Nisto chega o Mordomo do Señor do Vallis Viridis, que agarda polo Rei Don Afonso II, quen fora avisado polo Bispo da Iria Flavia, Teodomiro, da milagrosa localización do sarcófago, do enterramento, ¡Campus Stellae!, do apóstolo Santiago. El Rei sempre ía co seu séquito, e en cada lugar reclamaba a pleitesía dos señoríos recorridos.
Escena I. Parlamentos.
...
MORDOMO DO SEÑOR DE CASTROVERDE, que se adianta aos confíns territoriais, por orde do seu amo: -¿Sodes Vos, Señor, o noso Rei, que Don Afonso lle chaman, e Segundo reina, dende Santillana á Fisterra?
AFONSO.- Voso Rei son, quen queira que vós sexades. E xa que por Tal me recoñecedes, dicirvos hei que estou de paso, facendo este Camiño Santo, que vou agradecerlle ao Señor Sancti Iago que me contivese aqueles mouros do diaño..., ¡aló no Pajares!
Daquela mandei facer, no propio Campus Stellae, unha basílica pétrea, para honra-lo

noso patrón, e vou inaugurala, en persoa, coa miña escolta real, se é que a teñen rematada pois referencias teño de que nesa Compostela son dados ás festas, pero o que é traballo..., ¡ansí, ansí!
Por certo, que aínda non vos presentastes. ¿Non seredes un deses spaithons, que en suevo quere dicir asexador ou espreitador, desa Xunta Autonómica que por aquí a inventades, montando unha especie de Administración Única para alonxarvos do noso real centralismo, que por ser é de raíz visigótica?
MORDOMO.- Meu Rei e Señor, non sexa Vuesa Mercede mal pensado, que eu ansí llo prego. Chámome Don Martín, o de Bolaño, e Mordomo son de Don Lope, que é Señor neste Castro do Val Verde. Estou aquí, de parte do Conde Lope xa nomeado, que del son vasallo e servidor, para darlle a benvida a Vuesa Mercede El Rei Asturiano; e de paso para escoltalo ao castelo do Verde Castro, que alí o esperan, cunha gran festa e moito boato, cos xabarís, a tal hora, asándose no espeto. Por outra banda, desa Xunta xunteira da que me fala Vuesa Mercede certo é que a ficieron, e arrexuntados andan, de pazo en mosteiro, e de mosteiro en pazo, pero aquí, no Verde Castro, cotas do leite á parte, non lle esperamos milagres dela, que se pobres eramos antes de tela, moi ricos, o que se di moi ricos, inda non nos ficieron, e iso que houbo promesa..., ¡abondas, un cento!
AFONSO.- Daquela, Mordomo fiel, poñámonos en Camiño, que de Camiño vimos e Camiño faremos, ¡se lle pluguier ao meu Salvador e á súa Sancta Nai, Nosa Señora de Covadonga!
MORDOMO.- Señor, tanto Camiño, tanto Camiño...; ¡isto vai parecer unha Vía Láctea, onde todo son vacas e vaqueiros! Camiño xa temos, desde que esta calzada aqueles romanos ficieron. Agora, vésperas de XXI, o que precisamos son industrias, industrias e non promesas; industrias limpas, e moitas, a ser posible, que os mozos desta parte do país saberán traballar, que cultura teñen..., ¡para iso, e para máis tamén!
AFONSO.- ¿Ansí que houbo promesas..., incumpridas? ¿Por parte da Xunta ou do Goberno Central?
MORDOMO.- ¡A barullo, Señor, que dende a Idade da Pedra pouco a mellor fomos..., contos á parte!
AFONSO.- Pois eu, que para algo son El Rei, pódovos prometer e prometo que xa vos recomendarei, aló en Santiago, cando faga Cortes cos xunteiros, para que vos concedan mercedes, ¡cantas queirades! ¿Non sabes que me ensinou un Duque a prometer? Érache visigodo, que por Ávila naceu, recastado de coruñés; un tal Suárez, que se del non oístes xa oiredes..., ¡no XX!
MORDOMO,- Señor, non sei como será iso da promesas, iso das mercedes, pois Mercedes se chama miña nai, e da súa querencia, ou da súa creencia, que certo diso non estou, dos seus amores co meu Señor don Lope, ¿sabe Vuesa Mercede o que sacou?
AFONSO.- ¡Non, ho, non o sei, que che son Rei, pero adiviño..., non!
MORDOMO.- Daquela, direillo: ¡sacoume a min, que ilexítimo me pariu, aló en Bolaño, e a máis diso, con moita dor de parto, e vergoña da veciñanza! Cando mociño fun, Mordomo me fixo Don Lope. ¡Tan só iso, Mordomo, que por fillo seu ignórame! Desde que tal paternidade sei sempre me digo: ¡Ten ollo, Martín, e coidado cos Señores, que ás veces converten as Mercedes..., en preñeces!
AFONSO.- Descoida, Martín, fillo natural de Don Lope, que desta vez tes a palabra dun Rei, e prométoche, polos teus servizos, que te vou facer..., ¡deste Real Sitio da Vacariza, Conde, competíndolle en señorío a teu pai, ese Don Lope!
MORDOMO.- Sendo así, deste xeito..., ¡mercede real é a súa, e aquí me ten, disposto a todo! Mais, por se acaso, e se tal non lle importa, póñamo por escrito, de Real Cédula, co selo real, que para min as promesas dos gobernantes..., por moito que teñan de mercedes..., empezan a valer algo..., ¡desde que saen no Boletín, cuñadas! ¿Entende ao galego?
AFONSO.- ¿Queres unha firma..., co selo real? ¡Pois, o que é por firmas que non quede, que neste país das sinaturas e das leis, xa tanto abundan, tantísimo, que ninguén sabe a cal aterse!
El Rei, a continuación, diríxese aos vasalos, ao séquito:
AFONSO.- Queridos súbditos, baixemos logo ao Val Verde dese Castro, antes de que arrefríen eses xabarís que seica teñen no espeto..., pois os comicios aledan aos vasalos, que sempre foi así, xa do tempo dos romanos, aquilo de panem et circenses, pan e circo, que ben mirado..., ¡aquí en Galicia sodes doados de contentar!
...Gómez Vilabella, Xosé M.