Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Etnorituais no Santuario do San Bartolomeu de Abragán, O Corgo (Lugo) (8)

Blanco Prado, José Manuel - martes, 30 de julio de 2024
IX. Breves consideracións antropolóxicas
Como xa referimos anteriormente, Abragán é unha freguesía relixiosa que foi suprimida como tal eclesiasticamente, malia o feito de aínda existir como parroquia civil. Moi probablemente, un dos últimos sinais identitarios nos que a comunidade se proxecta ciclicamente con carácter público é a romaría anual do San Berto. Esta data conmemórase todos os anos cada 24 de Agosto, en pleno estío festivo. Na misa e na procesión reúnense moitos dos fregueses, así coma os seus amigos e familiares, sen que falten devotos oriundos doutras terras.
Etnorituais no Santuario do San Bartolomeu de Abragán, O Corgo (Lugo) (8)
A pesar de pretender transmitir unha imaxe unitaria e ordenada, o certo é que, como en todas as manifestacións da relixiosidade popular, os conflitos de orde externa ou mesmo interna están decote latentes e ben presentes. Vexamos tan só un exemplo. A freguesía de San Bartolomeu de Abragán está integrada por catro barrios ou lugares: Abragán, Coedo, Lago e Laguiño; todos eles conforman unha aparente unidade parroquial no ámbito civil e todos eles, como parroquia, manteñen de vello unha certa rivalidade coa freguesía veciña de Marei. As memorias orais que recollimos no núcleo de Abragán aínda conservan e transmiten vellas rivalidades locais, moitas veces materializadas en coplas e cantares con claras invectivas dirixidas a certas aldeas e comunidades veciñas:

"Marei, Mariño;
Lago, Laguiño;
San Simón e Samprizón...
...lugares da fame son"

Convén non esquecer o feito de que, dos seis lugares que refere a mentada cantiga, catro deles -os dous primeiros e os dous últimos- pertencen á parroquia de Santa María de Marei, pero os dous centrais están vencellados á de Abragán. Por uns motivos ou por outros, o certo é que esta copla é coñecida tanto a nivel intraparroquial como noutras freguesías veciñas. Interpelados varios informantes sobre o significado máis fondo que se agacha baixo esta composición estrófica, non foron precisamente poucos os que indicaron que devotos oriundos de todos estes barrios participaban antigamente na romaría do San Berto, pero que as desputas entre eles por diversos motivos estaban moi arraigadas e viñan de lonxe, incentivando ciclicamente certas rivalidades.

Sexa como for, o certo é que, todos os anos, cada 24 de Agosto, un heteroxéneo conxunto de devotos ao San Berto escenifica ritualmente o ideal dunha comunidade espiritual unida e ordenada, que celebra no interior da ermida un discurso de paz e harmonía na fe católica, posteriormente proxectado no espazo exterior inmediato á carballeira de Abragán. Con esta escenificación preténdense minimizar simbolicamente as tensións e os conflitos, invertindo metaforicamente unha cotidianeidade de existencia laboral para substituíla por unha festividade idealizadora dos valores de harmonía e convivencia pacífica. Nada novo, pois. Unha vez mais, a festa do santo repítese para invertir a realidade nun sentido oposto ao do Entroido. No día do San Berto haberá excepcionalmente paz e harmonía, por oposición aos conflitos cotiáns do resto do ano e no día do Entroido haberá excepcionalmente foliada e transgresión, por oposición ás estritas normas que rexen a sociedade.

Hoxe en día, os veciños de Lago, Laguiño e Coedo pertencen eclesiasticamente a Marei, mentres que os de Abragán están vencellados a Escoureda. Convén salientar que os de Coedo celebran hoxe a festa de Marei, en tanto que antigamente houbo anos en que se celebrou por duplicado o San Berto, xuntando aos veciños de Lago e Laguiño por un lado e aos de Abragán polo outro. Tamén se conservan algunhas memorias moi esvaídas que referen a pretérita celebración dunha feira paralela. Sexa como for, o certo é que a realidade pasada e presente non deixa de ser poliédrica, dinámica e complexa, amosando moitas mudanzas conxunturais.

Con este traballo pechamos un ciclo que se abriu hai mais de dez anos e que nos levou a estudar consecutivamente os catro santuarios existentes no termo municipal do Corgo: o da Virxe das Virtudes en Pedrafita (1), o do San Bernabé no Castrillón (2), o do Santo Anxo en Anseán (3) e o que agora vimos de presentar: o do San Berto en Abragán. Así pois, deste xeito fican recollidas coa súa correspondente descrición etnográfica todas as manifestacións da relixiosidade popular corguesa vencelladas aos seus respectivos santuarios locais.

NOTAS:
1. BLANCO PRADO, José Manuel: "O santuario da Virxe das Virtudes". Corga, 2011.
2. BLANCO PRADO, José Manuel: "Etnorituais e ofrendas relixiosas a nivel popular...". Corga, 2012.
3. BLANCO PRADO, José Manuel: "Santuario do Santo Anxo de Anseán". Corga, 2013.

X. BIBLIOGRAFÍA.
Arquivo Central Diocesano. Parroquia: Escoureda. Abragán (Capilla). Libro de Fábrica, nº 1. 1690-1769.
BLANCO PRADO, José Manuel.: Exvotos e Rituais nos Santuarios Lucenses, Lugo: Servicio Publicacións Deputación Provincial, 1996.
BLANCO PRADO, José Manuel.: " A Devoción popular ao San Adrián na Terra Chá (Lugo)", en Croa nº 27, Boletín do Museo dos Amigos do Castro de Viladonga, 2017, Castro de Rei (Lugo), páxs. 104-119.
BLANCO PRADO, José Manuel.: "Os Santuarios Marianos do Municipio do Saviñao (Lugo)", publicado en Rev. Croa, nº 30, 2020, paxs. 69-87.
CEBRIÁN FRANCO, Juan José.: Santuarios de Galicia (Diócesis de Santiago de Compostela). Santiago, 1982, páx. 6.
FIGUEROA PAZ, Antonio.: Experto en Sistemas de Información Xeográfica (Six). Autor dos mapas de localización.
GONZÁLEZ MURADO, Oscar: Estado das Igrexas do Corgo á principio do Século XVIII, en Corga (Revista Anual do Centro de Estudos do Corgo), nº 9, 2022, páx. 42
GONZÁLEZ REBOREDO, X. M. Guía de festas populares de Galicia, Vigo: Galaxia, 1997.
GONZÁLEZ REBOREDO, X. M. Os Santos titulares de parroquias en Galicia, Santiago: Sotelo Blanco, 2012.
LADRA, Lois.: Religiosidad Popular e Mitos Fundacionais no Douro Transmontano, Vila Real (Portugal): Cámara Municipal de Vila Real, Caderno Cultural, nº 24, IV. Serie, páx. 79.
LISÓN TOLOSANA, Carmelo. (1980): Invitación a la Antropología cultural de España. Madrid: Akal, páx. 93.
MARIÑO FERRO, Xosé Ramón.: Las Romerías / Peregrinaciones y sus símbolos. Vigo: Ed. Xerais, 1987, páx. 13.
MARIÑO FERRO, Xosé Ramón. Santuarios mágicos de Galicia, Vigo: Nigratrea, 2003
PRAT I CARÓS, Joan.: "Los Santuarios Marianos en Cataluña: una aproximación desde la etnografía", en la Religiosidad Popular. III. Hermandades. Romerías. Santuarios. Anthropos, Barcelona, 1989, páx. 227.
VALIÑA SAMPEPEDRO, Elías.: Inventario Artístico de Lugo y su Provincia, Madrid: Servicio de Publicaciones del Ministerio de Educación y Ciencia. Servicio Nacional de Información Artística Arqueológica y Etnoloógica, 1975, páx. 13.
Blanco Prado, José Manuel
Blanco Prado, José Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES