Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O segredo das irmás Asorey. Unha novela de Marta Estévez

Sampedro, Pilar - jueves, 11 de julio de 2024
O segredo das irmás Asorey é unha novela de Marta Estévez Ansede situada no casco antigo de Compostela e ambientada no primeiro tercio do século XX, comeza xustamente en 1931, o ano no que se proclama a Segunda República.

A súa primeira obra quedou entre as dez finalistas do premio Azorín de novela, a O segredo das irmás Asorey. Unha novela de Marta Estévez segunda quedou de cuarta no Planeta, pero agora presenta esta (que parece ser que é a cuarta) que non fóra presentada a ningún premio e que traduce ao galego César Lorenzo para Aira editora.

A min lévame á novela a nai da autora, pintora e amiga dende hai anos. Necesitaba ler o que escribira a súa filla, coñecer ese imaxinario que estaba situado na miña cidade e percorrer as 371 páxinas para descubrir ese segredo do que se fala no título.

Unha estrutura coral que en cada capítulo parte dun texto escrito en primeira persoa por parte dunha das irmás ou algún outro personaxe da novela. A partir dese texto redáctase o capítulo que vai xirar arredor dese personaxe. Así, persoa a persoa e momento a momento vai avanzando a historia. Pregúntase alguén polo subxénero, se pertence á novela costumista, histórica, policíaca, de misterio ou intriga; se é realista ou toca algo nese realismo máxico que tanto nos identifica, se está próxima ao estudo psicolóxico polas personalidades antagonistas das catro irmás... Certamente estas mulleres, fillas dun médico de renome, non navegan pola indiferencia: a máis vella Tilde (Clotilde) semella o pilar principal que coida de todas, Tea (Dorotea) é a máis débil a causa dunha enfermidade mental que a leva a desexar a morte máis que ningunha outra cousa, Eloísa é a muller republicana, a que vive con ilusión este tempo de cambios e Celia a convencional e elitista que busca unha boa voda e a maternidade. O nó vai ser a morte do pai mentres durme e a incapacidade para reaccionar dun xeito racional, o medo ante o momento que viven lévaas a ocultar o cadáver enterrándoo no xardín e dicindo que está de viaxe. Esta morte coincide co asasinato da lavandeira que traballa para a casa, e desta maneira o novela complícase máis e máis.

De fondo a cidade relixiosa e conservadora, no ar o sufraxio feminino que anda a discutirse, a escola pública e o valor da lectura da man de Eloísa, a sociedade literaria e a imprenta, a homosexualidade como estigma cheo de segredos, a desigualdade social que sitúa a cada un no seu sitio sen posibilidades de ascenso, a ideoloxía e as convencións sociais, o díxome díxome das que andan a indagar todo o tempo e feren con preguntas, os estratos máis baixos sen cubrir alimentación nin habitáculo, os traumas familiares que producen adultos pouco sans, o mundo das lavandeiras próximo aos ríos e cos fillos como interlocutores, avogados e trampas...

A trama sucede nese tempo aínda que un epílogo nos dá conta do sucedido ata 1995 cando o rapaz que as irmás adoptaran (ao quedar orfo e abandonado) realiza unha viaxe a Compostela e repasa os acontecementos, especialmente os de 1936: os asasinatos dos republicanos e a boa vida dos que fixeron unha transición entre réximes de maneira exemplar, as que puideron fuxir coma el ao que enviaron a Rusia como neno da guerra.

A novela forma parte da colección Emilia de obras ambientadas en Galicia, de autoras galegas de expresión castelá e traducidas agora á nosa lingua. O seu nome é unha chiscadela a Emilia Perdo Bazán cuxas obras pertencerían a este grupo e tamén porque na rúa que leva o seu nome naceu en 2010 a libraría Aira das Letras de onde nace a editora. Esta obra é continúa o camiño de O souto dos catro ventos de María Oruña ambientado no mosteiro de San Estevo de Ribas de Sil e Breo. O celta que desafiou a Roma de Francisco Narla situado no castro de Lagouzos.

Marta Estévez é ademais de autora de O segredo das irmás Asorey a creadora do blog Sweet & Home.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES