Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A Boneca de cartón

Basanta Martínez, Xesús (Xesús do Breogán) - jueves, 11 de julio de 2024
Miña nai era modista, e sendo eu neno, recordo a unha muller chamada Ramona de ir á miña casa e falar moi en segredo con miña nai. O que falaban as dúas, tardei moitos anos en saber que era, pois tamén miña nai era cómplice de Ramona para que ninguén soubera nada da historia, que a continuación relato.

Resulta que esta muller, Ramona, tiña unha boneca daquelas que había antigamente e que eran de cartón. Era unha boneca bastante grande e a misión de miña nai era a de facerlle un vestido e zapatos novos, pero polo visto, esta tarefa era de tódolos anos, ou sexa, cumpríase o ano, e roupa nova, e Ramona volvía á miña casa con moito segredo para mudarlle a roupa á boneca de cartón. Miña nai agachaba a boneca e cando non había visita na casa, póñase a traballar na roupa da boneca.

A pesar de ser eu moi neno, non entendía como unha muller tan adulta, casada aínda que sen fillos, podía gastar cartos en mudarlle de roupa a unha boneca, se fora unha nena, era comprensible, pero unha persoa adulta, era o que eu non entendía.

Pero un día, chegou miña madriña á nosa casa, e miña nai que estaba afanada coa boneca, ante a súa comadre non se ocultou e seguiu traballando.

Se para min era un misterio o de mudarlle de roupa a unha boneca, pois imaxinádevos a miña madriña, unha persoa adulta, que non puido evitar preguntar para quen era aquel traballo tan curioso. E miña nai contoulle a historia de Ramona e da boneca.

Recordarás, lle dixo miña nai, que no ano 1939 e ao remate da guerra civil, Franco deu orde de situar varios destacamentos militares nesta zona para controlar a Asturias. Dous deses destacamentos acamparon en Foz: un en Nois e outro na Granda en Mañente, barrio de Vilaronte.

Pois esta Ramona, lle contaba miña nai a miña madriña, tivo un romance cun sarxento do destacamento da Granda, e este sarxento regaloulle esta boneca. Ramona deixouse seducir e quedou preñada do sarxento.

Cando chegou a hora de parir, do ventre de Ramona saíu non un neno, se non algo semellante a un monstro, con tan boa sorte, que o feto naceu morto, porque era horroroso, era monstruoso, contaba miña nai.

Ramona, quedou moi tocada con ese tema. O sarxento marchou e nin adeus lle dixo e a pesares de que ela despois casou con Manuel, non puideron ter fillos, e por iso, Ramona ía mudarlle a roupiña á súa boneca, porque en realidade para Ramona non era unha boneca de cartón, se non aquel fillo daquel sarxento, daquel seu amor, daquela súa ilusión.

Ramona, era unha muller moi abandonada, tiña moitos montes e terras, pero non era feliz, non encontraba a felicidade. Casou con un tal Manuel, pero ao non poder ter fillos, ao final, parecía que na vida de Ramona, Manuel era un estorbo.

Manuel morreu de mediana idade, pero Ramona ante a súa morte non botou nin unha bagoa. Quizais ela o buscou como substituto daquel sarxento que un día a namorou, e aí ela deixou quedar todo canto sentimento tiña no seu corazón e que para Manuel, nada lle quedou.

A súa casa estaba moi abandonada, todo era porcallada, lixo e inmundicia. Os cochos que tiña, campaban ás súas anchas pola súa casa ao igual que as galiñas, que defecaban na propia cama dela, pois andaban polos cuartos de toda a súa casa.

Ramona bebía moito e emborrachábase, e cando o facía, falaba soa en voz alta cos varios gatos que tiña, e dende a miña casa, podíase escoitar como ao tempo de falarlles lles daba abrazos e bicos, moitos bicos, porque se sentía o estalo dos seus labios contra o corpo dos felinos.

Quen sabe se para Ramona, aqueles gatiños eran tamén os seus filliños, como aquela ben coidada boneca de cartón á que tódolos anos lle cambiaba de roupa como marcaba naquela época a tradición, que se estreaba roupa nova o día de Corpus Christi ou o día do patrón do pobo. Pero aquí había unha gran curiosidade, Ramona cambiáballe a roupa á boneca, pero ela levou e ata a súa propia morte, a mesma roupa que sempre levou posta e nunca quixo mudar.
Basanta Martínez, Xesús (Xesús do Breogán)
Basanta Martínez, Xesús (Xesús do Breogán)


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES