A fraga das gaivotas
Cabada Castro, Manuel - miércoles, 03 de julio de 2024
Edificios e vivendas das modernas cidades ás que lles cadrou seren erguidas á beira do mar constitúen xustamente o que aquí denomino a fraga das gaivotas. Viven estas nos amplos altos dela coma donas e señoras de tellados, azoteas e dun moi variado tipo de dependencias. Nun universo multicolor residen estas albas criaturas. Nacen, medran, voan e aterran na liberdade do seu sempre aí estar. En simbiose de vida e xuntanza respectuosa e tolerante cos humanos. Na liberdade do seu propio ser e estar aí.
Así era Alba (dela falei non hai moito en "Teño unha gaivota amiguiña" nun xornal). Nacera ela da áxil e branca crista dunha oceánica onda que un día viñera romper con maxestosa sonoridade á beira dun fermoso areal mariño. Filla dun soño virxe, oriúnda do vento e do mar, roulou a súa onda durante un tempo sobre o bambeante lombo do mar ata que, ó final, decidiu ser ave no canto de escuma efémera e perecedoira.
Criatura é ela, pois, terráquea e mariña, celeste e acuática. De técnicas ou artefactos humanos non se vale para continuar a soñar, vivir ou finar. Aínda que non! As gaivotas non morren. Pois nunca de tal cousa se decatan. Só somos nós os que iso facemos ou sabemos, por máis que isto non sexa tampouco tan simple, pois só morre en realidade e de verdade o "outro", non un mesmo.
Agora ben, tras longa peregrinaxe polo mundo adiante, son dende hai pouco veciño das gaivotas e convivente ademais con elas na aludida fraga férrea e pétrea da galega cidade herculina. Coñecémonos, pois, nas alturas, onde brisas, ventos e chuvias van e veñen no noso -ó tempo comunal e variado- devir. Ante a crecente mecanización e instrumentalización das nosas vidas é sen dúbida o espontáneo comportamento do nacer e do vivir destas albas criaturas un sorprendente desafío ós modos fríos e autosuficientes de os humanos vérmonos a nós mesmos.
Ben á vista de todos está o coidadoso nacer, vivir e convivir destas nobres criaturas. O amoroso e vixiante coidado das pardas e pequechas crías dende o seu primeiro aparecer neste mundo por parte das nais gaivotas que lles dan vida. Os humanos non somos tan diferentes. Hai entre elas e nós un misterioso aire de familia.
Falo e converso con estas albas e anxélicas criaturas. E respondo en noites estrelecidas con maina voz ós seus comprensíbeis berros ou clamores cando, nalgún meu involuntario descoido, me achego algo máis ó preciso lugar onde sixilosamente está a medrar a nova, pequecha e gris, aprendiz de gaivota. Baixará entón a gaivota coidadora en lixeiro e medido voo dende media altura cara á miña humana presenza, randeándose, ó xeito dunha onda mariña, moi preto de min nun xogo aéreo seguramente aprendido ou herdado de innumerábeis xeracións precedentes.
En canto a min, sempre ante ela me desculpo ofrecéndolle agarimosamente os meus respectos nesta lingua nosa e miña. Entendémonos ben. Coido que mo agradece. Percibo ademais alá no fondo que ela baixa ou se rebaixa onda min cun non sei que de misteriosa, mutua e cómplice simpatía.
Non hai dúbida. Pertencemos elas e mais eu a un mesmo misterio que nos envolve e atravesa. Vivimos á deriva ou sabemos máis do que pensamos?

Cabada Castro, Manuel
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora