Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Volvendo ao rego, volvendo ao camiño (10)

Gómez Vilabella, Xosé M. - viernes, 02 de agosto de 2024
3-6-1993
Cabalgata escolar en lembranza da peregrinación de Alfonso II

Cando nos poñemos a andar, tal que cando facemos Camiño peregrinando cara a Compostela, os ollos, obviamente, van cara a diante; ¡impórtanos ir, impórtanos chegar! Pero pode ocorrer que nos esquezamos de que o Camiño que estamos facendo non é precisamente o de ida senón o de volta..., ¡como lle pasou a Santiago!
Volvendo ao rego, volvendo ao camiño (10)

O mestre Carreira, ¡un auténtico Mestre!, conducindo a súa xente, os seus alumnos.

¿De volta? ¡Si, de volta de Zaragoza! Lembremos que o señor Santiago, Sancte Jacobe, arraigou na Gallaecia despois, e grazas, ao seu retorno. Fórase de aquí, decepcionado. Non aguantou aquilo de "Xa veremos", "Teño que consultalo coa ama", "Agarde que o pense", "Mañá falaremos!, "¡Vaia un Deus que se deixou crucificar polos romanos; sequera aquí, no Medullius, envelenámonos antes que entregarnos!". Aqueles celtiñas, escarmentados dos romanos, perderan a fe no descoñecido.

O Fillo do Trono non era o axeitado para a Gallaecia: Impulsivo, urxente, esixente..., Fillo do Trono! ¿Ou si? Por algo San Pedro o mandara á Finis Terrae: Facía falta un Jacobe para atreverse co ignoto, co remoto, tan recentes que estaban aquelas, belicosas, conquistas. Non é posible que se asustase, pero si que se desanimase á vista do trasacordo galaico. Un bo día, ¡si, si, un bo día!, pola vía romana do Norte, co seu cabalo branco, ¿sempre o tivo así?, púxose en ruta para Tarraco; en Tarraco pensaba embarcar, retornado, para Roma...

¡Ah, pero saíulle ao Camiño nada menos que María, upada nunha columna daquela Seo en construción, na Caesaraugusta!

-Santiaguiño, parece mentira en ti, tan bos que son eses galaicos; ¡desanda o Camiño, que vale a pena!

¡E desandouno! Así que agora, cando imos, cando van, a Santiago, non van, non vamos: Volven, volvemos!
-.-

Volvendo ao rego, volvendo ao camiño (10)Lugo - Redacción
Las asociaciones culturales Espalladoira y Vecinos, de Castroverde; Neireo, de Baleira; y la de Amigos do Camiño Primitivo organizan una cabalgata medieval para el próximo día 20, con la que pretenden conmemorar la peregrinación del rey Alfonso II el Casto. El programa previsto se iniciará con la salida de autobuses desde Castroverde hasta el puerto de A Vaqueriza, donde se rememorará la llegada de Alfonso II, con la escenificación de la bienvenida al rey de Asturias por parte de Martín de Bolaño, mayordomo de don Lope, señor feudal de Castroverde; el rey llegará a caballo.

-.-

Nº 545 (Xaneiro 1999)
¿Por que nos visitou Santiago?

Preguntoumo, de visita nesta miña/vosa casa, un neno galaico-madrileño-galaico, que acababan de chegar seus pais, retornados a Galicia, ao verme a Biblia de Sept na mesa do despacho, evidentemente por unha simple asociación de ideas:

-Díxonos un Profesor que o Señor Santiago, de degolado, veuse para Galicia, definitivamente, nunha lancha de pedra...; ¿non será moi gorda?
-E teu pai, aquí presente, ¿que opina?
-¡Este galego aínda non me contestou!

O pai, ¡máis galego cá min!, fíxome o aceno de trasladarme aquela interrogante do seu neno. ¡Trágame terra! Desde que o meu fillo, daquela da guerra de Ifni (aquela guerra que vos ocultou don Hermenegildo, aquel señor que só respondía "ante Dios y la Historia"), me preguntara aquilo de, -¿Papá, po que se tiran eses paracas?, eu non me vira noutra semellante, pero un galego ten a obriga de descubrir América, aínda que despois lle pisen o invento, ¡ou deixa de ser galego!, así que tirei por onde Deus me deu a entender:
-Mira, rapaz, a clave, se cadra, témola aquí, máis ou menos neste punto, en Mateo 2, 19: "En morrendo Herodes, o anxo do Señor aparecéuselle en soños a Xosé, en Exipto, e díxolle: -Érguete, colle o neno e maila súa nai e volve para a terra de Israel, que morreron aqueles que querían acabar con el".

O caso é que aínda reinaba Arquelao en Xudea, así que lles pareceu máis prudente ir directamente para Galilea, pero, ¿como, e por onde?, pois o anxo non entrara en detalles. Se ían polo Sinaí, era forzoso atravesar Xudea, e despois Samaría... Nisto, Xosé, que estivera traballando de carpinteiro en Alexandría para uns navieiros fenicios, pediulles que os levasen nun daqueles lanchóns seus... -¿Para onde...? -¡Pois, dadas as circunstancias, mesmo para Galilea!

Resultou que aos fenicios saíulles un porte de pedras preciosas, ¡rosadas, granito do Porriño! Para a tumba do Faraón, obviamente. Resultou que aqueles fenicios eran máis dados aos cartos que ao latín, así que, ¡por Galilea entenderon Gallaecia! Por culpa dese mal entendido, singradura vai e singradura vén, acabaron recalando en Galicia. Á Sagrada Familia nada lle custaba facer un milagre para desface-lo seu Camiño, tal que voando, pero como eran respectuosos coa vontade de Deus, que xa se di que ara dereito aínda que sexa con liñas torcidas, de chegados ás terras do finis terrae aquí se quedaron, uns días, agardando polo retorno das naves fenicias.

Entre tanto, ignorante de que xa os avisara un anxo, o vello Zebedeo, -que estaba casado con Salomé, a irmá da Virxe María-, díxolle ao seu fillo, ao Xacob: -Dáte unha volta por Alexandría para avisar aos parentes de que ao Herodes xa o papou o diabro. Daquela dilles que volvan tranquilos, pois aquí, coas obras do Templo, hai traballo de sobra para un carpinteiro da habilidade de Xosé!

Cando o Xacobe chegou a Alexandría, ao estaleiro daqueles fenicios, dixéronlle que ía tarde co aviso, que os parentes acababan de saír, precisamente nunha gabarra daquelas de importa-las pedras galaicas..., "nunha coma esa que está aí embaixo, nese peirao; ¡esa, esa que está levando as áncoras!".

Aquel rapaz do Zebedeo, aquel valente, tan lanzado, que era talmente un fillo do trono, sen pensalo dúas veces embarcouse..., ¡para a Gallaecia!, en busca dos parentes, cumprindo así a misión que lle encomendara seu pai, o Zebedeo. Así foi como retornaron todos, e todos xuntos, rumbo a Alexandría, e desde alí fóronse, costeando o Mediterráneo, noutro barquiño, nun que ía a por cedros ao Líbano, tamén para a tumba do mesmo Faraón. Desta vez, desandando o Camiño, o náutico se entende, desembarcaron na Ptolemaida, e de alí a Caná, ¡dúas semanas! Xusto a tempo para asistir ás vodas dunha parente de María... ¡Pero iso é outra historia!

Tanto a Sagrada Familia como o Xacobe quedaron moi agradecidos polas atencións recibidas daqueles fisterráns, daqueles gallaicoes, así que, tempo adiante, despois da resurrección de Xesús por suposto, daquela que os Apóstolos, homes e mulleres, se repartiron as romanidades para anunciarlles a Boa Nova aos latinos, foi a propia Virxe quen lle encomendou ao Iacobvs, que se dese unha volta pola súa querida Gallaecia. O malo do caso foi que os galegos, coa nosa retranca habitual, medio toleamos ao Fillo do Trono, dun carácter tan distinto do noso: -Por unha banda, ¡vostede xa ve...! E pola outra..., ¿que quere que lle diga...? ... -Que si, don Xacobe, que ben o sei, pois iso que nos predica xeito leva, afellas que si, pero..., mire, para non andar con voltas, xa o verei engorde, pasiño a paso. Se cadra mañá mesmo, segundo faga o día, que o teño que consultar coa almofada, ¡e por suposto, coa miña dona, pois nestas cousas importantes, eu..., un simple servidor, dela e de vostede!

O Xacobe, impaciente que era, colleu un cabreo de aquí te espero, e como tardaban en volver aquelas naves, as fenicias, rouboulles un cabalo branco aos propios gallaicoes, ¡que llelo tiña ben merecido! Do Lucus pasou a Castroverde, e pola Fonsagrada, Vía de Asturias adiante, feito un lóstrego, enfiou cara á Caesare Augusta (Zaragoza), disposto a embarcar na Tarraco, nun daqueles trirremes que facían a ruta Salou-Mallorca-Ostia, así, sen hache, que é ese porto que hai ás aforas de Roma.

De chegado a Zaragoza detívose para admirar as columnas dun templo que estaban erixindo os romanos non se sabe a cal dos seus deuses, pero desviounos a Virxe María, que bendiciu o sitio, e desde o alto dunha columna, que de aí vén o de "Pilarica", botoulle unha rifada ao apóstolo: -¿Santiaguiño, como é que lle fas isto ao noso Xesús, co ben que o coidaron os gallaicoes, daquela, que ata lle ensinaron a pescar sen anzol? -Señora, é que eses galegos, eses da Fisterra, estanlle verdes, ¡máis aínda cós seus prados, que xa é dicir!

A Virxe axudoulle, mediou, intercedeu, porfiou..., tanto, e con tanto interese, que de alí en diante non houbo problema cos nativos. O malo foi que se tivesen que reunir os Apóstolos para celebrar unha reunión, unha xuntanza conciliar, preparatoria do I de Xerusalén, concretamente na Pascua do ano 44, concorrencia que aproveitaron os xudeus, os seus propios veciños, ¡outros desagradecidos!, para afeitarlle o garneato.

De morto, aqueles fenicios, os mesmos de antes, traficantes da pedra, ¡da pedra e de cantos minerais atopasen, ouro incluído!, recolleron o seu corpo e metérono nun fol, que así nos trouxeron os restos do Iacobvs; ¡nunha lancha das da pedra, que non de pedra, por suposto, pois as cousas hai que entendelas ao dereito!

O neno quedou convencido, e seu pai agradeceume esta colaboración, que ata me dixo polo baixo: "Se non é vero, é ben trovato".

...
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES