese xornal) e abráiame que ABC publique unha diatriba contra o Papa. Está visto que hai xentes que practican un cristianismo de conveniencia. A resposta de González Faus, excelente. Grazas e unha aperta. Justo".

No mesmo día da miña precedente misiva (17 setembro 2023) remítolle o amplo escrito (publicado no día anterior) do hispanista Ian Gibson que leva como titulo "Toda España se divide en dos partes" e que comeza así: "Toda España se divide en dos partes: la monolingüe y la bilingüe. ¡Qué suerte para los gallegos, vascos, catalanes (y valencianos  e isleños) recibir desde la infancia tal regalo!". En relación con este escrito, respóndeme Beramendi no mesmo día así:

"Completamente de acordo. E dicho alguén que, por parte de pai, é dos poucos madrileños de terceira xeración, eiva compensada polas súas orixes vascas por parte de nai. Grazas e unha aperta. Justo".

Xa no mes seguinte, o 23 de outubro de 2023, remítolle o texto da "Carta del obispo Iniesta al Nuncio", que o mencionado bispo remitira ó nuncio Dadaglio no Nadal do ano 1977. Co gallo do centenario do nacemento (1977) de Iniesta a revista "Religión Digital" rememorou tal feito publicando no mencionado día e mes deste pasado ano 2023 tan importante e libre misiva. A este envío respondíame J. Beramendi no mesmo día:

"Grazas. Este texto tróuxome lembranzas daqueles anos tan turbulentos como ilusionantes. Tamén dos anteriores, como cando en 1965 actuamos, en plena ditadura, co noso Grupo de Teatro Popular no centro do Pai Llanos en Vallecas. Nunca esquecerei aquel home, exemplo de auténtico cristián. Apertas. Justo".

Un mes despois, o 20 de novembro deste mesmo ano 2023, remítolle o artigo de Manuel Castells co título de "Montesquieu desvirtuado", publicado dous días antes. Velaquí o comentario que no mesmo dia me remite:

"Grazas polo envío. Non está de máis lembrarlle á xente de cando en vez as verdades do barqueiro. Pero, con todo, o gran Manuel Castells non aporta ningunha posible solución a un problema estrutural, se cadra insoluble, das democracias representativas tal e como as coñecemos. Igual resulta que Montesquieu propuxo unha utopía, no peor significado deste termo, con iso da independencia do poder xudicial. Apertas. Justo". 

No mesmo mes do ano 2023 remítolle a Beramendi un escrito de Pablo Bustinduy (neste mesmo mes nomeado ministro do Goberno) co título "La teología geopolítica del papa Francisco", que figura como Limiar do libro "Tierra, techo y trabajo", no que se recollen os discursos do papa Francisco nos Encontros Mundiais de Movementos Populares entre 2014 e 2016. En relación con tal escrito coméntame Beramendi:

"Moi atinado. Bustinduy é unha das mellores cabezas da esquerda española, que non anda precisamente sobrada delas. Grazas polo envío e unha aperta. Justo".

Aludo finalmente ó último escrito que remitín a J. Beramendi o 18 de decembro deste mesmo ano 2023. Trátase dun escrito no que o xesuíta Millán Arroyo Simón, testemuña persoal do atentado contra Carrero Blanco, lembra cincuenta anos despois determinadas circunstancias de tal acontecemento: https://infosj.es/documentos?task=download.send&id=3044&catid=146&m=0. Beramendi comentábame na súa resposta (do mesmo día) o seguinte:
 
"Grazas. Daquela eu levaba xa catro anos vivindo en Barcelona a onde fuxira coa miña muller para que non nos detiveran os da Brigada Político-Social. Pero xustamente eses días fora recoller a miña nai, que vivía en Madrid, para que pasase connosco o Nadal e ese mesmo día collemos o Talgo a Barcelona á primeira hora da mañá, isto é, cando se estaba producindo o atentado. Soubémolo horas despois polo taxista de Barcelona que nos levou da estación á casa. E xa pasou medio século! Que vellos somos! Apertas e felices festas. Justo".

Só medio ano despois do aquí escrito, Beramendi deixounos. E poño xa punto final a estas informacións sobre un sobresaínte persoeiro que se esforzou durante a súa vida na defensa da Galiza.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES