Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Ramón Díaz Raña. O home, a persoa, o crego: sempre rodeado da súa xente

Campo Freire, Xaquín - lunes, 01 de julio de 2024
San Sadurniño, 29-06-2024.

Pídenme aportar un testemuño sobre Ramón Díaz Raña, nos seus tempos de crego de San Sadurniño. Síntome moi afortunado por terdes pensado en min. Moitas grazas.
Permitídeme previamente saudar a Conchi e a toda a familia.
Son condiscípulo de Ramón nos doce anos de estudo desde 1951 ata 1963.
Recén ordenados de cregos unha equipa de tres compañeiros estabamos destinados para unha misión especial en Brasil. Finalmente non puido ser porque o bispo pensou en Ramón para secretario persoal. E foi ben así.
É ben difícil escribir sobre o pasado de ninguén, porque, por sorte para todos, a realidade é sempre máis universal e moito máis rica de como un a ve e a viviu.
Pero tamén por iso mesmo, sen esa visión de cada un, a percepción desa realidade fica sempre menos completa, anque sexa pouco o que se engada. Moitos poucos achégannos máis a verdadeira realidade. Moitas teselas xuntas fan un fermoso mosaico.
Quen queira coñecer a Ramón Díaz Raña ten de ler os seus moitos escritos en distintos medios, linguas e publicacións. Pero, aínda así, máis do que repetir un relatorio cronolóxico de feitos, sempre interesante, a persoa segue a transcender todo iso e eu quixera centrarme hoxe no home que eu coñecín e no que a min me impactou.
Na súa longa enfermidade fun un máis dos que mantivemos relación moi achegada cando a vida xa nos sitúa fronte á nosa verdadeira verdade persoal e esencial no encontro persoal co Deus da paz. Foi un home moi de Deus e profundamente crente no Xesús dos pobres e enfermos e necesitados de promoción humana e de espiritualidade transcendente, asentada cos pés na terra, e revitalizadora de todos os avatares humanos.
Pero isto forma parte do íntimo que en Ramón era a fonte da súa riqueza persoal e da creatividade extraordinaria traducida en feitos. Só vou citar algúns:
Catareliña. Cooperativas. Conversas nas casas, Boa Nova. Movemento de cregos e leigos na liña comprometida coa nosa realidade cultural, lingüística, social, económica, sanitaria e, por suposto, espiritual. Un pobo sen espiritualidade, que é máis ampla que o estritamente relixioso, non ten vida e esmorece: Estaría sen patrimonio espiritual.
O Ramón que nós temos coñecido, adulto e xa feito, é fruto de moitos influxos universais. Viviu en Roma todo o Concilio Vaticano II. E tivo a grande sorte de participar en primeira persoa e moi activamente, con influencias directas a través de moitos bispos de tendencias abertas. O coñecemento do mundo que aquilo lle deu foi amplísimo e fondo.
E tamén coñeceu o contraste dos ultraconservadores, por veces fanáticos e outras veces vítimas de dores e sufrimentos dos países pobres e perseguidos.
Ramón foi un home dunha gran visión. Desclasouse da clerecía, cara abaixo, cara ao mundo do campesiñado e emigrante do que el procedía, no que había un latexo de vida e unha esperanza que comunitariamente tiñamos de facela posíbel no imposíbel para que rexurdira no máis aló dos desconcertos do tempo. A dinámica dos pobos. A alma colectiva é a que temos que saber recollermos. Aí hai moito máis que figuras individuais: Está o NÓS. Os mitos, as lendas, os contos, as alegrías, as angustias e as esperanzas.
Posteriormente volve a Roma á Universidade Gregoriana por estudos. Ía para bispo se non cambiasen os aires con Monseñor Rouco. Chegaba a lei do péndulo coa xira máis conservadora nas políticas de exclusión de Margaret Thatcher e Ronald Reagan que aínda perduran hoxe no mundo.
Non vou falar de Saraibas nin das obras materiais nas que el mesmo traballou fisicamente. Nin sequera de O Pumariño. Diso sabedes máis e moito mellor os de aquí.

Pero si vou citar o seu papel decisivo en tantas cousas:
- Na Romaxes de crentes galegos. E na creación de IRIMIA e Encrucillada.
- Reforma da Igrexa en Galiza, sabendo que ela tiña aínda un papel importante
- Encontros de cregos galegos nunha liña conciliar Vaticano II e aberta, reunións aquí cada 15 días.
- As súas viaxes percorrendo quilómetros sen xeito e ás deshoras por España adiante e pola nosa Galiza enteira para logo non encontrar a persoa ou volver para a casa con un non descorazonador. Pero el volvía a teima.
- A Lotaría dos millóns en Santaballa. Canto loitou para convencer á xente para reinvestir en negocios produtivos e rendíbeis para eles, certamente, pero tamén pensando en prol da Galiza e non en desbaldos baratos e efémeros que en pouco tempo se esfumasen polos sumidoiros da gran banca en intereses foráneos, alongados e distantes de nós e da mellora do noso país, como así sucedeu.
- Non foi capaz de os concienciar e acusábano de ter intereses persoais e especulativos. Iso doeulle. Non era verdade. Cansou.
- Do conflito de As Enchousas que vivín moi perto e en primeira persoa.
Por que non me estendo en cada capítulo? Todo isto e moito máis merecen varios artigos de fondo para facermos entre todos unha aproximación á verdadeira figura non só de Ramón senón de todos vós, os anónimos que vivistes esa época conxuntamente con el. Se pensades facer unha publicación que realmente nos achegue e nos perpetúe o home a persoa o crego xa sería ben. Pero con el todos vós. Porque esta praza é de todos vós.
Os actos desta celebración son necesarios e imprescindíbeis. Pero a memoria perpetúase na memoria do NÓS colectivo que é quen lle dá consistencia e transcendencia ás comunidades, máis alá do tempo, das persoas e das vidas individuais.
Eu anímovos a tal empresa, que non é moi custosa economicamente e si favorece novos actos da nosa memoria. E en vós hai vida e xuventude. E hai autoridades que vós elixistes e que están aquí presentes.
Estamos diante dunha personalidade moi rica pero moito máis se a situamos no medio dos seus fregueses como el estivo sempre.
Se faltades vós e as xeracións vindeiras, podemos ter cordas illadas que dean notas soltas ao aire. E xa é moito.. Pero se á guitarra lle falta a caixa se resonancia ou os amplificadores, que sodes vós a comunidade das terras de San Sadurniño, daquela non pode haber música. Só convosco, con Ramón no medio, pode haber novas melodías e cantareliñas. Só con vós pode seguir a historia viva e non só recordos perdidos na memoria
Ben merece San Sadurniño volver sobre outra parcela da súa memoria vizosa e chea de honras, con mulleres e homes, con mozas e rapaces que vindes detrás puxando con forzas e preparación excelente.
Vou pedirlle prestada a Curros Enríquez a súa voz no poema pola unión para expresarvos os vivos desexos de Ramón Díaz Raña
Galegos que me escoitades, / galegos que a verme vides
hoxe de eiquí non saídes / sin face-las amistades!
Das nosas debilidades / o diaño non se ha de rir.
Vámonos todos a unir, / matando rencores cegos;
que na unión dos bos galegos /está da patria o porvir!

QUE SIGA SEMPRE VIVA A MESAXE DE RAMÓN DÍAZ RAÑA.
GRACIÑAS A TODOS. Moitas grazas.
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES