Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A importancia das cousas

jueves, 30 de abril de 2009
Fago meu o título da última novela da miña amiga e escritora galega Marta Rivera de la Cruz (La importancia de las cosas, Planeta), novela que aproveito para recomendarlles pola súa extraordinaria calidade, a súa ironía, a complicidade das súas personaxes co lector, e o maxistral paso cara adiante que Marta consigue logo de fixarse a si mesma un horizonte complicado de acadar co seu éxito internacional “En tiempo de prodigios”. Non esquezan esta nova obra, pois é unha homenaxe á literatura e ao verdadeiro xuíz deste mundo das letras: vostede, o lector.

Mais non pretendía encamiñar por estes sendeiros o meu pensamento. Dende que oín, hai uns meses, como ía titular Marta a súa obra (é un privilexio e unha honra coñecer algún adianto antes de que vexa a luz), quedei coa sinxeleza da combinación de palabras que compoñían a frase elixida: A importancia das cousas. Cantas veces oiriamos as mesmas verbas, e cantas veces pasamos por riba delas.

Quizais a nosa sociedade está virando cara un rumbo no que tal importancia pasa a un inxusto segundo plano. Dende logo que nos importa o paro, o terrorismo, a guerra, ou calquera tipo de violencia (a abominable e covarde “de xénero” a primeira na miña lista), a lacra das estradas, e dende logo as ameazas de pandemia coa que nesta fin de semana nos están a asustar de verdade. E non é para menos.

Pero esquecemos con preocupante frialdade as cousas, as persoas, os feitos, que ocorren máis preto, á nosa beira. Claro que cadaquén olla polos seus, que lle doe na pel a súa familia, os compañeiros, os amigos. E quen vive dúas portas máis aló ou na seguinte beirarrúa? Poucos lle dan, lle damos, a xusta importancia aos seus problemas, aos seus medos; facémolo por unha banda como mecanismo de autodefensa, por outra por egoísmo puro e duro, tal e como soa. Tal egoísmo lévanos a nos preocupar en primeiro termo de quen gaña a liga de fútbol, ou de porque se gañaron ou perderon unhas eleccións, en lugar de facelo por un veciño de toda a vida. Un veciño que nos saúda cada mañá, co que cruzamos no mercado, co que coincidimos no colexio ao levar aos nenos. Un veciño, cada vez máis veciños e veciñas, e quen di que en breve non será el mesmo?, que ten que tragalas bágoas e acudir a pedir, hai uns meses diriamos mendigar, comida para a súa mesa, que non sabe como vai facer para pagar as contas pendentes, ou como afrontar o vindeiro curso dos seus cativos nese colexio no que seguimos a coincidir cada día con el, con ela.

Alguén estará a dicir, Pabliño: esaxeras, isto non ocorre no meu entorno. É unha reflexión propia, pero aquí cerquiña, en Lugo, dende onde lles escribo estas notas, puiden ver cos meus propios ollos como unha familia que coñezo de toda a vida facía cola para volver, un século despois ao racionamento, á caridade, ou a axuda allea, que moitos dos nosos pais, ou avós no meu caso, viviron hai tantos anos que agora nos parece imposible.

Isto esta a suceder, aquí, en Lugo, en Galicia. E prégolles desde este portal que me ofrece GaliciaDixital: non ollen cara outro lado, non esquezan que a importancia das cousas radica na propia esencia do ser humano. E nós aínda somos humanos, ¿non si?
Núñez, Pablo
Núñez, Pablo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES