A Formación Profesional en Monforte. A formación técnica en Monforte: o Padroado Local e a Carta Fundacional.
As ensinanzas profesionais a comezos do século XX non se podían cursar no Val de Lemos, nin a través de oferta pública nin privada. Foi polo ano 1910 cando se comezou a percibir certa inquedanza, a necesidade de que Monforte tivera unha Escola de Artes e Oficios, o que se constatou na comunidade escolapia e máis no concello, así como no movemento obreiro existente na cidade, en especial no sector ferroviario.
Lembramos que o Reitor dos Escolapios enviou ao Concello un escrito o 6/6/1910, no que facía constar o seu propósito de poñer en funcionamento unha Escola de Artes e Oficios no curso 1910-11, unha vez que contara cos recursos da venda do cadro de Van der Goes. A este respecto, a comunidade escolapia incorporou materias propias da formación técnica, como Debuxo e Física técnica, pero faltaba a práctica. A venda do cadro fíxose efectiva en 1913, pero a Escola de Artes e Oficios que ía instalar o Colexio desvaneceuse co paso do tempo. O Concello tampouco mostrou sumo interese no mesmo, e non retomou o tema de feito ata 1929, data na que pediu a apertura dunha Escola Elemental de Traballo dependente do Estado.
A continuación, o Ministerio de Traballo autorizou a constitución do padroado local provisional de FP, que tiña a misión de redactar o proxecto de Carta Fundacional que rexería a Escola Elemental de Traballo de Monforte que de seguido se crearía. Unha vez feita dita Carta, debía remitirse ao Ministerio para informe da Xunta Central de Formación Profesional (FP). Despois da súa revisión, a Xunta Central acordou que na Carta Fundacional do padroado monfortino se fixeran as seguintes modificacións: debía constar de onde provirían os fondos cos que se sostería a Escola; e, respecto ao plan de ensinanza, posto que nos cursos comúns todas as ensinanzas comprendían Ximnasia e Deportes, debería suprimirse esta disciplina nos cursos especializados, pois ao tratarse de xente traballadora sería máis práctico dedicar maior tempo ás prácticas de Taller.
En 1930, o Ministerio de Traballo solicitou ao presidente do padroado local a remisión dos xustificantes da subvención concedida e entregada ao presidente do padroado, con destino á construción do edificio para Escola Elemental de Traballo.
Pasos previos para a creación da Escola Elemental de Traballo.
Unha vez aprobada a Escola, constituído o padroado local provisional de FP e redactada a Carta Fundacional da mesma, o paso seguinte era a adquisición dun solar para a construción do edificio; así pois, en 1929 a Corporación municipal comprou un que estaba no Campo de Santo Antonio, e preveu a visita do Director Xeral de Corporacións ao mes seguinte, pero nada se avanzou, porque en novembro de 1931, de novo o Alcalde daba conta á Corporación que desde varios anos atrás existía o propósito de crear en Monforte unha Escola Profesional de Traballo, que se dispoñía de 25.000 ptas. e o compromiso do Estado para construír o edificio e instalar a Escola, mentres o Concello debería facilitar o solar e sufragar os gastos de sostemento desta institución, razóns para que o Concello adquirira por último un solar no Campo da Compañía con destino a dito obxecto.
En 1933, a Corporación pediu que se fixeran os planos da obra e unha vez terminados se comezara esta, pois aínda que a cantidade de que se dispoñía era moi exigua, tiña a seguridade de que, unha vez empregada esta, se habilitaría un novo crédito polo Organismo correspondente para continuar as obras. Pero, pasaba o tempo e a Escola seguía a ser unha aspiración, posto que a única realidade era o funcionamento do Padroado Local de FP de Monforte, que propuxo ao Ministerio de Instrución Pública en 1934 a Carta fundacional.
Por outro lado, o periódico local El Combate, ante o temor de que ao Alcalde do Concello de Monforte lle pasara desapercibida a Resolución da Dirección Xeral de Ensinanza Profesional e Técnica de 29/9/1934 (Gaceta de 17/10), que aprobara a constitución do Padroado local de FP de Monforte, deu a coñecer esta información, porque o entendeu como un asunto de evidente transcendencia e que interesaba a todos os habitantes da cidade e os seus contornos. Ao respecto, sinalaba que por punibles descoidos se correra o risco de perder todo, se ben grazas a un veciño (coñecedor por experiencia da inutilidade ou pouca eficacia das comisións), que aproveitou a oportunidade de estar en Madrid días antes, para presentarse na sección de FP da Dirección Xeral e invocando o seu carácter de vogal do Padroado Local, pregou que se lle mostrara o estado no que se encontraba a creación da Escola Elemental de Traballo.
E quedou atónito ao observar que non constaba o cumprimento pola Alcaldía do que esixía a resolución, que comprendía: "Devolver rectificada a Carta fundacional para que se dera por notificado o Padroado, e se levantara a oportuna acta, da que se remitiría á Dirección Xeral dous exemplares, para a dilixencia da súa aprobación mediante a oportuna orde ministerial.
E que pola Alcaldía, unha vez aprobada a Carta fundacional, se fixeran os requirimentos necesarios ás entidades que debían ser representadas no Padroado, para que formularan as súas propostas, que a Alcaldía elevaría ao Ministerio para expedir os seus nomeamentos. Constituído o Padroado definitivo, faríanse por este, de acordo coa Alcaldía, as oportunas dilixencias para instalar a Escola en local que reunira, ao menos, un mínimo de condicións para que esta poda comezar a funcionar con persoal interino, que o Padroado propoñía e a Dirección Xeral designaba, en tanto se tramitaban os concursos para a designación en propiedade".
O vogal do Padroado observou a boa predisposición da Dirección Xeral para que o Concello levara a feliz termo o funcionamento da Escola e comprendeu que se durante os días inmediatos o Alcalde non daba cumprimento ao ordenado, sería anulado todo o que se refería á Escola; en consecuencia, ao retornar a Monforte puxo en coñecemento da primeira autoridade local todo o exposto, e se ben era verdade que existía nota de cumprimentarse o indicado o 24/10/1934, a realidade era que na Dirección Xeral non constaban os documentos esixidos. Nese momento, o Alcalde deuse conta da gran responsabilidade na que podía incorrer e prometeu cumprir de seguido o acordado pola Dirección Xeral de Ensinanza.
Por outro lado, este veciño afirmou que, ademais das 25.000 pesetas que estaban depositadas no Banco de España en Lugo con destino á Escola, existían outras 25.000 pesetas consignadas no orzamento do Estado para os mesmos fins, sen que á Corporación Municipal chegase tan boa nova.
O periódico local insistía en que, grazas ao significado veciño, non se malograron as 50.000 pesetas, debido á ineptitude do Concello monfortino que, por non considerar necesaria a Escola, pasaba tal cantidade a poder de Lugo. E, ante isto, preguntábase: "Cando se vai á construción do edificio planeado para a Escola de Traballo? E respondía: "Esperamos que sexa moi en breve".
A continuación, El Combate recollía que seguiría na loita ata ver o funcionamento da ansiada Escola na cidade e manifestaba que os concelleiros debían resolver, coa máxima dilixencia, o referente á Escola Profesional de Traballo, e facíase a pregunta: "Por que razón non estaban acordados os próximos pasos, en vista da Orde de 11/1/1935 (Gaceta de 30) que aprobou a Carta fundacional do Padroado de dita Escola? E, así mesmo, daba conta de que a Comisión Xestora, en sesión ordinaria de 14/2/1935, acordara proceder á constitución definitiva do Padroado desta Escola.
Por último, en xuño de 1936, a Corporación municipal daba lectura ao oficio do Ministerio de Instrución que recollía a subvención ao Padroado local de FP e o Alcalde facía constar que se levaría a cabo a constitución do novo padroado e que continuaría coas xestións para que pronto fora un feito o funcionamento da Escola Profesional de Traballo. A realidade foi que este centro aínda se faría esperar, pois estalou a guerra civil, tempo nada propicio para os investimentos en ensinanza; logo, viría unha etapa difícil, unha longa posguerra; non obstante, a tan ansiada Escola de Formación Profesional de Monforte non podía demorarse máis, de modo que a comezos de 1945 os estudios técnico profesionais serían implantados na cidade do Cabe.
A Formación Profesional en Monforte no franquismo.
A Lei de Bases de Ensinanza Media e Profesional de 1949 pretendeu a creación dun bacharelato técnico e laboral, diferente do chamado universitario, cun ano de carácter formativo xeral e catro de especialización profesional (agrícola e gandeira, industrial, mineira, marítima e de profesións femininas).
Despois, a Lei de Formación Profesional Industrial de 1955 supuxo a primeira regulación estruturada da formación profesional, ao configurar os seguintes períodos: preaprendizaxe (dous cursos de duración, dende a idade mínima de doce anos), aprendizaxe (tres anos, idade mínima de catorce) e mestría (idade mínima de dezasete anos, dous cursos para o título de oficial industrial e outros dous para o título de mestre industrial). A continuación, un decreto de 1958 reduciu a estrutura a dúas etapas: aprendizaxe, de tres anos, con acceso aos catorce anos, estando en posesión do Certificado de Estudios Primarios; ao finalizar o alumno obtiña o título de Oficial Industrial nunha das quince ramas profesionais reguladas; e Mestría, con dous anos, con acceso co título de Oficial e sempre dentro da mesma rama, obtendo ao terminar o título de Mestre Industrial.
A Escola Elemental de Traballo.
Debemos lembrar que entre 1900 e 1942 se duplicou a poboación de Monforte, de 11.896 a 21.668, consecuencia do incremento dos ferroviarios, traballadores en fábricas como a Chacinera (embutidos) ou as cerámicas e sectores como o calzado. Pero, o ano 1941 comezou mal para os propósitos de contar cunha Escola de Formación Profesional, pois o Subsecretario do MEN comunicoulle ao Presidente do Padroado Local de Formación Profesional de Lugo o seguinte: "...dado que o Padroado local de FP de Monforte non chegou a poñer en marcha a Escola Elemental de Traballo; e sendo criterio xeral da Xunta Central de ir á inmediata constitución de Padroados de FP de zona industrial ben definida, a Sección 2ª resolveu proceder á incorporación do Padroado de FP de Monforte ao de Lugo, co que subsistía a Orde de 1934, que fixou a indicada xurisdición a toda a provincia, agás Viveiro. Todo isto mentres non se demostrara a necesidade de establecer unha Escola de FP en Monforte. Isto anulaba a Orde de 11/1/1935, pola que se constituíra o Padroado local de Monforte. En consecuencia, o presidente do Padroado de Lugo solicitou ao de Monforte o ingreso na conta do Padroado de varias cantidades, e o activo e pasivo do fenecido Padroado de Monforte.
Non obstante, esta situación cambiou en xaneiro de 1943, coa creación da Escola Elemental de Traballo de Monforte. A Corporación monfortina acordou situala de modo provisorio na planta baixa do Grupo escolar da Estación, mentres na planta alta seguía a escola de educación primaria. A remodelación das instalacións non rematou ata entrado o ano 1945, en que se contou con aulas teóricas e talleres de electricidade, mecánica e carpintería, estes últimos engadidos nun edificio anexo detrás do principal. Esta Escola supuxo unha nova carga para os escasos fondos municipais e permaneceu máis cursos dos previstos neste emprazamento; de feito ata 1968, ano no que se trasladaron as aulas a un edificio específico, os talleres seguiron aquí un curso máis.
Un paso relevante para o funcionamento desta Escola foi a comunicación da Dirección Xeral de Ensinanza Profesional e Técnica do MEN o 3/3/1944, que aprobou a Carta Fundacional que a regulaba, así como as medidas necesarias para a súa posta en funcionamento, con persoal interino. De seguido, constituíuse o Padroado Local de FP de Monforte de Lemos na Alcaldía. En sesión plenaria a Corporación municipal acordou convocar exames para os alumnos que pretenderan ingresar na Escola, materias e horarios; nomeou presidente do Padroado ao Alcalde, así como Director e Secretario e facultou ao Alcalde para nomear o persoal docente, administrativo e subalterno; constituíu unha Comisión Executiva do Padroado co director para comprar os materiais do taller financiados polo Concello, posto que o Padroado non tiña partida económica; estableceu un réxime de becas e creou unha sección de ensinanzas dedicadas á muller para capacitalas en artes femininas, coser, canto e aseo da casa; isto é, non había ensinanzas profesionais para a muller.
A apertura da Escola retrasouse ata o 15/1/1945. No equipamento o Centro contou con subvencións para a maquinaria e os útiles necesarios para o seu funcionamento.
Por outro banda, a Corporación municipal pronto comezou a xestionar todo o referente á construción dun edificio propio no que instalar a Escola, para o que o Concello ofreceu o solar adecuado, pero o inicio da súa construción demoraríase ata mediados os anos sesenta.
En relación co profesorado e as ensinanzas, debemos indicar que no 1º curso de funcionamento, con só dous trimestres, tivo sete profesores e impartíronse tres especialidades: Carpintería, Mecánica e Electricidade. No curso 1948-49 foron once: con oito profesores, un mestre de taller e dous axudantes, todos varóns. En 1949 principiou unha escola preparatoria de acceso a estas ensinanzas. En 1952 o cadro de profesores chegou a dezaoito, con novos cargos como vicedirector e xefe de estudios, e o profesor de Tecnoloxía Mecánica que impartía tamén Electrotecnia (nova especialidade). Revisadas as Actas do Centro, encontráronse referencias a un Aula e un Taller de Electricidade no curso 1956-57.
A Escola de Aprendizaxe Industrial.
A Lei de Formación Profesional de 20/7/1955, estableceu tres tipos de centros: Escolas de Preaprendizaxe, de Aprendizaxe e de Mestría. Inicialmente esta Escola aplicou o Plan de Estudios de Orientación Profesional e Preaprendizaxe, desde 1957 a 1960, coas ensinanzas de Electricidade, Madeira e Mecánica. Ao respecto, debemos dicir que en 1959 a Xunta Provincial de FP sinalou que a Escola de Monforte non puido cubrir de xeito interino as vacantes de mestres de taller de Electricidade, Mecánica e Madeira por non encontrar persoas coa titulación regulamentaria, polo que a Comisión Permanente acordou solicitar ao Director Xeral de Ensinanza Laboral que se autorizara ao director da Escola para designar adxuntos interinos de taller, que serían nomeados con carácter accidental, aínda que non tiveran titulación, o que marca as dificultades da época para encontrar persoal axeitado neste tipo de ensinanzas.
Despois, este Centro de 1960 a 1968 transformouse nunha Escola de Aprendizaxe Industrial, que seguía a formar oficiais e impartía as ensinanzas de Metal e Electricidade; deste modo, deixou Madeira e incorporou Electrónica, coas especialidades de Bobinador, Axustador, Torneiro, Fresador, Instalador Montador, Carpintería e Radiotécnico. Neste sentido, no curso 1965-66 pedíronse títulos para os alumnos das ramas de Metal e Electricidade, que fixeran as especialidades de Bobinador, Fresador e Instalador Montador. Ademais, a Escola solicitou títulos de Oficial Industrial, rama Electricidade, entre 1966-69.
No que se refire ás instalacións, o Concello tiña terreos anexos en propiedade, que foran sobrantes na construción do Grupo, e a Escola necesitaba unha ampliación do edificio. Ao efecto, en 1956 a Corporación municipal cedeu ao Ministerio dúas parcelas de terreo, 354 m2, que se adxudicaron á Escola de Aprendizaxe Industrial, ao obxecto de construír dúas plantas baixas para ampliar os locais da Escola.
En 1963 o Alcalde deu conta da visita efectuada ao Ministerio, á Xunta de FP e Industrial, para interesar a rápida construción da Escola de Mestría Industrial de

Monforte, onde se lle propuxo reducir o proxecto existente para a Escola, por consideralo excesivo en volume para a cidade de Monforte. Pero, a Corporación considerou que o proxecto non podía circunscribirse só á cidade, senón á comarca, que tiña máis de 100.000 habitantes, en virtude do que facultou ao Alcalde para que fixera valer estes razoamentos e realizara cantas xestións estimara convenientes, co fin de alcanzar a pronta construción dunha Escola que cumprira as necesidades do distrito.
Como paso definitivo, en 1964 a Corporación municipal declarou de utilidade pública a efectos de expropiación forzosa o solar sito na r/Dr. Casares para o proxecto de construción da Escola, aprobou o seu orzamento e autorizou ao Alcalde para cursar os escritos establecidos aos organismos correspondentes, o que representou o punto de arranque para que Monforte contara coas instalacións ad hoc dun Instituto de FP.
No relativo aos alumnos, a Escola comezou en 1945 con 140 matriculados no 1º curso, pero nos seguintes cursos o número de alumnos diminuíu ano a ano. As cifras eran relativamente baixas, minguaban en 3º e sobre todo en 4º, pois poucos alumnos chegaban ao último curso, e había moitos abandonos como consecuencia da súa incorporación ao mundo laboral, dadas as necesidades económicas das familias, máis o fracaso escolar ante unha ensinanza académica. Pero, cos cambios de plans de estudios por aplicación da Lei de 1955, as matrículas comezaron a incrementarse a partir do curso 1956-57 e na década dos sesenta os aumentos foron cada curso máis notables. No curso 1963-64 estableceuse unha nova rama, Electrónica, que resultou moi atractiva para o alumnado e en 1964 suprimiuse a rama de Madeira, que apenas tiña alumnos.
*Este texto é un resumo do recollido no libro "O ensino na Terra de Lemos nos séculos XIX e XX".