Volvendo ao rego, volvendo ao camiño (8)
Gómez Vilabella, Xosé M. - viernes, 26 de julio de 2024
Algunha das miñas aportacións...
Ano 1987. O 28 de novembro, (anunciada no periódico El Progreso do día 27), din unha conferencia en Castroverde, nos locais da 'Espalladoira', sobre festexos e tradicións locais.
No coloquio suscitouse o tema da importancia medieval de Castroverde, particularmente como feira comarcal e nó de comunicacións. Detívenme moito, porque fun moi preguntado polos estudantes asistentes, sobre a importancia da nosa feira, os nomes, nó de comunicacións, a elocuencia, o valor como fonte histórica, da toponimia local, etc. Que Alfonso III firmou no noso castelo documentos importantes encabezados co nome do lugar: In Castrum de Vallis Viridis. (O de xunta-las verbas Castro + Verde é do século XIX). O municipio homónimo de Portugal segue sen contracción). Da toponimia detívenme moito en nomes que me ensinara meu avó, tal que a "Fonte do Peregrino"; súa nai, Concordia Carballedo, era natural de Vilabade; San Miguel do Camiño; que eu localizara, vira, escrituras de fincas que poñían como un dos límites, "O camiño de ir a Compostela". Etc.
-.-
¿Porque se abandonou o noso Camiño? Cedeu á importancia do "Francés" porque este, o novo, collía un hinterland meirande, enorme; e logo que, ao haber estradas, íase a Santiago máis ben en vehículos a motor. Tamén influíra a inseguridade das corredoiras, coas persecucións dos fuxidos, os atracos do "Capillo" Etc.
-.-
No ano 1.992
A Deputación de Lugo auspiciou unhas xornadas de estudio, con participación dos asturianos, a efectos de recrear o Camiño do Norte, con omisión inicial da existencia do Camiño Vello de Castroverde.
Asistín á reunión-clausura, que se celebrou en Friol, na Torre de Xiá, molestándome a omisión que sinalo aquí, así como a "desviación" que se facía levando a ruta inicial por Vilalba e por Friol, coma se Lugo, na Idade Media, non fose o núcleo central, inevitable e ineludible para os Reis de Asturias, ben preocupados por certo, naqueles tempos, de sinalarlle á mitra lucense todo o poderío da corte ovetense. Certo é que algún dos participantes aludiu á Vía Interior, central, Fonsagrada-Castroverde-Lugo, Melide, pero cun carácter máis ben secundario, sen comprometerse nin afondar no seu estudio.
Cos mellores desexos de suscitar e/ou provocar un afondamento neste estudio, nada máis chegar á Coruña elaborei un artigo algo revoltoso, que mandei ao El Progreso, onde saíu publicado o mércores seguinte, día 23-9-1992, na páxina 28, sección "Táboa". É o seguinte:
Lucus Augusti - Gigia. ¿Antes do/dos Camiño/s, que? / Por Xosé María Gómez Vilabella
A culpa deste artigo, desta matinación, tena dona María Josefa Sanz Fuentes, catedrática ovetense, que nos deu na Torre de San Paio de Narla unha brillante disertación sobre os Camiños de Santiago, pero deixoume ben amolado, ou máis exactamente, desilusionado, co que respondeu á miña enquisa por bibliografía asturiana que trate da Vía romana Lucus-Gigia. Eu, na miña admiración polos ástures, coidaba que irían diante nosa nesas exploracións, e polo visto, aínda non; vese que a súa Deputación en cuestión de Vías non lle pasa diante á nosa. ¡Non é doado, certamente! Dona María Josefa díxome que en Asturias dan por sabido que aquela ruta ía polo seu Montefurado (Pola de Allande), e pouco máis sobre iso. Dende aquí prégolle que suscite este tema no seu universitario Ovetum pois, de postos a correr camiños, en Galicia tampouco faltarán estudosos que se ocupen da nosa parte nesa Gran Vía ancestral.
As vía romanas todos sabemos que foron gaveleiros reticulares, e nunca mellor dito, para recolle-las gabelas do entorno, (pois os romanos ían a por todas, fosen rapazas ou milites, cereal, ouro e prata, ou mesmo o mel das nosas abellas), á vez que ponteaban a seguridade vial e comunicativa cos seus vértices campamentais, tal que Romeán para os de Lugo, e Lugo de Llanera, xunto a Oviedo, para a Legio VI Victrix, apaciguadores de posibles/potenciais alzados. O Anónimo de Rávena (IV, 45)fálanos, entre outras, da que unía o Lucus Augusti co Lucus Asturum. A rede loxística estaba ben trenzada, e as atumes primordiais da rexión controlábanas coa Legio X Gemina, desta parte; coa Legio VII, en León; ¡e por aí adiante!
Pois ben, queridos curmáns das Asturias, xa que somos primos, no bo sentido por suposto, coido que vai sendo hora de matinar no camiño habitual daquelas visitas que se intercambiaron os nosos devanceiros, que antes de vir a Compostela polo perdón dos seus pecados, os parentes de Cangas de Onís xa tiñan os nosos camiños ben trillados, por outros motivos. Aí temos, sen ir máis lonxe, ao rei Silo, que montou en cólera cando os nobre galegos, (os da Gallaecia occidental), lle negaron a submisión, e coa submisión os tributos. Se apearse da cólera montou no cabalo, seguramente un asturcón, e coas súas mesnadas chegou ata o Monte Cuperio (Monte Cubeiro), reclamando aquilo que consideraba patrimonio, ou sexa, da súa herdanza galaica. ¿Por onde veu? ¡Loxicamente por onde esperaba atopa-lo que buscaba! Antes de Machado xa se facían os camiños andando, pero en prosa, e andábase, por suposto, por onde o terreo era máis practicable, que por aquí xa estaban feitos, desde aqueles avós comúns, os celtas, pois os romanos o único que lles puxeron foi o empedrado, ¡para que non lles chegase a lama das corredoiras ata as bracae, señoritos eles!
¿Que a onde quero ir? ¡Pouca cousa; tan só da Gigia ao Lucus Augusti, e viceversa! Eu, sobre do mapa, e tamén pisando o terreo, ¡tanto que levo pisado por esa zona!, téñoo ben claro, por evidente; sen embargo, en historia hai que pasar da apreciación subxectiva á obxectiva, á demostración documental, -tratándose de romanización, en pedra, gravada, tallada, ou polo menos mamposta-, así que por iso pregunto, e pido, aos sabios por suposto, entre eles a dona María Josefa, que nos descubran, que nos mostren, aquela Vía, pois tamén teño por certo que o día que a teñamos redescuberta entenderemos mellor o fenómeno cultural do Camiño / Camiños (antigos) de Santiago. Coido que é bo ter presente, e que servirá para interpretar moitas cousas, que Ao Lucus Augusti dos romanos seguiu o Lugo suevo, esplendoroso facho que cruzaba lóstregos de cultura con Braga, Aquas Flaviae (Chaves) en medio. ¡Sempre houbo motivos para viaxar a Lugo, ou por Lugo, incluso antes daqueles fulgores do campo da Stella!
Tempo adiante, -que a saber de onde procedía, de onde partiu, realmente, o don Paio (Pelayo para os asturianos, para os galegos orientais), pois ata don Atilano Rico, o Capelán das cen singraduras, o actual "Mailoc" de Bretoña, o reclama como posible bretón-, os galegos seguimos abrindo camiños cara a Asturias, per loca marítima (Norte), ou per loca montañesa (a central), segundo cadrou, que sempre nos tirou esa parentela, unhas veces para ir reforza-la man de obra nas minas, e bos dinamiteiros que lles mandamos, e outras coa dinamita polos aires, tal que o Tenente Coronel Teijeiro cos seus mariscos, no trinta e seis. Pero agora falemos da pacífica relación, que máis nos compre ao presente.
Por favor, que quede claro que non quito nin poño Camiño / Camiños, pero o que si avogo é por un estudio interprovincial da Vía romana que vinculou por séculos o noso Lucus coa Gigia (o Gijón, integrado, -con sete lexións, que todas fixeron falla e todas esas lles destinaron aos ástures-, de Coaña para alá, xa na Tarraconense). ¿Non é estraño que Roma quixese poñe-la fronteira provincial no castro de Coaña? ¿Sería por iso de divide e vencerás, xebrando curmáns? Tódolos camiños levaban / traían a Santiago, no medievo, por suposto; pero uns máis e outros menos, segundo os tempos. Por iso sería unha interesante curiosidade histórica, un baseamento, coñecer por onde andaron aqueles entregos, aqueles que chegaron un día a saber, a redescubri-la existencia, de Santiago, pois de tanto mirar ao Sur, atusmándolles aos mouros da meseta, os ástures esquecéranse da ruta do sol, e incluso do camiño das estrelas, ¡de Compostela, nada menos!
¿Todo isto a que vén, en definitiva? ¡Non por trafulca, repito, pero coido que é filosófico coñece-las cousas polas súas causas, e a causa de que teñamos certas discusións ruteiras poderíase clarexar, -entendo-, se alguén nos estudia a fondo a Gran Vía Gigia-Lucus Asturum-Romeán-Lucus Augusti! Estamos, ou mellor dito, están, estudiando a fondo o medievo, pero quédanos en medio esa lagoa básica, desde o Silo para atrás. ¿Quen a estudiará primeiro, os asturianos ou os lugueses?
...

Gómez Vilabella, Xosé M.