Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os institutos de Ensino Secundario no século XX en Monforte de Lemos*

Gómez, Pedro - jueves, 04 de julio de 2024
Creación dun Instituto público en Monforte na II República.
No comezo da II República e co propósito de atender aos alumnos de 2ª ensinanza que residían en poboacións de escaso censo escolar, onde non era posible crear Institutos nacionais, procede sinalar que o Ministerio de Instrución promulgou un decreto de subvención de Colexios de 2ª Ensinanza polo Estado, cos seguintes requisitos aos Concellos solicitantes: dispor de local suficiente; garantir, por medio dun contrato, a estabilidade dos profesores no percibo dos seus haberes; e satisfacer os gastos de persoal subalterno e material necesarios para o seu funcionamento. Pola súa parte, o Ministerio auxiliaría o establecemento destes Colexios co nomeamento de dous profesores, un de Ciencias e un de Letras; as restantes prazas ata completar o cadro de persoal, proveríase segundo o establecido para os Colexios de ensinanza privada.
Pero, que pasos se deron para a creación dun Instituto público de 2ª ensinanza en Monforte? O proceso partiu dunha instancia do Centro Republicano de Monforte en 1932, na que se manifestaba que próxima a sancionarse en Cortes a Lei de Confesións e Congregacións Relixiosas, cesarían na ensinanza os Escolapios, co que quedaría interrompida a 2ª ensinanza na localidade, un problema importante para a cultura e a economía de Monforte, ante o que urxía un acordo da Corporación. E se os Escolapios deixaban o edificio da Compañía, disporíase de casa apropiada e ademais dos fondos do padroado, que servirían para o sostemento do Instituto.
A este fin, fíxose a pertinente solicitude ao Goberno e nomeouse unha Comisión que debía acudir a Madrid para realizar as xestións en nome do Concello e conseguir o Instituto. Pero, o Concello non podía sufragar os gastos da Comisión, en razón do que propuxo como solución convocar aos veciños, pais de familia, os máis interesados, para que se arbitraran os recursos que a Comisión necesitaba. Ao ano seguinte, o Decreto de 26/8/1933 (Gaceta de 30), de creación de Institutos de 2ª ensinanza, citaba Monforte.
En Setembro, a minoría socialista manifestaba que o Concello podía dispoñer do edificio dos Escolapios para que nel se instalara o Instituto de 2ª ensinanza concedido a Monforte e pedía que o Goberno evitara o grave dano que implicaría que o Instituto non se establecera no edificio da Compañía, de modo que demandou do Ministerio o desaloxo dos Escolapios. Pero, neses días, en concreto o 16/9/1933, o Duque de Alba subscribiu un convenio coa Sociedade Anónima De Ensinanza Libre, co que a Corporación tivo que buscar outra alternativa, que foi o edificio para escolas graduadas do Campo de Santo Antonio, no que comezou a funcionar o Instituto a finais de 1933, unha vez entregado ao profesorado.
Así mesmo, a Corporación designou unha Comisión para xestionar ante o Ministro de Instrución que o Instituto Elemental fora elevado á Instituto Nacional, toda vez que a cidade reunía as condicións necesarias para dito obxecto e tiña matriculados suficientes alumnos, o que se conseguiu. Pero, o optimismo durou pouco, pois en Marzo de 1936 a Corporación deu lectura a un escrito do Director que pedía se fixeran xestións para que non descendera a Instituto Elemental.
En Maio de 1936 a Corporación deu conta dun escrito da Inspección, no que lle pedía ao Concello que resolvera de forma definitiva o traslado do Instituto, a fin de poder instalar no seguinte curso a Escola graduada; pero, este asunto pasou a unha Comisión para o seu estudio. Despois, no mes de outubro, a Comisión Xestora, vistas as circunstancias, nomeou un oficial de Secretaría e dous porteiros do Instituto, vacantes por ser destituído o persoal que os desempeñaba.
A finais de ano, o Director do Instituto informou á Corporación da conveniencia de que o Instituto tivera local propio, co que a Escola graduada podería funcionar e descartaríase a posibilidade dunha supresión do Instituto. Con este propósito, propuxo que era o momento de iniciar por parte da Corporación as xestións encamiñadas ao traslado do Instituto ao Colexio Escolapios a un pavillón que existía no Colexio da Compañía, que non fora utilizado ata a data máis que para aloxar as forzas armadas, as que daquela ocupaban outros locais; solución que vían compatible coa Carta Fundacional do Padroado do Colexio, e que beneficiaría por igual ao Instituto e ao Colexio relixioso que funcionaba noutro pavillón do edificio. A Corporación tomou en consideración esta petición e iniciou os trámites para o traslado do Instituto.
En 1937, o Alcalde deu conta á Comisión Xestora da disposición da Xunta Técnica de Burgos, publicada no BOE de 9/10, que suspendía a 2ª ensinanza en dito curso no Instituto de Monforte, por falta do persoal docente necesario para continuar as clases. Esta decisión, que resultou definitiva, supuxo que un gran número de familias da localidade quedaran imposibilitadas para que os seus fillos continuaran a ensinanza secundaria e Monforte quedou sen ensinanza secundaria pública, o que non se retomaría ata 1965.

Creación do Instituto Nacional de Bacharelato de Monforte. Pasos previos para a creación do Instituto en 1963.
A sociedade de Monforte e comarca reclamaba dende os anos cincuenta un Instituto público. En 1963 o Alcalde e deputado nas Cortes polo distrito de Monforte contou coa resposta adecuada da poboación, que se implicou no proxecto e na compra dos terreos, e este reto tivo por fin o éxito esperado.
O punto de inflexión foi a sesión de 20/4 da Corporación municipal, que acordou solicitar a creación dun Instituto na cidade de Monforte e constituír unha Comisión para recadar fondos para a adquisición dun solar. Na Acta recollíase que este proxecto era unha necesidade ineludible, popularmente sentida tanto no termo municipal con máis de 21.000 habitantes, como na súa zona de influencia, composta por varios partidos xudiciais, con máis de 120.000 habitantes. Lembrouse que na cidade funcionara un Instituto nos anos trinta, con matrícula superior a 500 alumnos, e dicíase que mediados os sesenta o número non si baixaría de 2000. A cidade de Monforte de Lemos era, despois da capital, a poboación máis importante da provincia de Lugo e pola súa situación a que máis necesitaba un Instituto de 2ª ensinanza, razóns para que o Concello se comprometera a ceder un solar que reunira as condicións necesarias.
Na mesma sesión leuse un escrito de dous veciños que adquiriran uns terreos chamados “Do Caneiro”, cunha superficie aproximada de 10.237 m2, coa fronte á rúa San Pedro, que ofrecían en venda ao Concello para que este os presentara ao Ministerio de Educación Nacional (MEN), co fin de construír un edificio para Instituto de Ensinanza Media. A Corporación acordou que non podía resolver de momento nada en concreto, posto que non sabía se sería aceptado polos Servizos Técnicos da Dirección Xeral de Ensinanza Media, pero fixo a oferta ao MEN.
En maio o Director Xeral da Administración Local comunicou ao Alcalde que a Corporación local debía facilitar ao Ministerio de Facenda os programas de inversión que figuraban nos seus orzamentos, así como os que se proxectaban realizar en conexión co Plan de Desenvolvemento Económico 1964-67. O Alcalde, no seu escrito, sinalou que todas as obras incluídas eran de extrema necesidade e urxencia e, entre elas, citaba o Instituto de 2ª ensinanza, cun orzamento da obra de vinte millóns de pesetas e a achega municipal do solar valorado en millón e medio de pesetas.
Despois, o Alcalde solicitou ao Director Xeral de Ensinanza Media (DXEM) a creación do Instituto, co compromiso de facilitar o solar adecuado. Na súa resposta o DXEM expresou que, tendo en conta que o Instituto de Monforte figuraba no Plan de Desenvolvemento, o Ministerio aceptaba a proposta de creación do Instituto e a cesión do solar, sempre que o emprazamento do solar fora aprobado polos seus servizos técnicos e se realizara a escritura de cesión ao MEN, e entón a Dirección Xeral de Ensinanza Media incluiría a construción do edificio nos seus orzamentos de obras.
Máis tarde, o Alcalde, en escrito ao DXEM, manifestaba que, tras os esforzos levados a cabo pola Corporación e o pobo da comarca, en especial as súas clases modestas, se fixera posible a oferta dos terreos necesarios para o Instituto, polo que lle pedía dera orde ao Servizo Técnico para que se desprazara a Monforte e comprobara as condicións dos mesmos, co obxecto de facer a cesión legal do solar proposto. De seguido, o DXEM comunicou ao Alcalde que, visto o informe favorable do seu Gabinete de Estudios en relación co solar da rúa San Pedro que o Concello de Monforte cedía ao Ministerio, era aceptado.
Con posterioridade, a Corporación deu lectura a un escrito do DXEM que pedía activar o expediente de cesión formal do solar, de modo que a escritura de cesión tivera lugar en 1963, a fin de evitar unha demora na construción do Instituto. Como o Concello tiña problemas de financiamento, o Alcalde destacou o escrito enviado ao Consistorio por once significados veciños, onde sinalaban que coñecedores das dificultades que tiña a Corporación para o pagamento do solar, co fin de resolver o problema, estes e outros noventa e cinco comprometéronse a poñer a disposición do Concello o importe dun millón de pesetas. En consecuencia, a Corporación acordou agradecer o modo exemplar de proceder dos veciños, consignou nos orzamentos a amortización do capital e intereses e facultou ao Alcalde para que se fixera cargo da cantidade necesaria para adquirir o solar. A continuación, o Alcalde asinou as escrituras de compravenda das parcelas que conformaron a finca que se cedeu ao MEN.

Creación da Sección Delegada de Ensinanza Media de Monforte.
Por Decreto 293/1964 creouse a Sección Delegada de Ensinanza Media de Monforte de Lemos mixta, adscrita ao Instituto de Lugo, masculino. Despois, a Subsecretaría do MEN fixo público a adxudicación das obras para unha Sección Delegada tipo B de Instituto Nacional e comezou a construírse un primeiro edificio de dúas plantas e 1888 m2, con capacidade para 400 postos escolares. Unha vez rematadas as obras, unha orde de 1965 dispuxo a súa posta en funcionamento, as actividades administrativas comezaron o 1/9 e as académicas o 1/10 e durante dous cursos dependeu do Instituto de Lugo.
As solicitudes de alumnos de ensinanza media no Instituto víronse desbordadas desde un principio. Así quedou expresado na Acta da Comisión Municipal Permanente, onde se manifestou o descontento do Concello por non ser aceptados máis dun centenar de alumnos por falta de espazo e material didáctico para efectuar estudos na Sección Delegada Mixta. Ante esta situación, a Corporación ratificouse nos ofrecementos feitos de terreos, co obxecto de ampliar a Sección Delegada a Instituto de Ensinanza Media cunha capacidade non inferior a mil prazas. A resposta do Ministerio de Educación e Ciencia (MEC) foi a creación do novo Instituto Nacional de Ensinanza Media Mixto, segundo Decreto 2289/1967, co que se extinguiu a Sección Delegada.

Creación do Instituto Nacional de Ensinanza Media Mixto de Monforte.
Unha Orde do 15/7/1967 dispuxo o funcionamento do Instituto de Monforte a partir do curso 1967-68 para impartir as ensinanzas de bacharelato elemental e quinto de superior. O curso principiou como instituto independente, con 24 profesores, unha matrícula oficial de 655 alumnos, 608 de bacharelato elemental e 47 de quinto curso, o que significou admitir 255 alumnos por riba da capacidade do centro. Con este motivo habilitáronse tres aulas no propio edificio, mediante o peche de dous patios cubertos e a aula de cociña como aula xeral, o que privou ás ensinanzas de fogar para alumnas do seu local. O Colexio Ferroviario cedeu, de modo provisional, varios locais, nos que se habilitaron tres aulas máis. Ademais, ocupouse algunha aula da Escola Graduada Sagrado Corazón, unha vez que a Escola de Traballo deixou as aulas de dito edificio. Empregou todas as aulas citadas ata a inauguración do novo edificio, ao comezo do curso 1972-73.
En 1968 a Comisión de Cultura elevou un informe á Corporación, no que urxía a construción do edificio para Instituto de Ensinanza Media na cidade, con suficiente amplitude e capacidade para o alumnado, nos terreos que o Concello cedera ao MEC en extensión de 12.000 m2, para o que facultou ao Alcalde o interesara do Ministro. De seguido, púxose en marcha todo o proceso para a construción dun novo edificio, un Instituto Nacional de Ensinanza Media mixto con 1280 prazas.
O proxecto de 1970 recolleu a reforma do edificio existente e engadiu un novo moito máis grande, axustándoos para obter un conxunto que cumprira coas normas establecidas para un instituto mixto de Bacharelato Unificado e Polivalente (BUP). O enlace fixouse a continuación do vestíbulo do primeiro edificio, seguiu a aliñación da rúa San Pedro ata o chafrán, desde onde continuou a liña dunha rúa de nova apertura por aquelas datas. O novo edificio, máis o reformado, que quedou en 1753 m2, consta de tres plantas cunha superficie de 6439 m2, en total 8192 m2. No edificio resultante quedaron aloxadas todas as aulas, seminarios e despachos para impartir a ensinanza con espazos suficientes para 640 alumnos e iguais espazos para 640 alumnas. Máis as zonas comúns para as distintas áreas: ciencias (tres laboratorios de Física, Química e Naturais), expresión artística (plástica, usos múltiples, ximnasios e vestiario), lingüística (idiomas), tecnolóxica (aula fogar e opcións técnicas), extensión cultural (biblioteca e gabinete de orientación) e relixiosa (capela). E a zona de administración coa Secretaría, despachos do equipo directivo, sala de profesores e cafetería, máis a vivenda para o subalterno e os servizos xerais cos aseos, conserxería e locais para caldeiras e calefacción. O orzamento para a execución do edificio cifrouse en 30 millóns de pesetas e un prazo para o remate da obra de doce meses, en 1972.

Ensinanzas que se impartiron no Instituto Mixto
No curso 1965-66, vixente a Lei de Ordenación de Ensinanzas Medias de 1953, a educación era separada para os alumnos dun e outro sexo. Os institutos podían ser masculinos, femininos ou mixtos, como foi neste caso, Instituto Nacional Mixto de Ensinanza Media, de modo que había clases para alumnos e clases para alumnas. Así, ao revisar o expediente dun alumno e máis o dunha alumna do Instituto, comprobamos que o primeiro plan de estudios que tivo o Centro foi o Plan de Bacharelato de 1957.
Os institutos de Ensino Secundario no século XX en Monforte de Lemos* Ao entrar en funcionamento a Lei Xeral de Educación de 1970, o alumnado accedía ao BUP, unha vez realizada a Educación Xeral Básica (EXB) coa obtención do título de graduado escolar. Esta Lei supuxo unha modificación importante na idade de acceso aos institutos, ao pasar dos dez aos catorce anos. A EXB pasou a ser obrigatoria e gratuíta para todos os españois e a Lei engadía que unha vez conseguido o anterior, o Goberno estendería ao bacharelato a gratuidade do ensino e proclamaba que a educación era común para alumnos e alumnas.
Así mesmo, procede expresar que o número de profesores tivo un alto crecemento ao longo dos primeiros cursos de funcionamento do Instituto, en maior medida do que o fixo o alumnado, o que demostra unha aposta pola mellora da calidade do ensino, pois consonte se implantaron as distintas leis, foi en diminución o cociente do número de alumnos por profesor, ademais dun comezo de materias optativas que foi in crescendo.

De Instituto de Bacharelato a Instituto de Educación Secundaria Río Cabe.
No curso 1971-72, vixente o Plan de estudios de 1953, o Instituto tiña os seguintes alumnos: Bacharelato elemental, 752 (21 grupos); Bacharelato superior, 307 (8); e Curso de Orientación Universitaria (COU), que se implantou este curso, 68 (2); en total, 1127 (31).
En 1973 o Director do Instituto xustificou a necesidade de instalacións deportivas, porque no proxecto do mesmo non se incluíran os campos de deportes, para os que segundo comunicación do Secretario Xeral de Programación e Inversións de Educación Física había un orzamento próximo ao millón de ptas. Co mesmo xuntaba un informe no que expresaba que o centro non tiña pista de xogos, o número de alumnos era moi elevado, o deporte era moi necesario e dispoñía de 5000 m2. E expresaba que o alumnado previsto para o curso 1973-74 era de 870 alumnos e catro profesores de educación física, que, pese a non dispor de instalacións deportivas, utilizaban os campos de deportes dos Escolapios e o Club Fluvial cando participaban en competicións. Iso si, o Instituto tiña ximnasio cuberto, unha sala para alumnos e outra para alumnas. Non obstante, ata o curso 1995-96 o Instituto non disporía de polideportivo cuberto, a compartir co Instituto de Formación Profesional Daviña Rey.
En 1974 o Xefe de División de Planificación informou sobre a transformación do Instituto Mixto de Ensinanza Media en Instituto de BUP, en función de que para o ano seguinte calculaba unha poboación de 14 a 17 anos no Concello de Monforte de 1208 alumnos e na comarca de 2782 e desta poboación estimaba que se inclinarían por BUP 1137 alumnos de toda a comarca. E indicaba que estaba prevista a transformación do Colexio Escolapios en Centro de BUP con 250 prazas e a Divina Pastora con 96.
No curso 1979-80, co Plan de estudios de 1975 implantado, había un total de 876 alumnos oficiais, 731 de BUP (251 en 1º, 246 en 2º e 234 en 3º) e 145 de COU, ademais de 18 alumnos libres, cun total de 48 profesores, é dicir, doce anos despois de funcionar como instituto independente dobrou o número de profesores, mentres o incremento de 221 alumnos representou un escaso terzo.
En Monforte, dende mediados dos oitenta e ata finais dos noventa, funcionou un centro colaborador do Instituto Galego de Bacharelato a Distancia, que tivo a súa sede no Instituto.
En 1996, coa implantación da Educación Secundaria Obrigatoria, o Instituto constituíuse con 16 unidades desta etapa, ao ter adscritos os alumnos dos tres colexios públicos de Monforte. En 1997 figura o cadro de profesores de ensino secundario e a súa denominación como IES Río Cabe. En 1998 produciuse o traslado das ensinanzas do Centro de Educación Permanente de Adultos ao Instituto, estableceuse o bacharelato da Lei Orgánica de Ordenación Xeral do Sistema Educativo nas modalidades de Ciencias da natureza e da saúde e Humanidades e ciencias sociais e foi autorizado a impartir bacharelato para adultos. En 1999 asumiu ensinanzas de formación profesional, en concreto o Ciclo Superior Animación de actividades físicas e deportivas.

*Este texto é un resumo do recollido no libro "O ensino na Terra de Lemos nos séculos XIX e XX".
Gómez, Pedro
Gómez, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES