Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Ofrenda diocesana á Virxe de Lourdes

García Cadiñanos, Fernando - lunes, 08 de julio de 2024
Ofrenda diocesana  Virxe de Lourdes Un ano máis vimos desde a diocese de Mondoñedo-Ferrol en peregrinación ata este santuario de Lourdes. Vimos sempre con alegría, porque vimos á casa da Nai. Para moitos é unha cita anual. Outros viñeron por primeira vez. Outros veñen cando poden. Para todos constitúe un tempo de graza, de paz, de acougo, de oración, de descanso, de experiencia de Igrexa e de Deus. Que ben fas as cousas, María! Que ben estamos aquí!

Este ano atopámonos con moitos outros peregrinos nesta Casa de María. Sentimos o gozo de formar parte dunha Igrexa católica, universal, diversa e moi rica. Cando vimos a Lourdes e compartimos os actos con tantos outros peregrinos a nosa fe amplíase un pouco e percibimos a acción de Dios máis aló das nosas parroquias, das nosas comunidades, da nosa diocese... Deus actúa con xenerosidade e guíanos. Durante estes días constatamos a fe do seu pobo, a fe que tamén é nova, familiar, doutras cores e culturas... A fe que ten en María un instrumento para chegar a Xesús. Vir a Lourdes, dicímolo moitas veces, fainos ampliar o noso corazón empequenecido en tantas ocasións e fortalecernos na fe que tantas veces nos falla. Gracías, María!

Ao finalizar case estes días queremos facer a ofrenda deste cirio. É un pequeno xesto que queremos facer como Igrexa diocesana que camiña nas nosas terras de Galicia. É un xesto que facemos nós, pero que o facemos tamén en nome de todos os nosos con-diocesanos, dos nosos familiares, veciños e amigos. Queremos deixar aquí este cirio como luz que manifesta a nosa oración e o noso agradecemento polo moito que Deus fai connosco, coas nosas familias, cos nosos paisanos, nas nosas comunidades. O cirio que deixamos como ofrenda é un símbolo de nosa propia vida que se fai ofrenda ao servizo da sociedade na Igrexa. É o compromiso de ser luz ao noso regreso a casa, co noso testemuño de fraternidade. O cirio representa a nosa vida que se vai consumindo e que se pode apagar se non estamos atentos á chama que a dá sentido porque ilumina, convoca, dá calor.

Ao acender hoxe este cirio, diante da Virxe de Lourdes, convídovos a presentar a nosa pregaria ao Pai por intercesión de María. Pedimos especialmente o don da paz, que tanto necesita o mundo. Pedimos o don da xustiza, que é a base da paz. Pedimos o don de descubrir a dignidade de cada persoa, que permite tratarnos como irmáns.

Diante da Virxe unimos tamén a nosa pregaria pola nosa Igrexa diocesana, polos nosos familiares e amigos, por todas as persoas que viven nas nosas parroquias, polos nosos sacerdotes, pola vida consagrada, por todos os axentes de pastoral que entregan o seu tempo nas diferentes tarefas eclesiais: polos catequistas, membros de liturxia, coros parroquiais, voluntarios de Cáritas, axentes de pastoral... A nosa oración tamén é por aqueles que máis nos preocupan hoxe na nosa comunidade, como son os mozos e os nenos, as familias, os matrimonios, especialmente os que atravesan momentos difíciles. Lembramos tamén diante de María ás persoas que sofren por calquera motivo na nosa diocese: os enfermos, os que están no cárcere, os que non teñen fogar ou se senten sós, os inmigrantes, os que non teñen traballo ou o viven en situacións indignas, os que atravesan situacións difíciles... Na nosa pregaria común hoxe non pode faltar a nosa oración por Antonio Valín, futuro bispo de Tui-Vigo; e por Salva, o noso último sacerdote ordenado. Con eles oramos tamén polos nosos seminaristas e polas vocacións sacerdotais e relixiosas.

Gustaríame que, nesta oración á Virxe pola nosa Igrexa diocesana de Mondoñedo-Ferrol, pidámoslle especialmente que avive en nós o don da esperanza. Esta esperanza que nos permita mirar ao futuro desde a confianza de estar nas mans do bo Pastor e desde o compromiso de traballar xuntos na construción do Reino. Necesitamos moitos traballadores para esta viña do Señor que el nos regalou e que el a fai moi fecunda. A nosa vida é vocación, é misión.

Virxe de Lourdes: nós non podemos quedarnos máis, pero deixamos no noso lugar este cirio. Que o lume vaia queimando a súa cera e que a súa luz se eleve cara a ti como expresión da nosa pregaria, do noso agarimo e amor. Grazas por estes días que nos concediches compartir contigo e cos irmáns. Grazas por esta experiencia de Dios. Saímos de aquí con gran alegría e con forza para seguir camiñando. Segue estando preto de nós co teu corazón de Nai. Virxe de Lourdes, roga por nós.

Santuario de Lourdes, xoves 4 de xullo de 2024.
García Cadiñanos, Fernando
García Cadiñanos, Fernando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES