É un pracer anunciar que un novo asteroide foi nomeado en honra ao destacado científico galego, o Dr. Emanuel Carreira Vérez (1931-2020). A órbita do asteroide (658642) Carreira = 2017 SK134, descuberto o 29 de setembro de 2017 no Observatorio Astrofísico de Baldone (Letonia) polos astrónomos Kazimieras Černis e Ilgmars Eglitis, ten unha excentricidade de 0.0859, un semieixe maior de 3.0395 au, e unha inclinación de 8.27 graos.
Carreira Vérez, nacido en Vilarrube, Valdoviño (A Coruña), foi un astrofísico xesuíta que colaborou co famoso físico Clyde Cowan no estudo dos raios cósmicos. Durante a súa carreira, ensinou en varias universidades dos Estados Unidos e España e foi astrónomo adxunto no Observatorio Vaticano. Ademais de ser recoñecido polos seus inventos en instrumentos astronómicos, Carreira Vérez foi un fervente defensor da compatibilidade entre a ciencia e a fe.

O descubridor do asteroide, Kazimieras Černis, é un astrónomo e astrofísico lituano prolífico na descuberta de asteroides, planetas menores e cometas, sendo un membro activo da Unión Astronómica Internacional. Graduado pola Universidade de Vilnius, Černis traballa como científico principal no Instituto de Física Teórica e Astronomía da mesma universidade. Entre os seus intereses de investigación destacan a fotometría das estrelas, a estrutura da Vía Láctea e os obxectos do Sistema Solar.
A cita oficial que nomea o asteroide (658642) Carreira apareceu no Boletín V004_006 da Unión Astronómica Internacional (IAU), o WGSBN, publicado o 29 de abril de 2024. Xunto coas estrelas dedicadas a Ramón María Aller Ulloa e a Josefina Faen-Faen Ling Ling, agora o firmamento tamén inclúe o asteroide nomeado en honra ao galego Emanuel Carreira.
Carlos Viscasillas Vázquez. Instituto de Física Teórica e Astronomía, Universidade de Vilnius.