Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O cabalo de Troia entra na casa

Pinto Antón, J.A. - viernes, 28 de junio de 2024
Envelenado agasallo dos aqueos aos troianos. Mentres a sacerdotisa Cassandra advertía inútilmente contra o cabalo de madeira. Pero, ai, os deuses dictaran que non fora escoitada a súa clarividencia.
Coñecemos a historia. Na panza do cabalo agachábanse os guerreiros que abriron as portas da cidade inexpugnable. Ao fin, tomada e saqueada. Dez veces incendiada e nove veces reconstruída na súa andaina milenaria.
Hoxe, o cabalo de lume avanza desbocado por Arxelia e Túnez, Italia e Grecia. Pronto abrirá as portas en España. Unha brétema de fume tamiza a atmósfera do planeta polos incendios que arrasaron no bosque boreal de Canadá dez millóns de ha., un quinto da superficie de España. Sen datos da Siberia do zar Putin ou da Amazonía devastada polo lume para saciar o pantagruéico apetito de carne.
O cabalo do lume entrou nas fermosas illas gregas de Corfú, Eubea, Rodas, cheas de natureza, beleza, historia, arqueoloxía, templos. Nin o coloso de Rodas foi quen de deter ao exército das lapas. "Loitamos contra a furia da natureza" di o premier Mitsotakis. Non é certo. Foi o bípède humano quen abríu a caixa de Pandora e ceibou o lume nunha ondada de calor e fortes ventos que arrasasaron Grecia, berce cultural de Europa. 594 incendios en dez días de xullo pola neglixencia, a maldade e furia humanas. Na outra beira do mar 97 incendios devastan a desértica Arxelia. Na veciña Túnez, desde o 2.000, a cuberta vexetal tense reducido un 6%.
O goberno grego investiga os incendios que arrasaron 51.000 ha. Non haberá que afondar moito para atopar estupidez, cobiza, maldade e o negocio do lume que tanto apetito económico esperta.
A astucia de Odiseo abríu unha fenda nos muros de Troia pero ninguén escoitou á visionaria Cassandra. Pasa agora coas nosas ‘sacerdotisas’ do saber, cos científicos, ecólogas, climatólogos, físicas e matemáticos. Estudan a natureza e os rumbos do planeta pero non son escoitados. As súas investigacións naufragan nos medios, ao tempo que polo alcantarillado das redes circulan as mentiras dos bocapodres e o negacionismo climático. A xente que foxe das verdades incómodas, incapaz de escoitar argumentos que os científicos poñen diante dos ollos, abre os oídos aos apóstolos da estupidez que nada saben pero atordan. Aterra que medren os partidos negacionistas, escépticos diante das evidencias científicas da visionaria Cassandra.
O planeta seguirá xirando. Connosco, sen nós ou contra nosoutros. O cabalo de Troia está construído coa madeira dos bosques que arden con infinito entusiasmo na Amazonía, Canadá, Siberia, nas dúas beiras do Mediterráneo.
Mentres miramos o embigo, pechamos os ollos ás evidencias e acubillamos os nosos medos. Agora xa sabemos que na panza do cabalo de Troia arde o lume que queima a casa.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES