Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Menciñeiros, capadores e albeites. Vacas, feiras, tratantes e moinantes (33)

Otero Canto, Xosé - viernes, 19 de julio de 2024
Cando se pode devolver unha vaca? Cales son os motivos nos que se debe fundamentar a súa devolución?

Hai tres motivos fundamentais polos que se pode devolver unha vaca que se mercara na feira, que son os seguintes: ter a gota, ser turrona e esmadroarse. Os outros defectos non contan porque xa se lle miraron cando se mercou.

A GOTA.- É un mal moi temido por parte dos nosos agricultores porque se manifesta de formas desiguais:
1º) Pode amosarse cando a vaca sae correndo sen parar, dunha maneira tola, até que lle pase o mal. Cando lle pasa volve converterse na mesma vaca que era antes.
2º) Outra manifestación da gota é que a vaca pode principiar a tremer e a caerse sempre remoendo e botando escuma pola boca.
3º) Ou revirando os ollos nunha situación que parece de loucura ata que lle pasa o mal.
Menciñeiros, capadores e albeites. Vacas, feiras, tratantes e moinantes (33)Este mal ten como característica principal, que non lle dá todos os días, por iso, ás veces, cando lle dá non a vemos e podemos botar moito tempo sen saber do seu mal. Xeralmente bota sobre uns quince días sen repetirlle a gota.

TURRAR.- Unha vaca pode volverse ao vendedor cando é turrona, é dicir, cando se volve á xente, pero faino máis a miúdo ás mulleres e ós nenos, non sabemos a razón, aínda que aos homes hai poucas vacas que se volvan, ou que turren, por iso cando se solta a vaca na feira, mírase se hai cerca unha muller ou un pequeno para comprobalo porque teñen preferencia por eles.

ESMADROARSE.- Consiste en botar a vaxina fóra da natura. Cando a vaca está dereita é moi raro que isto suceda, case sempre o fai cando se deita ou cando ouriña. A vaxina ao saírse fóra da natura pódeselle infectar, inflamarse e morrer. Hai que pensar que as cortes estaban estradas de toxo e as espiñas podían picala e despois infectala.
Se por un se acaso se esmadroan de preñadas, hai que esperar que pairan porque algunhas non o volven facer, pero outras hai que mandalas ao matadoiro.
Unha vaca que teña algún destes tres males, se non podes devolvela, non che queda outro remedio máis que mandala ao matadoiro, se queres ser bo e honrado, aínda que disto abundaba moito pola nosa Galiza e polas feiras, o que daba pé para que abondasen as pelexas, xuízos e incluso mortes.

Texto: Xosé Otero Canto
Ilustracións: María Guerrero
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES