Publicado no nº 6. (Ano 1993), da revista RÚA ALTA
Señor Santiago, dous puntos:
Con debuxos de Augusto Trillo. Publicado no nº6 da revista anual
'Rúa Alta', 1993-, do Club de Xubilados de Caixa Galicia, Coruña.
Señor Santiago, se mo permite, vostede e mais eu imos botar unha parrafeada, aquí mesmo, nestas cadeiras da Caixa... Estoulle xubilado, ou sexa, sen présa, cos andares feitos; e vostede seica está de Xúbilo, ¡por iso de que este ano o seu día cae en domingo domingueiro!
E logo, ¿que tal lle foi desde..., desde que o visitou o Papa, co aquel da Xuventude? ... ¡Ao que chegou, Patrón, a ser máis papista có Papa, o sucesor de Pedro! E mais, de ben mirado, Pedro foi un covarde, ¡que mira ti que negar tres veces ao Mestre...! Xa sei, xa, que despois diso arrepentiuse, pero..., ¡se lle puidese facer dano a Xesús aquel testemuño, feito ía, pois os arrepentimentos liberan a alma pero deixan sucios os corpos! ¡Tal cal! Por iso, o de declarar en falso, mala cousa é; ¡tan mala, que non hai galego que tal faga, que ese defecto por aquí non o temos! Claro que vostede, o Fillo do Trono, para esas cousas é Santa Clara. ¡Bo Mestre temos, si señor!
Xa que falamos do ter e do ser, o malo é que na práctica, meu Sancti Iacobus, os galegos sómoslle algo vergonzosos, e cando toca canta-las corenta, por exemplo aos políticos, daquela..., ¡xa sabe, daquela que mexan por nós!, abrimos o paraugas e dicimos, mansamente, aquilo de que, chove miudiño, miudiño chove, pola banda de Laíño, pero tamén, ¡tamén!, pola de Lestrove. Xa ve, Patrón: ¡O que vostede queira! Ou como lle dicían os alemáns ao seu Führer, que tamén son medio suevos, "¡Ja, mein Herr!".
Falabamos, Patrón, de que para entrar xubiloso neste xubileu dos xubilados compre denantes facer o relevo do facho. ¡Pero se xa o fixeron aló en Monserrat, naquelas Cortes, coma quen di, onte! ¿Vostede refírese ao facho destes galegos finiseculares, nós, todos nós, aqueles que..., estes da xeración da Guerra? ¡Maldita guerra, pois encima da fame, e do febles que saímos dela, agora os netos rinse de nós cando llela contamos, e téñennos por mentiráns! Todo sexa por eles, a ver se escarmentan na nosa cabeza..., ¡e teñen un XXI en paz, polo menos con paz!
Agora, nestas liortas entre esquerdas e dereitas, os políticos zúrranse a pracer, ¡pero, iso si, coa lingua, que así amplían vocabulario, sobre todo nas picardías, pero nós, os vellos, vimos daquelas confrontas coa pólvora na man! ¡Xa sabe, outros tempos, outras armas, outras ferramentas!
Hai cousas que nin de vellos chegamos a saber, con todo o que neste país pasou, ¡pasou e pasamos! Direille: ¿Como é que vostede sempre presumiu de Matamouros e, non obstante, daquela do 36, ben que trouxo aos morangos, aqueles do Defuntiño, para que recobrasen Covadonga? ¿Que non quere que conste en acta...? ¡Ah, picarón! E logo, ¿tampouco poñemos..., aquilo de que Mizzian mandaba no trono da Coruña tanto ou máis que vostede no Compostelán? ¿Que lles diremos aos netos se preguntan por iso? ¿Secreto de Estado, outro, outro máis? ¡Vale, comprendo, pois volve a haber mouros aquén do Estreito; e mouros tamén, árabes máis ben, son eses que nos venden o petróleo; xa sabe, a gasolina dos peregrinos actuais!
¡Vostede é un economista, deses que sempre están na escaleira...! Falando do petróleo: Aquel da Coruña éralle Brent... ¡Que cousas, pois antes, o que é do Norte só viñan as sereas, aquelas roibas, e agora esa marea moura, pero..., que lle vou contar que vostede non saiba! Xa tiveramos abondo con aquela pelexa do Hércules contra Gedeón, e agora vén Neptuno e, ¡zas!, embarranca un petroleiro. ¡Encima de caro, a desfeita total neste paraíso das cinco badías, dos cinco dedos do noso Creador! E logo que ninguén tivo a culpa diso, polo que nos din uns e outros! ¡Que cousas pasan, que nin que estivésemos deixados da man de Deus! Ten que pregar pola súa Galicia, pois, do que non, mal imos!
Teño outra dúbida, meu señor Santiago: ¿Por que o Defunto -refírome a don Hermenegildo- consentiu que fose a do Ferrol a última estrada do Plan Redia? Claro, claro; nós estamos castrados, xa desde os tempos daquela Raíña, esa que teñen por santa en Castela, e logo que cando os bens son escasos, como din os economistas, é Razón de Estado satisfacer primeiro aos cataláns, aos vascos, sexan vascos ou euskaldúns, e tamén aos ástures, pois eses veciños, todos eses, protestan..., mentres cá nós, católicos sentimentais, como dicía Valle Inclán, que de protestantes, nadiña! Agora comprendo, si Señor; ¡e grazas, Xefe, pola palma do martirio! Grazas, tamén, polo entendemento anubrado, ¡estas néboas fisterráns...!; e pola auga, de paso, que xa sabemos que na súa Compostela a chuvia é arte maior. ¡Paraugas, paraugas para todo; sempre!
¿Que deixemos a política e falemos de economía, de economía pura? ¡Pero, oia, Patrón, pois vostede, como patrón, débeo saber: Desde cando a economía é pura? ¡O que queira, sempre o que vostede queira, don Santiago, meu Patrón, non sexa que o demo meta este Ano Santo, nas ofrendas, o Despido Libre! ¡Non lles deixe! Mais en definitiva o que vostede queira, que eu dou a todas; a todas, non, pois en cuestión de mulleres..., ¡xa sabe, estou casado!; e logo vén iso, ¡de postos a falar...!, que todo por aquí galean elas, de arriba abaixo, pois de tanto que estudaron nas últimas xeracións, volvemos a ter matriarcado nesta Suevia tan suave. ¡Deus, e que ben mandan, que listas son...; iso ademais de guapas, que para guapas as galegas, como hai Deus que si! (Voullo dicir cunha paréntese: Aquel machismo de que o home podía vender os gananciais sen a firma da súa muller, perdémolo no Código do ano 1975, que D. Francisco non o quixo sacar, e iso a pesares da súa encomiada Sección Femenina! Desde entón..., ¡que lle vou contar que non saiba! Pero volvamos á economía, que diso, por moito que se fale e medite, nunca será abondo:
¿Cando vai ser o día en que vostede baixe do seu cabalo, do branco, e deixe en paz aos mouros? ¿Que por que? ¡Home, case nada: coido que sería bo venderlles auga, auguiña galega, a mellor do mundo, trebón de Santiago incluído..., a ver se dese xeito compensabamos a factura do petróleo! Ben sabe, meu Xacobo, que mentres non consigamos fabricar, fabricar e vender, ¡incluso aos árabes!, moito e bo, do que sexa, toda clase de artigos, e con iso abrir mercados exteriores, bos mercados, con Maastricht ou sen Maastricht, aquí na Gallaecia todo serán bágoas e..., ruadas, política de rueiro!
Señor Iacobus, parece mentira en vostede, que sendo xudeu permita que nos fagan tantas xudiadas. ¿Quen nolas fai? Está claro: ¡Os xudeus das multinacionais; os de Bruxelas, en definitiva! Por se iso fose pouco, o dito, que agora naquel Mastrique do Duque de Alba, Señor de Monforte para máis INRI, en vinganza daquelas lanzas seica afeitan ás ovellas mansiñas, tal que nós, ¡con tesoiras converxentes!
Señor Iacobus, noso Rabí, noso Titor e Mestre, por favor, ensínenos saberes xudeus, pois do contrario os nosos fillos, fillas incluídas, con tanto paro, inflación, noites na eira do trigo, pero sen trigo, botellón, droga..., ¡que sei eu!, van ter que emigrar de novo, e agora nin hai a onde; ¡nin sequera iso!
Xacobo bendito, mire dúas cousas, nada máis que dúas, pois, de chegados a este punto, o resto é curto: Mire pola miña cartilla da Caixa, que non a dou pasado das catro cifras, ¡nin coa inflación! E de paso mire, mire tamén, para este saco dos meus pecadiños; con isto feito, aconsélleme a forma, o xeito, de acabar con eles, que vou vello, que imos vellos, e non lles quero deixar aos netos, no canto dunha caixa de caudais, este saquete de pedir esmola, de pedir polas portas..., ¡por culpa dos nosos pecados xeracionais, que vostede xa me entende!
Se Galicia é, como de feito é, unha terra rica de xente pobre, ¡Señor Santiago, noso Patrón, basta xa de panos quentes! Ensínenos a ser xudeus cos xudeus, ou polo menos apréndalles aos netos, pois aló, na súa Xudea, naqueles desertos, aquela xente en vez de emigrar, inmigra, e fano con fartura, pois o pouco, de ben administrado, chega a moito! ¿Non é iso o que din os economistas? ¡Pois logo!
Como méritos, meu Sancti Iacobus, tan só unha cousa, ¡unha soa!, pero, iso si, notable: ¡Ten que recoñecer a nosa paciencia, a paciencia galega, que lle é a meirande do mundo..., aguantando paraugas!
¿Firmamos o pacto, meu Patrón? ¿Que si? ¡Logo vale a pena celebrarlle un Xacobeo en acción de grazas! Vide, galegos, vide todos a porfía, con flores a María..., e con foguetes para o Fillo do Trono, que por fin..., ¡por fin!, vainos ensinar a producir, a producir máis e a vender mellor, pois a partires diso a dignidade dun galego medirase en ouros, ¡por encima do ECU (euro), que xa é dicir!
Señor Santiago, que non se diga que os vellos somos..., iso, pasotas, pois xa ve que de postos a batallar, con ou sen dialéctica, queremos o mellor para os fillos, e tamén para os fillos dos fillos, e por aí adiante, pois téndoo a vostede de man, e feitas estas ofrendas, esta confesión, este arrepentimento, non nos deixará, esperemos que non, coas mans baleiras, pois do contrario, cando cheguemos a xunto de San Pedro, verá vostede que contencioso lle espera, que aquí non falo só por min, que somos moitos a querer, a esixir se falta fixese, anos, moitos, de gloria e de esplendor para a nosa entrañable Galicia, cousa que temos merecida, modestia á parte! ¿Ou xa non se lembra de que lle cortaron o garneato na súa Galilea, na propia, e que nós, daquela, tan xenerosos sempre, démoslle Terra Santa, outra, a mellor do mundo? ¡Pois iso, favor por favor, que xa estamos fartos da retórica literaria das ofrendas!
De aquí en diante, nas lides económicas que se aveciñan, nesta competencia cru, desapiadada, que nos espera, ímoslles ter que dicir aos fillos, e nos fillos aos netos, aquilo das nais espartanas, ¡E tân e epi tâs! ¿Sobre do escudo...? ¡Non, sobre do euro, que con menos non nos conformamos!
Agora, cos pactos feitos, meu patrón, cando vostede queira tiramos as vésperas da súa fachada mudéxar. ¡Ultreia, Señor Santiago, que a xente enténdese falando, e mellor aínda se se fala claro! ¡Amén!
... Gómez Vilabella, Xosé M.