Como fan os salmóns
Cachaza Platas, Mercedes - jueves, 04 de julio de 2024
Sempre dicimos que a natureza é moi sabia.
Nesto, estamos todos de acordo.
A natureza é creada e sostida por unha forza superior que os católicos chamamos Deus e funciona moi sabiamente.
Tan sabiamente que nos dá exemplos de vida toda a creación, tódolos días do ano e as vintecatro horas do día.
Hoxe imos pararnos a pensar no exemplo que nos dan os salmóns, os salmóns salvaxes, por suposto.
Ademais de ser un alimento exquisito que dá lugar a variadas receitas culinarias, tamén é un animal exemplar.
O salmón ten unha vida asombrosa.
Nace nos ríos onde permanece un tempo ata que decide irse río abaixo cara ó mar: quere explorar, quere ver mundo, fortalecerse, relacionarse, coller experiencia pero sen esquece-la súa orixe.
Nadar a favor da corrente, seguramente lle resultará doado e pracenteiro como nos pasa xeralmente ós humanos coa explosión da xuventude cando pensamos que temos forzas para come-lo mundo.
Cando lle chega o momento de reproducirse volve ó lugar de nacemento; pero nadar río arriba, supón grandes sacrificios.
Esfórzase todo canto fai falta para conseguir o seu obxectivo: a reproducción, que é a súa misión.
Nesta etapa da vida si que nos dá exemplo de esforzo nadando contra corrente e incluso salvando grandes alturas; pero coste o que coste, é fiel á súa misión e retorna á orixe.
UN BO EXEMPLO PARA NÓS
Hai moita rapacería que loita con tódalas súas forzas para conseguir unha formación integral que lle permita levar unha vida moi digna na súa etapa adulta, aportando o mellor de si á humanidade.
Algúns teñen que vencer moitos obstáculos como lle pasa ó salmón cando vai río arriba; pero teñen clara a súa misión: aportar todo o seu talento á construcción dun mundo mellor para todos.
DÁ GUSTO VER COMO A SÚA MIRADA IRRADIA LUZ E VIDA.
Esa xuventude será a que tire do carro nun futuro próximo.
Esa rapacería é a garantía de que o futuro creado por ela, promete.
Igualmente: hai moitos adultos que loitan contra corrente para sacar a familia adiante.
Son moitos os adultos que se enfrontan a problemas económicos; pero con esforzo e tesón son capaces de sacar pan de debaixo das pedras.
Outras persoas loitan coa enfermidade que é a peor das loitas.
E tamén os coidadores padecen por dar atención a doentes vítimas de enfermedades moi agresivas.
Son moitas as persoas que loitan por construir un mundo mellor desde a súa situación: como funcionarios, como membros de familia, como empresarios, como estudiantes, como profesionais de todo tipo.
ABERTOS A UN FUTURO PROMETEDOR
Con persoas dispostas a dar o mellor de sí, o futuro promete.
Promete; pero a veces resulta difícil realizarse profesionalmente no lugar de nacemento e formación.
Moitos talentos vense obrigados a desprazarse incluso a países extranxeiros unha vez rematados os estudios con moi boa nota.
Cómpre darlle cabida a tanta xuventude que merece realizarse plenamente no seu lugar de nacemento.
No caso contrario ocasionan moitos gastos ó lugar de orixe e os froitos da súa formación e talento van a parar a outro sitio.
Mentres o noso país recibe persoas doutros países menos desenvolvidos, unha parte da nosa xuventude vese obrigda a desprazarse a outros con mellor nivel de vida.
¿ESTAREMOS PERDENDO TALENTOS?
Seguramente, pero neste momento as cousas van así.
Hoxe en día o mundo é unha aldea global.
A nosa xuventude está mellor preparada que nunca e sabe moverse.
Sabe moverse pero tamén sabe conserva-las raíces.
Sempre os galegos soubemos conserva-las raíces.
Confiemos que os talentos que se ven obrigados a desprazarse, volvan canto antes e aporten experiencia e riqueza á terra que os viu nacer, medrar e formarse.
Superarán a proba de emigración e volverán enriquecidos para devolver o que lles deu a terra nai.
Porque terra nai non hai máis que unha, como dicía Rosalia:
"Miña terra, miña terra, terra onde eu me criei, hortiña que quero tanto, figueiriña que prantei".
O amor á terra non se esquece nunca.
Os galegos levámolo moi metido nos xenes.
Non nos mete medo ir polo mundo porque sempre lavamos a Galicia no corazón.
Somos valentes, temos a forza do vento do norte, somos como o salmón salvaxe.
Ímonos pero acordámonos de volver.
"VIAXE DE IDA E VOLTA"
Este será o título do seguinte artigo
Moitas grazas por terme na súa consideración nesta ocasión.

Cachaza Platas, Mercedes
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora