Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Etnorituais no Santuario do San Bartolomeu de Abragán, O Corgo (Lugo) (4)

Blanco Prado, José Manuel - martes, 02 de julio de 2024
V. 2. A vigaría de San Bartolomeu de Abragán entre os anos 1690 ao 1769.
Esta vigairía dependía do mosteiro de Samos, que levaba todos os froitos. Estaba administrada polo párroco de Marei, nomeado D. Luís Teijeiro, ao que o mosteiro lle entregaba inicialmente cada ano catro ducados(1) e os froitos menores (2). Posteriormente, dende o ano 1719 ao 1761, ía ser rexida polo crego D. Alonso de Páramo, que levaba tamén a freguesía de Marei. Finalmente, dende o ano 1761 ao 1768, a súa administración ía recaer no crego D. Antonio Núñez de Fontela (3). Estes cregos dirixían esta vigairía coa axuda dun mordomo, que se encargaba de cobrar as primicias (4) aos que habitaban esta área territorial. Estes entregaban "a primicia" en especie, empregando como unidade de medida a fanega (5), o ferrado (6), e algo o celemín (7). A primicia non era igual para todos, xa que había unha primicia especial para os pobres (8). Ademaís, os veciños do lugar de Lago pagaban a metade da primicia a capela de Abragán, e a outra metade á igrexa de Marei, posiblemente debido a algún servicio eclesial, que lles proporcionaba a devandita freguesía. Algúns exemplos de primicias: Ano 1702. Total da primicia. Dúas fanegas de pan de primicia, máis tres reais (9) de primicias dos pobres. Ano 1707. Dúas fanegas de pan e un celemín de pan. Ano 1712. Once ferrados e dous reais dos pobres. Ano 1715. Once ferrados e un celemín. Ano 1730. Dúas fanegas, dous ferrados e a terceira parte doutro de pan. Ano 1743. Dúas fanegas, dous ferrados e a terceira parte doutro. Ano 1763. 14 ferrados e un tercio doutro pola medida vella. Ademaís, no libro de Fábrica, adoitaba poñerse o prezo da "unidade de medida" máis específica da primicia. Así, no ano 1702 a fanega valía 22 reais. No 1712, 22 rs. No 1730, 18 rs. No 1761, 44 rs… (10). Pola súa tarefa, o mordomo adoitaba cobrar unha pequena remuneración económica ou subsidio. "A este maiordomo un real y 14 maravedis. de subsidio. Ano 1758". Dende principios do século XVIII ata o ano 1769 (11), houbo un bo número de mordomos, que colaboraron nas tarefas de administración co crego encargado desta vigairía (12). Nesta labor de administración cómpre sinalar o pago da "décima" ao Colexio Seminario de Lugo (13). Etnorituais no Santuario do San Bartolomeu de Abragán, O Corgo (Lugo) (4)Tamén, diferentes arranxos que houbo que realizar tanto no interior como no exterior da capela, así como a incorporación de determinados materiais e obxectos de culto. Así, no ano 1702, o visitador pastoral mandou ao crego D. Luís Teijeiro, que as débedas pendentes dos mordomos de anos anteriores se empregasen en reparar as paredes e o teito da igrexa; e no caso de que non alcanzasen os cartos, requirise ao Abade de Samos para que puxera o que falte (14). Anos despois, no 1720, mercaronse uns santos; un misal; un cáliz; un pano de mans; ademaís, realizaronse algúns arranxos no interior e no exterior da capela. No ano 1736, lévouse a cabo a reconstrucción da igrexa, que supuxo un custo de 630 reais. Máis adiante, no 1743, adquiriuse un retablo por 498 reais. Finalmente, xa no ano 1763, fixose un pagamento de case 400 reis, distribuidos do seguinte xeito: 48 rs., para as taboas da porta da igrexa; para comprar as visagras; a chave e pechaduras. 17 rs., que cobrou o carpinteiro por construir a porta cos seus marcos correspondentes. E 323 reais por realizar de novo o pé do caliz, que era de chumbo, e ao que se lle engaden sete onzas e media de prata (15); neste último pago van incluídos tamén a reconstrucción da copa, a patena así como os seus dourados.
Por outra banda, tanto as primicias como os gastos da capela eran regulados polo bispo da diocese ou no seu nome por un visitador pastoral, que case sempre era un coengo da catedral de Lugo. Así, todos os anos entre os meses de xuño e setembro, levábase a cabo unha Visita Pastoral a esta vigairía. Case sempre, tanto o bispo (16) como o visitador pastoral (17) aceptaban as contas, que lle amosaban o crego e máis o mordomo. No obstante, algúns anos - un no 1702 (xa visto) e outro no 1724 -ante notario- mostraron as súas queixas ao crego, que levaba a vigairia, pola falta de atención, que lle prestaban a capela.

NOTAS:
1. Moeda castelán. O seu valor era de once reais ou trescentos setenta e cinco maravedíes.
2. GONZÁLEZ MURADO, Oscar: Estado das Igrexas do Corgo á principio do Século XVIII, en Corga (Revista Anual do Centro de Estudos do Corgo), nº 9, 2022, páx. 42.
3. Arquivo Central Diocesano. Parroquia: Escoureda. Abragán (Capilla). Libro de Fábrica, nº 1. 1690-1769.
4. COORPOREY, Fernando.: Tratado de la historia de las religiones. Ed. Cristiandad, pp. 235.
Era a ofrenda que, na orixe da formacióndas relixións e crenzas dos pobos antiguos dábase as divindades con motivo das colleitas; o nacemento das crías do gando; ou a caza ao tempo de iniciarse estas. No cristianismo, a primicia pasou a ser a parte voluntaria, que se ofrecía a Deus, a primeira entre todas. Ao inicio da Idade Media, era como unha renta polo uso de terras, que eran propiedade de igrexas e de ordes relixiosas. Logo, foise incorporando, como o dezmo, aos beneficios eclesiásticos, e que constituían as formas de financiación fundamental da igrexa católica ata ben entrado o século XIX.
5. En Galicia, unidade de superficie equivalente a dous mil centro tres metros cadrados. Unha fanega= case cinco ferrados.
6. https:// www. campogalego.es.
Como medida tradicional agraria máis extendida en Galicia, o ferrado é un recipente de madeira, que amosa unha forma rectangular de aproximadamente 60*30*20 cm., con capacidad para entre 12 e 20 quilogramos, segundo o tipo de cereal ou leguminosa. Aínda que en termos xerais, soe establecerse a equivalencia dun ferrado ó redor dos 500 metros cadrados, hai variacións importantes entre concellos e mesmo parroquias. Unha das explicación para entender esta desproporción está en función da fertilidade do terreo. A máis fértil, menos ocupa un ferrado, e dicir canto máis productiva sexa unha terra de labor menos espacio necesita esta para obter a mesma cantidade de cereal. A comezos do século XIX, co nacemento dos concellos, foise unificando a medida para cada municipio. Así, no Corgo a medida do ferrado sería na actualidade de 436 metros cadrados.
7. En Galicia o celemil coñecese como ferrado, aínda que xa vimos que hai variacións dunhas zonas a outras.
8. Exemplos: Ano 1702. Tres reais de primicias de pobres. Ano 1720. Un real e medio de primicias de pobres. Ano 1733. Un real de primicia de pobres.
9. No século XVIII, había reais de prata. ½ real, 1 real, 2 reais, 4 reais, e 8 reais. Tamén, había moedas de cobre: o maravedí, ½ cuarto, cuarto.
10. Arquivo Central Diocesano. Parroquia: Escoureda. Abragán (Capilla). Libro de Fábrica, nº 1. 1690-1769.
11. Ano no que remata o Libro de Fábrica existente sobre a vigairía de San Bartolomeu de Abragán.
12. Así podemos sinalar aos seguintes: Ano 1702, Domingo López. Ano 1707, Angel Mourelo. Ano 1712, Domingo López. Ano 1715, Antonio Mourelo. Ano 1720, Pedro Díaz. Ano 1733, Bernabé Fdez. Ano 1736, Diego Mourelo. Ano 1740, Jacobo Ribera. Ano 1743, Felipe Mourelo. Ano 1748, Francisco de Sta. Cruz. Ano 1752, Juan Mourelo. Ano 1758, Manuel do Porto. Ano 1761, Juan Capón. Ano 1763, Cayetano Mourelo.
13. A décima era unha contribución pecuniaria que todas as freguesías da diócese lle facían ao Colexio Seminario de Lugo para colaborar non seus gastos. Exemplo. No ano 1715, tres reais e dous maravedíes. No 1720, tres reais e nove mrs. No 1733, cinco reais e catorce mrs. No 1750, catro reais e vintenove mrs. No 1757, sete rs., e vinte dous mrs.
14. Xa vimos como S. Bartolomeu de Abragán é unha vigairía, que depende do mosteiro de Samos.
15. Unha onza de prata equivale a 31 gramos.
16. D. Lucas Bustos de la Torre, realizou a Visita pastoral nos anos 1701, 1702, e 1706. Logo, nos anos 1750, 1754 e 1763, fixo a visita o bispo D. Francisco Izquierdo.
17. Nos anos restantes, salientamos as seguintes visitas, realizadas case sempre por coengo. No ano 1713, D. José Quiroga, canónigo. No 1715, D. Froilán Sánchez, canónigo, que repite no 1719. No 1724, D. Francisco Xabier del Barcd. No 1740, D. Antonio Felipe, canónigo, que repite no 1743. No 1748, D.Carlos Saavedra, canónigo. No 1757, D. Antonio Rodríguez, canónigo. No 1761, D. Romualdo Izquierdo, canónigo. No 1768, D. Jerónimo Agudo, canónigo.
Blanco Prado, José Manuel
Blanco Prado, José Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES