Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Silencio, un libro de relatos literarios que bebe da ciencia

Sampedro, Pilar - jueves, 18 de julio de 2024
O autor é da área científica e carga esa riqueza no seu haber. En libros infantís xa ten mostrado este cariz. A treboada de C publicada en 2009 pola Xunta de Galicia dentro do programa Climántica trataba o cambio climático e as súas consecuencias a partir das inundacións ue se produciron en Cee. Trampa de luz, a novela de 2012, presentábase así: "Unha das actividades favoritas de Irene é sacarlle fotos a canto Silencio, un libro de relatos literarios que bebe da cienciaanimal ou planta atopa para logo tratar de recoñecer a súa identidade. É unha experta en fotografar avelaíñas cunha trampa de luz." En Cor animal, un libro de coñecemento, explicábase que recollía... "As habilidades, costumes e curiosidades dunha trintena de animais terrestres, acuáticos e voadores, representados coa técnica do collage e cun chamativo tratamento cromático. Unha maneira amena e orixinal de achegarse á fauna, apreciar a biodiversidade e viaxar por todo o mundo."

Silencio de Agustín Agra está publicado por Galaxia. Oito relatos forman parte do volume, nos que a ciencia é protagonista dunha maneira máis que evidente. Un libro de 2020 dirixido a lectorado adulto.
"Caderno da tundra" é unha carta longa dirixida a unha amiga das que formaron a tríade dende que estudaron Bioloxía Mariña na Universidade de Cornell e nos camiños que percorreron a partir de aí. Esa carta ten o obxectivo de falar da máis especial delas (unha adiantada ao seu tempo) á outra amiga, pero tamén de chamala a modo de SOS para que acuda a buscala con ela, para desentrañar as pegadas que deixou rematando coa frase: "temos que dar con ela". Quen escribe repasa a traxectoria de Sofía (conservacionista, escritora) como fotógrafa da natureza (con esa forma de mirar que transcendía a estética) nas máis prestixiosas publicacións, os seus traballos sobre as culturas indíxenas e a biodiversidade dos territorios que ocupan, as reportaxes en Galicia e Portugal tras a vaga de incendios... ata perderlle a pista no Parque Nacional de Sarek, un reino de augas no que desaparece e no que apenas atopan unha pequena mochila (cun caderno, libros, unha tarxeta de memoria) e uns prismáticos. Esa última viaxe ao gran norte e ao interior... natureza e pensamentos feitos poesía que semellan rematar nun "Nada aprendemos. Non hai futuro" ante os desatinos dun pobo que se suicida prendéndose lume a si mesmos.
"Omphalos" ou embigo. A modo de destelos de luz, pequenos textos baixo o nome dun científico: Isaac (Newton) repetíndose unha e outra vez en alternancia cos demais, Nicolao (Copérnico), Tycho (Brahe), Johannes (Kepler), Giordano (Bruno) e Galileo. Retallos de tempo, instantes nos que poden proxectarse as diferentes teorías que sobre astronomía defenderon cada un deles. Un verdadeiro exercicio de razón científica ao longo do tempo.
"Impostura". Unha xornalista vai escribir un artigo ao redor dun científico ou científica. Mentres escolle e planifica dálle voltas á impostura de crear unha ficción biográfica enchendo baleiros ou ocultar o papel da súa muller nos logros. Antoine – Laurent de Lavousier, creador da química, que viviu en plena Revolución Francesa, que foi pasado pola guillotina polos negocios que compartía co sogro (a privatización dos servizos fiscais da monarquía) e do que non se acostuma ter en conta o papel da muller (grazas á súa dote pode montar o laboratorio, é a súa asistente no laboratorio que compartían e onde anotaba observacións, traducía doutras linguas os libros necesarios, editaba os informes e debuxaba ata o punto de que son dela os gravados en cobre e acuarelas do Tratado elemental de Química.
"Transformismo". Cartas cruzadas de George Cuvier a Charles Lyell tratando as teorías do uniformismo ou catastrofismo, o fixismo ou o transformismo.
"I think". Darwin a bordo do Beagle e inspirado por Humboldt viaxa e pensa dándolle forma á súa teoría da evolución.
"Omne vivum" sobre a xeracións espontánea.
"O contador de chícharos" recollendo a experiencia do monxe Gregorius Johann Mendel sobre o herdo xenético.
"Naturgemälde". Un relato dirixido ao fillo no entre textos relacionados coa ciencia e os científicos lle vai contando avatares da vida familiar e abríndolle o seu interior a respecto da ciencia e a curiosidade como pode verse no seguinte texto: "Resulta doado marabillarse con canto nos rodea. (...) Móvenos a ansia por coñecer, por descubrir, polo menos na medida do posible, este noso universo. Descoñezo que nos motiva a investigar, a buscar, sen máis, sen ningún fin concreto. Quen somos? Que coñecementos nos trouxeron ata onde estamos? Que novos descubrimentos nos agardan no futuro? Acaso resulta tan estraño desexar que o abraio nos alcance? Descoñezo en que secuencia do xenoma levamos inxerido o xene da curiosidade; que impele o nosos sistema nervioso a facerse preguntas, a buscar respostas. Mais si sei que o abraio move o mundo." e rematar: "Dese xeito é como te quero, meu fillo: curioso e insubmiso, ceibo de toda tiranía e dogmatismo ideolóxico (...) É tempo de crear, de descubrir, de soñar. Crear. Descubrir. Soñar. Que o abraio mova o mundo!"

A ciencia, en estado puro, ao lado da literatura. Historia e a teoría da ciencia convertida en relato de ficción.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES