Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Un Deus de aldea

domingo, 07 de julio de 2024
No texto do evanxeo de Marcos dísenos que Xesús se foi "para a súa vila" acompañado dos seus discípulos. É dicir, foise ao encontro dos parentes, veciños etc. que estiveran en relación con el durante bastantes anos. Durante practicamente toda a súa non longa vida, é dicir, sendo aínda cativo e durante toda a súa mocidade, pois el empezou o que chamamos a súa vida "pública" sendo aínda mozo e viviría só uns poucos anos máis. Ata que os poderosos se cansaron del e o eliminaron.

O que Marcos nos quere pór diante dos ollos é que ese Xesús que anuncia na "súa vila" a súa mensaxe de felicidade e liberación non chega onda os seus parentes, conveciños e coñecidos algo así como envolto ou aureolado dun estraño halo de postiza ou prepotente relixiosidade ou con ínfulas de poder, senón simplemente como aquel veciño honesto e relixioso, bo e fondamente humano que era xa antes de el empezar a proclamar en diversos lugares a súa boa nova: a dun Deus Pai seu e pai de todos que nos quere felices como irmás e como irmáns neste mundo e no máis alá.

El é, xa que logo, o mesmo que era antes de se dedicar explicitamente a esta súa derradeira tarefa pública. Deus Pai realiza en consecuencia o que El pretende desde a sinxeleza e pobreza daqueles que el quere. Mais é isto xustamente o que choca cos esquemas mentais e mesmo relixiosos daqueles aos que Xesús na "súa vila" se dirixe na sinagoga ou cos que se encontra entre os parentes e coñecidos. Para estes isto non pode ser así!

É isto o que, segundo o texto de Marcos, os "abraia" e "escandaliza" ao mesmo tempo a todos: "De onde lle veñen a este todas esas cousas? ... Non é este o carpinteiro, fillo de María e irmán de Santiago, Xosé, Xudas e mais Simón, e as súas irmás non viven aquí connosco?".

Teño para min que bastante do que nos pasa na nosa relación con Deus, coa súa comprensión ou coa súa aceptación pola nosa parte, radica en que pretendemos acceder a el desde uns esquemas persoais e particulares nosos que non se axeitan á grandeza inconmensurable, super-infinita, do que en si mesmo é Deus. Deus non é unha cousa máis entre as cousas, senón aquel fondo misterioso, persoal e inabarcábel das mesmas: tanto das cousas, como das persoas, do mundo, do universo etc. En si mesmo é El incomprensíbel. Mais se dalgunha maneira pretendemos achegarnos a el, ao que el en si mesmo é, iso só será posíbel desde a atención á sinxeleza, humildade, naturalidade do que as cousas e as persoas son.

De iso non ser así, haberá sempre un choque, un "escándalo". Sobre todo alí onde o Pai Deus –e de maneira explicita– nos quere mostrar como é el, Deus, o Deus Pai misterioso, infinitamente poderoso e bo, dese ser abraiantemente sinxelo e normal, que é o seu "fillo ben querido", Xesús de Nazaret, carpinteiro de aldea...

A grandeza de Deus só pode ser vista a través dunha ollada sinxela, boa, humilde ante ela. Só nunha ollada así podemos percibir as pegadas de Deus. En troques, cando desde o pequeno mundo limitado noso, ben sabido e coñecido, para nós presuntamente absoluto e definitivo, pretendemos atrapar a Deus ou dispoñer del e de canto el é, xustamente é entón cando el se nos escapa das mans. Por iso ao seu apóstolo Filipe –tal como en distintas ocasións volo teño recordado– e ante as exixencias por parte de Filipe de que Xesús lle mostre a el o Pai, o Pai Deus, responderalle o seu Mestre maxistralmente: "Filipe, quen me ve a min, ve o Pai". O que vén sendo algo así como dicirlle: "Mira, Filipe, a Deus non o podes ollar endexamais en si mesmo. Só vendo a miña bondade, sinxeleza e humildade, poderás achegarte ao que el é".

Polo menos, en canto a min, son da opinión de que habería que entender ou comprender desde este contexto o que Xesús comenta ante o "escándalo" que se produciu entre os seus coñecidos e parentes ao eles presenciar o seu veciño convertido en profeta de Deus. O comentario de Xesús é este: "Non hai profeta máis desprezado que na súa terra, na súa casa, ou entre os seus parentes"...

Por iso, ante un contexto ideolóxico ou social deste tipo, dísenos no texto de Marcos que Xesús deixou de realizar milagres onda os seus veciños e que se dedicou a andar "polas aldeas dos arredores".

Quizais por todo isto que estou aquí a dicir, a liturxia deste domingo quixo acompañar o texto de Marcos cunha segunda lectura, a da segunda carta de Paulo aos Corintios, onde este fará loa das súas particulares debilidades ou fraquezas. Semella que os entendidos non acertan a saber moi ben a que se refire Paulo cando el fala daquel seu aguillón do que el di que ten espetado na súa carne e do que el ben quixera liberarse. En calquera caso, e en seguimento obxectivo do modo sinxelo e humilde de se comportar Xesús cos seus veciños e coñecidos, diranos Paulo na mesma carta: "Presumirei con gusto das miñas debilidades, para que así resida sobre min a forza de Cristo... Gózome nas fraquezas..., porque cando estou débil, entón é cando son poderoso".

Todo semella darnos a entender o que en definitiva xa sabemos. Ou sexa, que Deus salva, libera, fai feliz, crea irmandade ou fraternidade desde a igualdade, desde a com-paixón, desde o sinxelo estar connosco.

Só así puido ser el denominado "Emmanuel", "Deus connosco", Deus igualitario. Isto é xustamente o que constitúe a súa sublime grandeza.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES