Presentase así: "Nené baila unha danza de resistencia ao redor de Heinrich, nunha escena de xadrez que os volve invisibles. Os dous sobreviven nun mundo en crise, nun teatro de máscaras onde nada é o que parece e a identidade se torna un xogo, un intercambio efémero entre bambolinas. Asalariados, estafadores ou grandes cínicos, os

dous deambulan na procura dunha esquina limpa na costa galega para nadar ou para naufragar, para ocultar o seu amor entre dunas ou para sentirse vivos. Saben que a farsa empeza na propia gorxa. Que o silencio é un baixío que hai que evitar. Que o valor dunha conversa é infinito no perfil das apetencias. Aprecian tanto o que beben coma o ticket que amosa a súa consumición."
Esta obra ganou o XXV Certame de Narración Curta Ánxel Fole, que anualmente organiza o Concello de Lugo coa colaboración de Edicións Xerais de Galiza. O xurado, composto pola pola escritora Beatriz Dourado, o escritor Xerardo Quintiá e o tradutor Alexandre Alonso escolle esta obra por unanimidade. Argumenta que se trata dunha novela narrada de modo moi visual que fala sobre a soidade e está inzada de arrebatos literarios; un texto dramático que destaca pola súa orixinalidade e nel reflexiónase sobre a relación que se establece co material e cómo isto se reflicte na nosa vida.
Maria Solar en Zig Zag di que non sempre as cousas son o que parecen e no diálogo coa autora demostrase. Porque a narración semella unha obra de teatro dividida en actos e escenas, unha novela transmedia con fotografías, descricións e instrucións, advertencias ao lectorado, reflexións, lendas, recibos de gastos en restaurante, correos electrónicos, anuncios, entrada de wikipedia... unha obra que ten moito que ver co cine, incluso co cine para cegos, en determinados momentos. Unha novela curta que se obtén por eliminación, por recorte dende unha narración de moitas máis páxinas.
O pranto coma un visitante asiduo, por unha e outra parte. Dous personaxes que viaxan xuntos pola xeografía física e humana, pola propia e a allea, facendo un camiño co mar no horizonte e pisando Galicia. A crise presente, a pasada e a que neste momento os enfronta aos restos do combate. Un país que serve de escenario pero que non se explica, que deixa a súa verdade no aire e a súa interpretación no silencio, pero todo "depende", "Nos estamos ao que veña, non hai outra".
Un texto que ha de rematar o lector ou lectora porque igual que na poesía non se di todo, queda algo para que complete quen le, para que lle achegue o sentido que o remate. Por iso, dan moito para falar estes libros, moito espazo á reflexión
Un finximento que parte do título e asume o teatro. Un engano ao lectorado ou un xogo de espellos nos que pouco a pouco imos desvelando a realidade. Unha linguaxe seca e xusta, de frases curtas e ritmo que avanza, pero tamén poética nesa síntese. Esas verdades que xorden da escrita: "o marabilloso oficio de remexer o lodo do mar ata atopar o teu pasado e tráelo á superficie para alimentarte", A auga regresa ao seu lugar orixinario para comezar o seu ciclo", "Esta banda do mundo onde aínda hai lugares que semellan non ter dono"... pero tamén eses actos realizados sen explicación polos que queda unha planta sen poder completar a fotosíntese, sen permitir que o alimento do chan chegue ás follas; unha crueldades sen razón.
Un percorrido pola costa que comeza no Barbanza e remata en Muxía. Un corpo de balea, enorme e antigo, que non sabe que facer coa súa presenza. Un contrato ao que se regresa para ver os límites da convivencia. Unha modalidade de relación no gume da navalla que pode rematar de calquera maneira... o medo pairando o ceo de todo tipo de aves. Crear a realidade para fuxir daquela na que estamos inseridos, crear as persoas e as relación, crear as viaxes para que o mundo amañeza de novo á nosa medida. Finxir que somos outros fuxindo de si mesmos, será posible?
Contestar correos en branco como quen vota sen definirse pero quere que saiban que está aí, que non se abstén. A vida igual é iso...
As fotografías de Martín Lagoa son composicións a modo de colaxes compostas coa autora e que dalgunha maneira sintetizan a imaxe do capítulo, como esa matriosca que serve de cuberta con esa muller que oculta outras coma ela no seu interior, coma eses peóns de xadrez no que un negro destaca entre os brancos, os cartos e recibos, a composición de cunchas ou o vaso esnaquizado.
Finximentos e experimentos. Unha obra que non pasa desapercibida porque está construída con materiais de derribo, os propios dun mundo ao borde do abismo.