A folga do lixo de Coruña está acadando unhas dimensións moi preocupantes. En primeiro lugar, neste artigo,

non me vou meter co problema de fondo do que non teño datos pero si teño claro que o dereito á folga é fundamental e, polo tanto, totalmente respectable.
Dito isto, tendo en conta que o obxectivo da folga é levar a unha situación límite que visualice o problema, coido que a cidadanía non está sendo totalmente solidaria coa situación. Neste sentido, non vexo normal aproveitar este momento para facer limpeza de mobles e outros obxectos "pesados".
O incivismo desta xentiña enche as rúas de barreiras chegando a obstaculizar incluso a entrada aos portais dos domicilios tal e como vemos na fotografía. Esta é a miña casa, está totalmente adaptada para cadeiras de rodas pero o lixo impide ter o ángulo necesario para manobrar. Isto é así polo incivismo que falaba anteriormente de quen aproveita para tirar os mobles sen chamar ao 010 como dita a norma.
A situación é insostible (á imaxe me remito), ogallá cando se publique isto estea solucionada pero sempre é bo deixar constancia do que foi para que non se volva repetir. Para min a folga deberá acabar, ademais de coa recollida, con multas a aqueles que aproveitaron unha situación límite para retorcela o máis posible.
Unha folga sempre ten solución. O incivismo e a baixeza moral é máis difícil de erradicar.