Opinión en Galicia
Volvendo ao rego, volvendo ao camiño (11)
Gómez Vilabella, Xosé M. - martes, 06 de agosto de 2024
Cando Afonso II abriu camiño polo Cádavo
¡Foi no Cádavo o único lugar onde don Gil de Sotrondio non tivo accidentes coas virxes, pois alí os mozos tiñan, sempre tiveron, onde elixir, e non cobizaban, nin cobizan,
a muller do próximo.
+
Valeume o San Salvador
e tamén a Virxe María;
valeume o Señor Sant Iago,
inimigo da mourería.
Ansí fablou Rei Afonsus,
que Secundus El reinaría,
Casto de nome e de feitos,
cando volveu da correría:
Os mouros aló quedaron,
exsangües, ¡e sen feridas!
Morreron de medo e do frío,
mortos de morte morrida.
Tras deles ía un cabalo
polo Pajares arriba,
e cabaleiro Sant Iago
sen estrobos se sostiña.
...
Gozoso da súa vitoria
e sen mouros na serranía,
El Rei Afonsus Secundus
platicou desta guisa:
A vós, don Gil de Sotrondio,
cabaleiro de gran valía,
encoméndovo-los votos
que ao Campus Stellae eu faría.
Iredes coa miña Corte,
tres ducias, en cabalerías;
iredes por bo Camiño,
pola romana de Gigia.
Egeria do Berducedo,
vosa amada compañía,
coidará das dez doncelas
que votaron solteiría;
e aló, na Compostela,
gran convento lles daría,
para que poñan luz acesa
ao Sant Iago e á Santa María.
Para face-los trinta e seis,
vinte e catro cabaleiros,
rexos, fortes e varudos,
todos eles espadeiros.
O tesouro sarraceno,
desde hoxe santiagueiro,
levaralo nas acémilas,
nestes sacos fareleiros,
que ansí disimularedes
cos bergantes camiñeiros.
Ordeno e mándovos, don Gil,
poñervos decote ao ruteiro,
¡non sexa que o Magnus Carlo
faga vía polo Cebreiro!
...
Ficieron unha parada
en Berducedo, no muíño,
e nestas, o irmán de Egeria
aprestouse a seguilos.
Unha legua non levarían
cando unha das virxes
de selo cansou,
e daquela o Berducedo
namorouse dela, ¡e casou!
Polas Grandas de Salime
outra virxe esmoreceu.
¿Cal é a vosa inquietude?
¡Señora, ese pastor..., é meu!
Con oito daquelas mozas
á Fonsagrada chegaron,
mais, como é terra frida,
¡outras dúas namoraron!
¿Que lles podemos dicir,
ou que podemos facer?
¡Déunolas o Rei Casto,
e castas eran, as dez!
Meu Gil, Señor de Sotrondio,
e meu amo e señor tamén,
¡eu podo responder por min,
ca non polas virxes dez!
Ao pasar polo Castro Verde,
que eran as festas de Sant Iago,
para evita-lo perigo
metéronas, núas, en sacos,
¡dicíndolles aos castrexos
que eran xabarís cazados!
O malo foi que aquel Conde
quixo cobra-la portaxe,
¡e quedouse con dúas virxes,
ás que deu Pena e Bolaño!
Doéronse daquel percance
por San Miguel do Camiño:
¡Con tan pouca cera virxe
non se fai un lampadiño!
En Lugo convidáronos
alí no pazo do Bispo.
¡Gran cousa foi o convite,
moitas lebres e bo pisto!
Cando espertaron da cea,
e lles volveu o sentido,
dúas daquelas virxes fóranse
cos frades, cara ao Miño.
Seica fundaron dúas aceas:
Unha, a do Rei Chiquito;
e outra, que lle din da Olga,
¡Olga, a de frei Benito!
Saíron de Lugo tristeiros,
fracasados na misión,
e chegados á Retorta
invocaron ao San Ramón,
cando que era San Román
o patrón da poboación.
Con tal trema de remorsos,
tanto medo e confusión,
tanta cegueira na escolta
e malograda a Fundación,
acordaron casa-las dúas,
¡e que ficiesen criazón!
...
Desta guisa fablou don Gil
cando á Compostela chegou:
Dez virxes me deu Afonsus,
e traelas ata aquí mandou.
Iso cumprir non puidemos,
tal e como El sinalou;
iso cumprir non soubemos,
ca ninguén de pecar librou!
Esas virxes, de desvirgadas,
quedáronse polo Camiño,
pero, co tempo, cos anos,
Patrón, terás peregrinos;
tera-la ruta poboada de afillados,
¡e ti de Padriño!
...
Cando El Rei Afonsus se enterou
do bo servizo que foi feito,
aledóuselle o corazón,
ca non lle cabía no peito.
Deulle as grazas ao Patrón
e loouno deste xeito:
Señor Sanct Iago,
¡que milagre!
Con dez virxes fermosotas
repoboáche-lo Camiño,
¡desde Ovetum ás Retortas!
Señor Sanct Iago,
¡que milagre!
Ti, co teu cabalo brioso,
e os mozos facendo das súas
¡xa temos Camiño glorioso!
Señor Sanct Iago,
¡que milagre!
Pasarlle diante ao Carlo Magno,
pois el, e mais ten francesiñas,
¡inza menos que un Rei Casto!
...
Aquí remata a historia
do Cabaleiro Sotrondio,
¡que perdeu dez asturianas,
sendo de Afonsus Mordomo!
Seu Rei seica lle perdoou,
mais no Ceo custoulle entrar,
¡que o esperaban as Dez Mil,
dispostas a se vingar!
Xosé María Gómez Vilabella
...

Gómez Vilabella, Xosé M.
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora