-.-
El Progreso, 22-6-1993
Castroverde. X. G. Juanes
... Os actos empezaron en A Vacariza, paraxe natural no que foi escenificado o encontro do rei Alfonso II O Casto e don Martín de Bolaño, mordomo de don Lope, señor feudal de Castroverde.

Ámbolos dous, que viñan a cabalo, dirixíronse posteriormente a Vilabade. Na praza medieval, diante da igrexa, don Lope, encarnado polo escritor Xosé María Gómez Vilabella, deu a benvida ó rei...
Xa en Castroverde, os peregrinos reagrupáronse para xantar no campo da feira. No transcurso da comida, o escritor Gómez Vilabella, autor do guión da representación de A Vacariza e Vilabade, deu lectura a uns poemas inéditos que sairán pronto á luz nunha obra dedicada á feira de Castroverde
...
-.-
No Alto da Vacariza, límites de Castroverde coa Valeira.
Alí dixen:
Benqueridos amigos e dignísimas autoridades. Que non haxa ningunha presente é igual, que temos o mesmo respecto por elas, tanto de cerca como de lonxe, pois sen autoridades non hai país nin historia; en calquera dos casos, somos o pobo, e no pobo reside a soberanía, que iso di a Constitución, precisamente no paragrafo 2º do seu artigo 1º.
Coido que sobra comentar este acto, non só preñado de simbolismo, senón, e tamén, de realidades, pero os organizadores dixéronme que vos dea, que nos demos, os "bos días", e aquí estou, feito un Pedro Madruga, pois vin desde Coruña para participar nesta Xuntanza.
Aquí, neste paso da Vacariza, que vén de vacatio (porque aquí os romanos repoñían forzas, comían porco, e cambiaban de cabalo), e non de vacas, (as teixas trouxéronas os suevos), tantas cousas pasaron que non habería longa metraxe suficiente para visionalas. Da man dos historiadores é doado remontarnos ao celtismo, que por aquí, mesmo, por onde estamos, camiño natural onde os haxa, camiñaron e camiñaron aqueles celtas que desde o Briteiros de Portugal, ¡polo menos desde Briteiros!, intercambiaban cultura e tradicións cos seus parentes do castro de Coaña, nese casarío de Xarrius, aló adiante, arriba de Navia de Luarca. Desde aquí mesmo onde estamos a tal momento, chegaban ao Navia, ao río, e pola súa marxe esquerda baixaban ata os confíns das terras ástures. Non é que non houbese celtiñas máis aló, máis contra o Oriente, que si os había, pero a súa concentración poboacional, como é sabido, estaba desta parte, da nosa.
Chegaron aqueles romanos do saco, ¡do saco ao lombo dos escravos!, que viñeran para loitar cos púnicos, pola parte do Levante, pero tanto se levantaron que, de postos no terreo ibérico, dixéronse: -"Oes, e se nos désemos unha volta pola Gallaecia, que alí hai riquezas, o demo delas, e como temos tantos parasitos en Roma..., non estaría nada mal levarlles, nestes sacos, canto de bo, canto reluza, ouro incluído, do que teñen eses fisterráns!". Dito e feito, pero custoulles caro pois por aquí estaban, entre outros, eses da Meda, os do Medullius, que preferiron morrer envelenados co zume dos teixos antes que rendérselles. Tanto medo lles colleron aquelas lexións romanas aos nativos desta terra que se pecharon na casa, no castrum lucense, arrodeando o seu campamento con esa muralla que custou milleiros de vidas, ¡vidas de escravos, por suposto!, para darlle remate. ¿Non vos fixades no propensa que é a caerse esa muralla de Lugo? Iso débese ás pedras que asentaron en falso aqueles escravos, pois de non ser así, cos bos canteiros que de sempre tivemos neste país..., ¡esa obra ía para un millón de anos, sen precisar reparacións!

Despois viñeron os suevos, no 409. Estendéronse todo por aquí, por esta terra de pastos, que xa sabedes que aquela era xente pacífica, por máis que lles chamasen "bárbaros". Tiveron a sorte de que eses do Club de Roma non lles puxeron Cota Láctea..., ¡así que se dedicaron a criar nas súas marelas, ademais dos cabalos!
Cando, un pouco despois, polo 712/714, se achegaron a Lugo os mouros, coas cimitarras, moitos dos nosos fuxiron, bispos incluídos. ¿Para onde, para onde fuxiron? Está claro: ¡Fóronse pola Vía Romana adiante, que pasaba exactamente por onde estamos pisando! A Historia afirmou, -escrita despois, moito despois, precisamente por aqueles aos que conviña proclamarse sucesores legais do trono visigótico-, que don Pelayo era descendente daqueles Reis visigodos de Toledo, cando que non, pois parece máis certo, e desde logo máis realista, pensar que o tal Paio, ou Pelaxio, ou Pelaio, -como se lle queira chamar-, era realmente o noso Conde, o de Flammoso, con castelo ou fortaleza no Verde Castro, condado de igual nome que ese río das searas flamexantes, dos trigos e dos centeos, que de aí lles vén o nome ás terras de Chamoso.
Vindo máis ao presente, atopámonos coas liortas dos nobres galegos que non quixeron acepta-las levas, nin as levas nin as gabelas, comezando pola súa designación unilateral (dos cortesáns de Cangas de Onís-Oviedo) do Rei Silo. Esa é outra proba de que por aquí non se admitía esa (suposta) morgadía pois a casa matriz da Reconquista éramos nós, os desta parte do país.
Aí adiante, alén do Cádavo, nese Campo da Matanza, quedaron aqueles cadáveres, tan mouros e tan esturruxados que por "mouros" os apuntou a tradición, e así o estivo crendo esta xente da Valeira, da terra dos vales, ¡que non é oca nin baleira! O feito, á pouca estratexia militar que se saiba, parece estar claro: Os do país, os de por acó, queimaron esas toxeiras do Cádavo, que de aí lle vén o nome, cádavo, "toxo queimado", para poñérllelo difícil aos ástures. Pelexando e pelexando, ataque e retirada, a última resistencia dos nosos foi aí no Monte Cubeiro, daquela Cuperio, de sempre país de resistencias: aí na Fonte de Matahomes, e tamén no Rego dos Ósos, (Cepomundín), onde por fin venceu Silo, que así afianzou, sobre nós, a coroa residencial ovetense.
Aínda estaban frescos aqueles ósos da nosa xente cando a El Rei Afonso II lle deu por honra-lo Santiago, no seu Campus Stellae, e de paso facerse cunha nova bandeira: Na vangarda, para insuflar ánimos aos combatentes, e na retagarda para ter controlados aos galegos, de paso, pois daquela non eramos tan mansiños coma hoxe, que ningún caudillo se aventura en loitas de vangarda sen atenazar primeiro a súa retagarda. Estes feitos son históricos, á marxe da súa piedade relixiosa, da de don Afonso, que non lla nego.
Púxose aquel home, o II, o Casto, (casto, si; pero casado, tamén), de Camiño, polo Camiño Santo, facendo a primeira peregrinación das da Historia Occidental, a máis primitiva destas características, que se saiba. Así que aló por Oviedo, Uviéu dicían daquela, mandou carga-las acémilas con todo o preciso para unha viaxe tan longa, e púxose a face-lo seu planing, que diríamos agora. ¿Por onde...? Descartemos as feas: Por León, nadiña, que no oitocentos e pouco aínda estaban os mouros do outro lado dos Pallares (Pajares), máis ou menos cerca, pero sempre atusmando, ¡a velas vir! ¡Que máis quixeran aqueles morangos zalapastráns, nómades atávicos, que intercepta-la comitiva real, que ía cargada de tesouros para financia-la nova igrexiña do Campus Stellae! ¿Daquela, pola costa? ¡De ben mirado, e de ben pensado, non, pois entre outros obstáculos había que pasa-lo Nalón, o Navia, o Eo..., coas cabalgaduras respectivas, nas veigas respectivas, sitio tremedoso, daquela sen pontes nin pontellos! ¿Subir de par destes ríos, pola súa dereita? ¡Descartado: peor sitio, ademais duns rodeos absurdos!
Como a viaxe tiñan que facela directamente a Lugo, a Lugo e por Lugo, que era onde estaba, consolidada, a gran urbe histórica, fortificada, ¡digna dun Rei!, a cousa era indiscutible: ¡Había que seguir a vía antiga, trillada, ben coñecida; esta que pasaba por aquí mesmo, por debaixo dos nosos pés, vinculando o Lucus Augusti co Lugo de Llanera e coa Gigia campamental! No caso de El Rei Afonsus II, á viceversa!
Con estas lembranzas cheguei á seguinte reflexión: todos recordamos, dos nosos tempos da escola, que os pobos que esquecen a súa historia están obrigados a revivila, a refacela. ¿Está claro? Todo por aquí fomos caendo no esquecemento desa Historia, da propia, da nosa, a desta bisbarra, e agora, ás portas do XXI, xuntámonos nesta peregrinación para repasa-lo noso Camiño, esta parte da nosa Historia. Pero, como se fan os camiños? Ben sabedes que só hai un xeito: ¡Camiñando!
Non podo terminar sen facerme, aínda que inmerecidamente, portavoz de todos vosoutros, e pedirvos unha aclamación para aqueles, persoas e asociacións, que fixeron posible esta resurrección do noso Camiño. Uns máis e outros menos, pero incluso os que nada fixeron ata hoxe, con só que estivesen receptivos desta recreación, ¡algo fan!, iso á parte e ademais de goza-la paisaxe. Por eles, por todos, polos ausente e polos presentes, un ufido, ben forte; tan forte coma aqueles dos antepasados que loitaron nestes cumes en contra do rei impositor, do Silo. Agora temos que loitar contra os que esquecen, ou queren que esquezamos, a nosa Historia..., ¡para traelos ao rego, para traelos ao Camiño, ao máis importante de todos, ao do noso preceptor, Santiago!
¡Veña, ufemos; forte! ¡Todos!
...
Gómez Vilabella, Xosé M.