Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Menciñeiros, capadores e albeites. Vacas, feiras, tratantes e moinantes (31)

Otero Canto, Xosé - viernes, 05 de julio de 2024
Como se fai para mirar unha vaca nunha feira antes de mercala

1.8.- Tamén se lle miran AS CORNAS para ver se podemos adiviñar os anos que ten a vaca; sabelo, é difícil. Hai que mirar cantas raias teñen as cornas debido a que despois de pasar dos seis anos, nas cornas cada ano que pasa maniféstase cunha raia redonda Menciñeiros, capadores e albeites. Vacas, feiras, tratantes e moinantes (31)como se dun tronco das árbores se tratase.
É moi difícil sabelo porque o vendedor puidolle cortar as cornas e logo cepillalas para que parecesen novas, neste caso nunca poderemos saber os anos que ten a vaca.
Para arranxarlle os cornos a unha vaca, se é que os ten longos de máis, hai que cortarllos cunha serra do ferro e despois cunha coitela das zocas vánselle apuntando e igualando, ao final dáselle lixa e, se os cornos cantan moito, úntanse cun pouco de bosta da corte e límpanse para que parezan os que tivo así toda a vida.
Os cornos dunha vaca para que sexan bonitos teñen que estar ben encornados, tirando sempre para arriba porque se os ten mirando para abaixo a esa vaca chámaselle "vaca pinchona" e é unha vaca máis fea que as outras.
Se unha vaca ou un boi son malignos, póñenselle unhas bólas de ferro ou de madeira, redondas, na punta dos cornos, co ánimo de que non rachen as outras vacas ou as persoas que están con elas. Os de ferro había que encargarllos a un ferreiro, logo, metíanse no corno e nun furado que atravesaba o metal redondo que se poñía, furábaselle o corno cun barreno e metíaselle unha peza metálica e remachábaselle dun lado e do outro para que non lles caera e fixese efecto.
Os cornos son moi importantes, unha vaca sen cornos é moi fea. Se ten os cornos ben postos dise que a vaca é "moi ben encabezada", ademais, dos cornos e de onde se prende e de onde se tira por ela, se se precisa.
As vacas que andan xunguidas "ao colo", é dicir, as que levan o xugo ao colo, xa se lles coñece polas "xugueiras" do colo, onde non teñen pelo e a pel está moi solta. Cando se van mirar para mercalas, tíraselles pola pel do colo e, se está ben solta, isto indica que é unha vaca traballadora, mais moitas veces, o vendedor raspáballes o colo cunha navalla para que parecesen moi traballadoras, é non era verdade.
Outras vacas xonguen "á mulida" levando o xugo preso ás cornas cunhas correas; para iso, xa veñen os xugos feitos, sen cancís, estas non as hai pola Valura, son máis ben da zona de Chantada.

(Continuará...)

Texto: Xosé Otero Canto
Ilustracións: María Guerrero
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES